Fanatismo, fascismo e droga no Cola-Cao
Collo prestada a proclama de alerta da “droga no cola-cao” do compañeiro Cosme Pombo e a imaxe dos esmagados de Xaquín Marín para tratar de ir convivindo coas drogas duras do momento.
O peor que lle pode acontecer a un enfermo e que lle fagan odiar e rexeitar os únicos tratamentos que o poden curar.
A xente galega esmagada polo pé de mil dedas do imperio da España da Inquisición e agora do vicio e da corrupción dos depredadores financeiros, só mira para o chan e rifa cos outros esmagados. Moitas das veces ignora o pé que ten enriba e manifesta xenreiras aos outros esmagados e ate auto-odio ao que lle é propio. Xenreira, resentimento e fascismo que lle transmite o dito pe, pe, pe,...
O rexeitamento, xenreiras e repugnancia dos partidos políticos, dos sindicatos e dos seus representantes das crases traballadoras dálle mais resultado hoxe ao capitalismo que a represión fascista. Un drogado é mais doado de manexar que un perseguido. Primeiro empurran á xente normal para que persiga e anoxe aos “corruptos e malvados políticos”, si non chega perséguente eles con todos os seus aparatos represores, somos as vítimas dun inmenso polbo que cos seus tentáculos, como o deus castigador, está en todas partes e todo o vixía e domina. Non deixa de ser un problema de perturbación mental que estea sobreestimada a adhesión e paixón polos clubs de fútbol e teñamos tanta persecución dos partidos políticos. Incluso se inventou unha clase social, que serve de “chivo espiatoro” de tódolos desastres e crimes do sistema capitalista: A “crase política” ten a culpa de todo. Conclusión: Abaixo os políticos, que gobernen os ditadores... O que equivale a dicir: Fóra Parlamentos, fóra autonomías, fóra institucións públicas, fóra democracia. E de seguido: Fora emigrantes, fóra axudas públicas para parados, que son uns vagos, para vellos, que poden traballar, para labregos que queren vivir de subvencións... Que veña alguén e poña orde. Endurecemento das penas. Máis policía, máis cadeas; menos universidades, menos escolas. Ou sexa: CON UN QUE MANDE BASTA. A TRABALLAR E A CALAR...
Aínda que me vo referir á sociedade galega afectada polas drogas, como exemplo podemos poñer aos do BNG, que non nos escapamos destes tratamentos. Cando precisan átannos e trátannos a dúas mans. O brazo mediático da mafia capitalista trata de electrocutarnos e arredarnos á marxinación. O brazo selectivo que lle chaman “xustiza”- e que non se sabe moi ben que é porque o outro brazo, que é o que todo o sabe, non o aclara -desfigúranos a cara. Ser representante político estano convertendo en algo máis mal visto que ser delincuente. A non ser que sexas do PP, ou lle esteas facendo algún favor ao PP OU AOS BANQUEIROS. Nese caso es un bo rapaz, ou incluso un líder.
Non sei se lle pasa a alguén mais, e iso preocúpame, agradecería algo de información por si é unha enfermidade e me teño que tratar, pero o meu problema é o seguinte: TEÑO A SENSACIÓN DE QUE ME CONVERTERON NUN SER TAN ALLEO A MIN E AOS MEUS SEMELLANTES, QUE AíNDA HEI MORRER E NON HEI PODER IR AO ENTERRO.
Imos con algúns tratamentos para os males sociais do momento.
Primeira norma sanitaria. NON PENSES XA O FACEMOS NÓS POR TI.
No caso da mal chamada CRISE -xa que é un fenómeno de sobre-acumulación capitalista- ou “roubo con bulimia”; o peor que acontece é que nos están drogando a todas as horas, minutos e segundos para que odiemos os partidos políticos, os sindicatos e a organización colectiva; sexa de grupo, de clase ou de pobo. Estamos rexeitando o medicamento científico e consumindo droga de bruxos fanáticos con xaropes fascistas. Canto máis expostos esteamos aos medios de comunicación, sen as debidas precaucións -e urxente ter algúns medios democráticos de masas, que non hai- peor nos vai a ir. Canto máis nos xuntemos a falar e conversar unhas xentes coas outras, e máis falemos de política mellor.
Sigamos vendo como se dan a familias e colectivos de xente normal por parte destas mulas mediáticas ou traficantes de poderío.
O carro do capitalismo ten hoxe en día dúas pezas clave: Un volante, que é a chamada peza mediática e un motor que é o poder financeiro. Se se atopa con dificultades e cómpre mais potencia tira de gasolina e queima o que se lle antolle, incluídas guerras de baixa intensidade errorismo de estado, exércitos mercenarios. Os humanos somos para este aloucado sistema capitalista aprendices de prédicas fanáticas. Non se lle pode pedir as mulas sensibilidade nin sentimentos.
