Facerlles frente
O estourido da crise económica puxo ao descuberto as vergoñas do neoliberalismo. O soño europeo tornouse pesadelo. Non nós sorprende as e os nacionalistas galegos que levábamos décadas alertando das mentiras sobre as que se construía o edificio comunitario. Hoxe miles de persoas sofren as consecuencias dun modelo feito á medida das grandes potencias europeas e dos mercados. Galiza, marxinada desde o inicio, sacrificou vou parte da súa capacidade produtiva e enfrontámonos a unha situación límite que precisa de cambios estruturais para poder saír do pozo.
Porén, os cambios necesarios non son nin os recortes de dereitos, nin a limitación da capacidade da iniciativa pública e moito menos, máis centralismo. Estas políticas, impulsadas nos últimos tempos polos partidos estatais e a troika, están provocando que a crise se faga máis aguda. As consecuencias son ben visíbeis: o paro faise estrutural, as desigualdades medran, e a pobreza é o destino de milleiros persoas abandonadas polos poderes públicos. Neste contexto, non é estraño que o crédito nas institucións cotice á baixa. Mais os discursos homologadores, que desacreditan a todos por igual, non deixan de ser un visión falsificada da realidade. Mais unha vez, ocúltase que hai quen defendemos outro modelo social económico, que enfrontamos os recortes dicindo e votando que non, que reclamamos control e límites a actividade do sector financeiro, que cuestionamos un Banco Central Europeo, sen control democrático e aso servizo da banca e dos especuladores. En definitiva, que non todos somos iguais e que hai alternativas para mudar as cousas.
No BNG somos conscientes das dificultades sociais, políticas e económicas do actual momento e da urxencia de darlle a volta á situación. E isto precisa de políticas económicas diferentes e vontade de rebelarse contra os recortes. E aí están as alternativas do BNG: incrementar o peso do sector público na economía; Banca Pública Galega; apoio á base produtiva do país; un sistema de financiamento propio, que posibilite que recademos en Galiza os impostos e modifiquemos este sistema impositivo inxusto; defensa dos servizos públicos e por couto á súa privatización; e avanzar na capacidade de Galiza para decidir, pois é evidente que a falta de soberanía limita -e moito- o desenvolvemento do país. A clave non é alternancia, senón mudar radicalmente estas políticas inxustas que nos afogan. É posíbel facelo, só se precisa de vontade colectiva e dunha resposta contundente nas urnas. A cita o 21-O. Fagámoslle frente!