Falar en nome de todos e todas, para defender os seus intereses particulares

Falar en nome de todos e todas, para defender os seus intereses particulares

Ven de celebrarse na cidade de Pontevedra, organizado por Ence, un Foro que, baixo o rimbombante título de "Desenvolvemento económico e xeración de emprego", versou sobor o futuro do que algúns chaman, sector forestal. Participaron neste foro o presidente de Fearmaga, o presidente do Cluster da madeira, o director de ordenación forestal de Ence e o director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra. Como se pode comprobar, unha representación "acaída" do sector forestal (sobor de todo da industria forestal). Mais non representativa do sector "montes", que abranga moito máis que as cuestións forestais. Por por somentes un exemplo, non estaban representadas as comunidades de montes.

A pesar da representación parcial dos participantes do Foro, atrevéronse a pontificar en nome de todos os compoñentes do sector "montes". E fano dun xeito embarullado, mesturando verdades con mentiras, usando eufemismos, co fin de que afloren os seus intereses particulares, mais que non se noten moito. Abrigados nunha suposta defensa de todos os intereses dos diversos compoñentes que conforman o sector "montes".

Así, unhas das súas conclusións é o grave abandono do medio rural que debilita o milenario lazo que unía aos galegos/as co monte. É certo que o abandono do medio rural é un problema grave que ten Galiza. Mais non é certo que existise un lazo milenario dos galegos e galegas co monte no aspecto forestal. De existir ese lazo, aínda non sería nin centenario, xa que arrancaría no ano 1946, coa promulgación da lei franquista do patrimonio forestal español que forestou polas bravas e contra os intereses da sociedade rural galega o monte galego con piñeiros e eucaliptos.

Milenariamente existiu unha relación monte-veciñanza. Mais non era forestal. Milenariamente, o monte foi o soporte do complexo agro-gandeiro, onde o uso forestal era residual (madeira para as construcións e apeiros, leña para as casas). Foi precisamente a forestación salvaxe do monte galego a que iniciou o abandono do medio rural xa que rachou o medio de vida da sociedade rural galega .

Outra das conclusións do Foro arriba indicado e que no monte existe unha burocracia abrumadora que aplasta o desenvolvemento das empresas. Téñase en conta que cando as empresas forestais falan de burocracia, están a falar de normativa colateral que afecta aos montes, como poden ser as de tipo medioambiental, patrimonial, augas... Polo tanto, cando falan de eliminar a burocracia, na realidade están a falar de eliminar as normativas. Cando falamos de monte, estamos a falar de territorio, xa que logo estas normativas sectoriais son necesarias. Cuestión distinta e que a emisión de informes destas normativas colaterais necesarias para levar adiante certas actividades nos montes, eternízase. Mais isto non é un problema da normativa, é un problema de inoperancia da Administración Pública Galega. Mais desta cuestión non falan os representantes do sector "forestal", non vaia a ser o conto que se enfade o goberno galego.

Tal como no conto do lobo e os sete cabritos, entre as conclusións do Foro, os representantes da industria forestal ensinan a súa pata branca. Así, falan de que as comunidades de montes non sacan ao mercado suficiente madeira. Polo tanto, e sen dicilo, están aplaudindo as lexislacións da Consellaría do Medio rural para sacarlle a xestión dos montes veciñais á veciñanza comuneira para entregarlla ás empresas forestais (pago da falsas débedas dos consorcios e convenios, declaración dos montes veciñais en estado de abandono)

Falan tamén de que os montes teñen que ser rendíbeis para os titulares dos mesmos. Mais non falan de que son eles os que impoñen os prezos da madeira, dado que este é un mercado totalmente desregularizado cunha demanda concentrada (en mans de empresas que dominan o mercado) e unha oferta atomizada.

Curiosamente os participantes no Foro arriba indicado que defenden que cada palmo de monte ten que estar arborado (se cadra como o foro tivo lugar na cidade de Pontevedra, defenden que teñen que estar arborados con eucaliptos), nada din dos intentos de sectores empresariais e urbanísticos que pretenden eliminar centos de hectáreas de monte veciñal en Baredo (Boiona) para instalar un campo de golf, en Cabral (Vigo) para construír un macrocento comercial e en Tameiga (Mós) para instalar unha cidade deportiva. Tres proxectos nos que a súa superficie estará desarborada para sempre. Se cadra esta falla de voz virá dada por ser parceiros na Confederación de Empresarios e os intereses de clase son os intereses de clase.

Os representantes da industria forestal e da madeira teñen todo o dereito a defender os seus intereses particulares como mellor lles pareza. Mais non disimulando, nin embarrando o campo. Nin tampouco de xeito paternalista como se as comunidades de montes foramos menores de idade. Cando isto ocorre, a moitas comunidades de montes vénselle á lembranza as palabras ditas polo, xa finado, maxistrado de Tribunal Superior de Galiza, o señor Daniel García Ramos no acto do clausura do 1º Congreso Galego de comunidades de montes (Poio-1997):" Se a vosos ouvidos chegan tales cantos de serea, rexeitádeos. Sería a morte do monte veciñal"