Falando do pelo curto e da imaxe estereotipada da muller

Veño de cortar o pelo curto, coa “caluga ao aire”. A verdade é que non é a primeira vez. Fíxeno porque como diría Celso Emilio Ferreiro: “... porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gaña; porque me sae de dentro”. Un acto que por cotiá non debía ter nada de subversivo ao final ten máis transcendencia da que parece.
E o digo porque aínda que pareza mentira, está bastante estendido que cando unha muller nova leva o pelo curto (é distinto cando o curtan as mulleres de avanzada idade) ou ben o fai como un acto de rebeldía, por pertencer ou identificarse cunha determinada tribo urbana, ou ben ten que relación cunha enfermidade.
Nada máis lonxe da miña intención. Nin unha cousa, nin outra, senón todo o contrario. O certo é que gústame o pelo curto. Nin estou cómoda nin me vexo favorecida co pelo longo. Así que decidín cortalo. Sen máis. Non fixen tal acto, logo, pensando nas reaccións da xente, algo, que por outra banda, impórtame bastante pouco, cando menos nas reflexións que poidan facer sobre meu aspecto estético.
Pero cando relacionan este feito como algo negativo, entón si que me fai mover da cadeira. A famosa frase que me espetaron foi: “se te ve que eres del bloque hasta en el corte de pelo”...??? Non vou centrar este artigo nas discusións de días previos que tiven con este individuo, porque daría para varios tomos, vou simplemente reorientar o tema cara o que son estereotipos, e ao tempo, micromachismos.
Porque en pleno século XXI aínda se transmiten códigos de imaxe que identifican ás mulleres con pelo curto cunha menor feminidade, como un símbolo de ruptura de barreiras home/muller, de rebeldía, de afastamento da norma, de modernidade, de seguridade, de muller sen prexuízos, complexos e actual. Cousa distinta é que sexa unha muller maior, xa que a estas o que non se lles “permite” socialmente é levar o pelo longo, a non ser que o leven recollido. Tras centos de ano de esforzos, as mulleres fomos quen por nós mesmas de votar, conducir, ser propietarias da terra, ser asalariadas, sindicalistas e tamén políticas, entre outras moitas cousas. Pero non somos quen –aínda- de librarnos do estigma dunha parte da sociedade que continúa véndonos primeiro como mulleres, e logo como profesionais, analizando por riba de todo a nosa estética, a nosa roupa e a nosa vida privada.
E destes exabruptos os políticos –e digo os- tampouco escapan, senón todo o contrario. Xa que son moitas as alusións que se fan ás mulleres, desprezándoas, ridiculizándoas a través do aspecto, e, nalgúns casos, mesmo facendo apoloxía da violencia sexista.
Hai poucos meses o concello de Santiago escolleu precisamente a data do 25 de novembro para inaugurar a avenida que leva o nome de Manuel Fraga, homenaxeando así a un dos políticos con maior historial en manifestacións machistas e ofensivas cara as mulleres. Lembremos cando Fraga dicía que a cidadanía non di o que pensa cando se lles pregunta polas enquisas pre eleitorais, “do mesmo xeito que si a unha muller lle preguntan con cantos homes se deita, non soe dar unha resposta absolutamente certa”, ou cando se referiu a unha voceira de Educación do PSOE no Congreso dicindo que “o único interesantes que esa señora exhibiu foi o escote” , ou as continuas alusións homófobas ao referise á homosexualidade como “unha anomalía, e, polo tanto, pasar da persecución que houbo no seu día , que foi un erro, ao orgullo gai é outro tremendo erro”, á lei de matrimonio entre persoas do mesmo sexo como “ noxenta”, ou referíndose aos gais como “aqueles que o fan ao revés” , e quen espetou ao ser preguntado polo comportamento das mulleres vítimas de violación: “muller que ao andar canea, e o mirar seus ollos mece, eu non digo que o sexa, pero si que o parece”.
Son moitos os políticos que emanan sexismo por cada poro da súa pel. Podíamos traer á memoria as verbas dun alcalde do Partido Popular quen falara da exministra Leire Pajin como “unha moza preparadísima, hábil e discreta...vai repartir condóns a destro e sinistro”, “cada vez que vexo esa cara e eses morriños penso o mesmo, pero non o vou dicer”. Ou o moito que teñen criticado ás ministras da lexislatura de Zapatero polo seu físico, os seus peiteados e o xeito de vestir. Ás mulleres seguemos sendo obxectos, cousa que non sucede cos homes.
,Esta cultura machista abonda tamén no mundo da xudicatura. Hai numerosas sentenzas que amosan o feito de que ir peiteada, maquillada e vestida con saia curta, prexudica ás mulleres, xa que non encaixa coa idea estereotipada que se ten da vítima.
Aínda hoxe, non nos enganemos, moitos homes pensan co sexo e son incapaces de ver nunha traballadora, nunha desempregada, nunha mestra, nunha médica, nunha avogada, nunha camioneira, nunha sindicalista ou nunha política algo distinto dun obxecto sexual. Que soe ir acompañado dunha idea de dominación e de imposición á muller, sobre todo en aqueles con posicionamentos e idearios conservadores.
As últimas manifestacións do alto cargo do Partido Popular José Manuel C. Bragaña (inclúo C. porque négome a que se vincule este gran apelido con el porque non é merecedor del), quen pronunciou: “As leis son como as mulleres, están para violalas”, son unha manifestación desa cultura que aínda está adherida en determinados individuos. Neste caso, non cabe perdón nin arrepentimento. A apoloxía do terrorismo machista é un delito. Mais parece que non hai nas filas do PP ninguén disposto (nin dispostas) a dar os pasos necesarios non para facelo dimitir por motivos persoais, senón para cesalo e dalo de baixa da súa militancia.
O sexismo segue aí. Latente e vivo dentro de moitas persoas. Misoxinia e machismo contra as mulleres. Amparado no poder eclesiástico e naqueles que o protexen e o amparan.