TRATAMENTO PARA O PARO: Retirarlle os mecanismos de protección aos traballadores/as que eles mesmos crearan cos seus aforros para que se vexan forzados a elixir entre traballar en pésimas condicións, ir a delincuencia ou mendicidade, suicidarse ou deixarse morrer, que é parecido. En Galiza estamos no proceso de deixarnos de reproducir e ir morrendo...
TRATAMENTO PARA A DELINCUENCIA: (Non falamos da do sistema capitalista que é a que máis dano fai). O tratamento non é ter traballo, educación ou unha organización democrática dos recursos e boa distribución da riqueza. Iso sería ir ao médico.
O tratamento é: Endurecemento das penas, máis policía e menos mestres, máis cadeas, máis penas de morte e cadeas perpetuas. E sobre todo moita difusión da delincuencia (dos de abaixo) para que aumente o medo e o apoio a represión (dos de abaixo) e as ditaduras.
Como dicían os fascistas na estampa de Castelao cando fusilaban a xente que tiña pensamento propio: “Así aprenderán a non protestar”. A TVG e a Radio Galega son as mellores bruxas a hora de aplicar estes tratamentos.
TRATAMENTO PARA A VIVENDA: Que ninguén gaste máis do que ten, si non ten para pagar a vivenda pode vivir cun familiar, da caridade, emigrar, vivir baixo dunha ponte despois de pagar as taxas correspondentes ao Concello, Obras públicas ou a multinacional correspondente si é nas auto-estradas de peaxe, nalgunha estación do ferrocarril abandonada, ou simplemente, como no caso anterior, deixarse morrer.
Suicidarse é pecado e complícalle a vida a Rajoi, a Feixóo e aos seus protexidos: Os bancos. Tanto a xustiza como os bancos ou os mercados non permiten máis que dous culpables no caso do suicidio, a loucura ou o propio suicidado.
¡Imaxinádevos a un desafiuzado suicidándose pendurado polo pescozo da corda do botafumeiro o Día da Patria Galega na hora solemne do discurso do Sr. Arcebispo!
Hai outros tratamentos para a vivenda o mesmo que para o paro que consisten en ter vivendas públicas adecuadas as posibilidades da xente con menos ingresos, facerlle pagar impostos aos que están podres de diñeiro en vez de darlle amnistías fiscais e permitirlle roubar todo o aforro e levalo a paraísos fiscais. Pero iso vai contra a liberdade dos mercados que son os únicos que teñen o estatuto de “libertos”.
TRATAMENTO PARA A SANIDADE: Moi sinxelo, o mesmo que para os outros problemas vitais como comer ou vestir. QUE NINGUEN TEÑA SAÚDE POR ENRIBA DAS SÚAS POSIBILIDADES. Ademais o exceso de saúde produce mala imaxe. ¡Ollade a Duquesa de Alba! O que poida ir a un bo hospital privado que vaia, o que non que vaia a un público cando lle toque. Ademais a sanidade pública está moi mal xestionada e teremos que aturar un tempo ate que xestores privados a poñan en orde.
Por outra banda, moita xente enferma porque non se coida e abusa do viño do porco, do churrasco, do sexo; e até dos medicamentos para poder ter sexo. ¡Era o que nos faltaba, ter que pagarlle a xente por pecar e o mellor non ter cartos para soster a Realeza. A xente ten o vicio de ir dar a lata a sanidade pública. Ao ser máis cara xa deixan de abusar e vólvense mais austeros. Temos que reconverter a xente ate que sexan austeros como o home de Cromañón. E logo conservar nalgúns paraísos (fiscais si pode ser) unha elite de homo sapiens, como Botín, como Feixóo, como o Papa, para que pastoreen ao home de Cromañón.
¡Queridos/as lectores/as desta anticuada páxina de pensamento prehistórico na que estou escribindo; sinto de corazón -porque os prehistóricos inda temos corazón e sensibilidade, cousa da que xa prescindiron tódalas mulas de reparto que están dentro do paraíso- sinto ben que se estea extinguindo a medicina científica nesta Europa de varias velocidades e caos circulatorio de neuronas danadas polas drogas. Digo que o sinto pero non sei como nin onde administrar antídotos para aminorar os efectos danosos das drogas que no Cola-Cao nos poñen cada décima de segundo tanto alienado, tanto alieníxena e tanta mula transxénica. E posíbel que o antídoto sexa precisamente potenciara organización e a loita política dos propios drogados para lograr destruír os laboratorios da elite fanática, fascista e desalmada; e porque os primates temos sentimentos dariámoslle tamén un tratamento a estes descorazoados que os converta en seres que respecten aos pobos, as manadas, as relacións e falares dos humanos e volvan a ser como a xente.
¡Imaxínanse como sería un Presidente da Xunta se fose como a xente? Pois tería o que lle pedía fai pouco o portavoz do BNG Francisco Jorquera. Tería sentimentos...