Fascismo sutil


A Historia nunca se repite, porque o tempo é irreversible e non transcorre en van. Pero hai momentos históricos tan semellantes a outros xa pasados que dan a sensación dun dejà vu, como se ao longo da existencia da Humanidade se repetisen convulsións intrínsecas ao noso xénero, nunha loita permanente entre os vectores socializantes e solidarios fronte aos egoístas e violentos, por máis que en cada época esa controversia se presente revestida de formas ideolóxicas orixinais e se realice con instrumentos diferentes. O ideal dunha sociedade igualitaria e xusta é tan antigo como o Home histórico, e tamén as formas de opresión e explotación que o empecen.

O fascismo é desde logo un fenómeno inseparable do seu momento. A súa xénese e apoxeo tivo lugar nos anos vinte e trinta do século XX, e veu determinado polo desastre bélico, a crise económica e a correlación das forzas sociais en conflito. A particular brutalidade que o caracteriza ten a súa propia cronoloxía. Sen embargo, as experiencias española e portuguesa (así como as reaparicións latinoamericanas dos anos setenta) demostran que non se trataba dun fenómeno conxuntural, e que con outra fasquía externa puido adaptarse a situacións novas, mesmo ao Estado do Benestar. E se retrocedemos no tempo podemos atopar formas de dominación bastante semellantes en épocas pretéritas, segundo percibía Marx no bonapartismo do IIº Imperio francés (mediado o séc. XIX), ou como incluso parece advertirse na ditadura de Sila na antiga Roma. No que a terror se refire, nihil novus sub sole.

Existen, claro está, trazos externos que individualizan o fascismo europeo dos anos vinte, trinta e corenta, mais hai un núcleo interno de totalitarismo político exercido polos oligarcas que reaparece con trazos semellantes unha vez e outra.

As circunstancias actuais non propician aínda -en Europa e de momento- o restablecemento daquela ditadura brutal da irracionalidade; cómpre acadar aínda un maior grao de putrefacción social e individual. O cal non significa que non se chegue a iso, incluso con rapidez se a situación llo aconsella aos que se cren en condicións de impoñelo, e a pesar das amargas experiencias non hai tanto tempo pasadas. Acontecementos recentes na propia Europa (por non falar fóra, onde somos máis propensos a admitilo) demostran que a memoria histórica vale ben pouco e que o monstro está sempre pronto a saltar. Alguén reparaba estes días no nivel de «putrefacción» conseguido xa por personaxes tan perversos como Hilary Clinton a raíz do asasinato de Gadafi, e eu non podo menos de lembrar a un patético Solana transmitindo a orde que lle ordenaran de bombardear Belgrado, ou a unha ministra arxelina (moi elegante ela á europea) xustificando o terrible xenocidio cometido polos seus contra o seu pobo. Polo que fai ás individualidades, non falta material para o fascismo.

,E o cadro social que temos de diante é dabondo sombrío. A profunda crise sistémica e tal vez histórica (¿está acaso en cuestión toda unha fase de dominio mundial occidental?), o conseguinte deterioro do Estado do Benestar e a quebra das condicións de vida das clases medias, unido ao desarme ou marxinación das alternativas de esquerda, neutralizadas por decenios de consumismo e pola acción esmagadora dos medios de propaganda, conducen ata o punto culminante esta sociedade unidimensional que Herbert Marcuse anunciaba con perspicacia xa nos anos sesenta.

Nesta situación, coas forzas democráticas «derrotadas e cativas», o Estado democrático-parlamentar é inútil e innecesario para os capitalistas, pois era resultado incómodo dunha transacción coa esquerda, cando a esquerda era alguén. O liberalismo detesta no Estado a función reguladora da economía e distribuidora da riqueza; tan só lle asigna, acrecentadas, a policial (para o control interno da disidencia) e a militar (para a agresión imperialista). No 18 Brumario Marx resaltaba esa orientación imperial do Estado capitalista despótico.

Contemplamos entón como, cun paso diferente ao marcado polas bandas lumpen dos anos trinta (fasci italianos, SA alemás ou Falange española), encamiñámonos a un resultado semellante: o sistema totalitario que corresponde á sociedade unidimensional. Pois (de novo Marcuse) o Estado democrático burgués pódese transformar en fascista de maneira gradual. Por iso, «quen non queira falar do capitalismo, que cale tamén no tocante ao fascismo», como deixou dito Max Horkheimer.

Nos anos vinte e trinta o proceso foi rápido e extremadamente violento, ao ritmo imposto polas bandas fascistas, pero foi decisiva a participación popular das clases medias alarmadas. Equivocaríase quen pensase que todos os participantes nesa marcha suicida eran xente perversa; nin sequera o eran necesariamente todos os verdadeiros fascistas. E por descontado que os líderes non eran tolos, demos, nin enfermos; tampouco todos eran fanáticos. Estaban en pleno uso das súas facultades. Atoparíamonos como naquela película en que o policía, cando por fin logra destapar o rostro do sádico asasino, descobre con asombro que se trataba dunha persoa normal, sen trazo aparente que o delatase.

Os que se precipitaron nos brazos do fascismo e arrastraron consigo o mundo á hecatombe eran xentes normais, atraídos por propostas demagóxicas e incluso mobilizados con vagas consignas anti-capitalistas. Non se enardecían con chamadas contra os dereitos dos traballadores ou en favor do gran capital (este era o programa oculto). Asomándonos aos discursos dos líderes fascistas poderíamos chegar a pensar que falaban do socialismo. O partido de Hitler apelidábase Socialista Obreiro. Naturalmente esta parte do "programa" nunca se cumpríu e a revolución quedou pendente para sempre, pois os obxectivos eran ben outros.

Os obxectivos, que se resumen no domino absoluto por parte da minoría hexemónica, seguen hoxe vixentes, e o paso se acelera nesta fase do capitalismo. A forma de acadalos segue a ser tamén moi similar: a mobilización das frustradas clases medias tras consignas simplistas, mesturando unha demagoxia inconcreta pretendidamente anti-sistema, formulada de maneira etérea e inofensiva, con certeiros ataques contra os poucos instrumentos democráticos de que con tanto esforzo e sufrimento se foi dotando a cidadanía ao longo de moito tempo e loita, como son os parlamentos abertos aos sectores populares, os partidos de esquerda e nacionalistas ou os sindicatos. Un labor eficaz de desprestixio da faceta social do Estado impulsado por xentes variopintas da burguesía (progres e carcas mesturados), que podería redundar, como outrora, no menoscabo do sistema político para consolidar a mesma estrutura social.

A fin de contas, o fascismo recorrente, pero imposto con sutileza, como as "revolucións" de coloríns, propio do discreto encanto dunha burguesía criada no Estado do Benestar.

Sorprende que xente experimentada na cultura da esquerda se deixe seducir por semellante fraude. Non sería a primeira vez na Historia. Mussolini procedía do movemento obreiro socialdemócrata.