Fagan ben o seu traballo

Manifestacion Dia da Patria 2011 BNG

Farei un artigo de urxencia. Deixarei para outro intre reflexións máis dilatadas e centrareime no que hoxe me preocupa. A candidatura nacional de unidade para as próximas eleccións xerais albíscase como unha posibilidade moi desexábel, e xógase nestes días.

A definición ideolóxica, a claridade nos obxectivos e a axeitada elección de rumbo cando o vento nos sopra en contra, que é sempre, son só algunhas das características das organizacións políticas das sociedades maduras. A outra é a capacidade de acordo. Se ben as primeiras poden ser decididas democraticamente en procesos masivos, a última queda na práctica reservada a un reducido grupo de persoas. Ollemos de arredor ao que sucede estes días: declaracións e contradeclaracións de dirixentes concretos que marcan terreo e que provocan, polo ascendente que cada un exerce sobre as súas bases, o nacemento de correntes de opinión e de estados de ánimo.

Se algo vai quedando claro sobre a “nova política” é o moito que se parece á vella. É tempo de cociña, e na cociña non collen todos. Como máximo, os militantes de base -os de aquí e aos de acolá- poderán esperar a ser os primeiros aos que se lle serva o prato para opinaren sobre a súa textura, sabor e punto de cocción. Mais o prato virá, no básico, preparado.

No país onde non hai acordo nin para decidir como se chama, formar parte do reducido grupo de persoas que teñen nas súas mans este tipo de decisións non debe ser nada doado, seino. Mais ás persoas dirixentes supónselles un sentido da responsabilidade e outras características positivas diferentes ao resto. É tempo de exercelas. Se alguén lexitimamente non quere participar no proceso porque ten outros plans, que o diga desde xa. Pídolles humildemente que non mareen a perdiz, porque a perdiz somos moitos. E pídolles aos que se manteñan que queimen as naves.

Ármense de paciencia as negociadoras. Pasen na punta do pé sobre os comentarios abrasivos da rede, esa taberna global, e pensen sobre todo na súa función catárquica máis que efectiva. Falen o xusto en público e exuberantemente en privado. Discutan o que haxa que discutir, cabréense se se teñen que cabrear e procúrennos aforrar o enfado ao resto. Sexan capaces de salvar esa distancia que se nos presenta quilométrica no ideolóxico, sabendo que na práctica se reduce a metros ou a centímetros.

Lembren que xullo é o mes para soñar. Espértennos o orgullo de pertencermos a unha nación capaz de presentarse unida nas grandes ocasións. Axúdennos a voar alto, tan alto que nos superemos a nós mesmas e nos poidamos observar desde arriba. Preséntennos, ao fin, unha boa proposta. Déixennos a nós os manifestos e póñanse vostedes mans á obra. A ocasión meréceo, quizá como nunca. Afánense na tarefa e fagan ben o seu traballo.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.