Facer de Galiza un gran furado negro

Facer de Galiza un gran furado negro

Cando por mor dunha explotación irracional se cambian as leis a propósito para favorecer aos mais fortes e esa decisión inflúe no xeito de vivir da comunidade autóctona até o punto de ter que deixar o seu modo de vida e ter que emigrar porque alguén foráneo modificou o seu entorno, algo falla no sistema e cheira a prevaricación, pero cada vez está mais claro que ao amigo do narcotraficante non lle importan nada nin Galiza nin os galegos e galegas que viven nela. Os seus intereses non están nesta terra, porque son outros mais bastardos que quizais lle chafaron unhas fotografías (caducadas, segundo el) co seu amigo no iate e agora non poida competir coa baronesa madrileña, co sobriño do seu mentor, don Manuel Aznar, ou con Mayor Oreja, por subir ao podio da Moncloa. Das colonias sempre saíron descastados e desleigados con auto-odio que adulan o imperio para chegar ao mais alto, aínda que sexa trepando por encima dos seus paisanos e da súa clase.

Este home é unha máquina de facer parados e destruír a nosa maltreita economía: Primeiro deixou arruinar Novacaixagalicia por non tomar medidas no seu momento como lle pedira o BNG. Despois púxose de parte dos estafadores que a levaron a ruína e contra dos estafados polas Preferentes que se quedaron sen os seus aforros. Di defender os intereses de Galiza pero o seu partido non fai nada no Parlamento Europeo para que 20 dos nosos barcos poidan pescar cefalópodos nas costas de Mauritania e mais de 400 mariñeiros non se queden sen traballo. Tivo que ser a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, quen pedira que se revisara ese acordo. Só a el, tan amante da empresa privada, se lle ocorre venderlle os estaleiros de Barreras ao estado mexicano para que leve alí a súa tecnoloxía, peche a factoría e deixe mais obreiros no paro. A folga do día 12 en Ferrol foi unha contundente resposta as súas mentiras e que terá continuación o próximo dia 20 nos sete estaleiros privados pola desastrosa política industrial que está a levar.

,Para este Goberno non teñen cabida iniciativas a favor das clases populares para mellorar a produtividade ou darlle mais valor engadido aos nosos produtos, pero si calquera aberración que se lle ocorra a unha multinacional que queira esquilmar os nosos recursos naturais mentres engorde as súas contas, aínda que para iso teñan que requisar as terras dos labregos, mandalos a emigración ou metelos en reservas, como fixeron os ianquis cos indios, como están a facer os chilenos cos mapuches ou os xudeus cos palestinos. É o problema das colonias, e mentres non nos sacudamos o xugo do imperio teremos que arar polo rego que eles queiran, porque os xenocidios non se dan mais que nos países ou etnias sometidas que non contan con soberanía propia para defender os seus intereses.

Agora tiveron a ocorrencia de deixarlle facer unha mina de ouro a multinacional canadense, Edgewater Exploration nas bergantiñáns terras de Pondal, que seica mercou os dereitos de explotación a Narcea Gold Mines (que vai ti a saber como conseguiu eses dereitos sobre as terras e os montes que antes eran dos veciños), para levar a cabo o proxecto empresarial, denominado Corcoesto Gold Project, de transformar a zona nunha mina a ceo aberto.

Para iso non lles trema o pulso en converter as relacións sociais nunha lei da selva, cualificando esa explotación de gran interés en la zona (que será para despois cobrar en sobres o diñeiro que lles dean os que levan o ouro); cambiar a lei de costas ou espazos protexidos e todas aquelas que lles impidan facer en Galiza uns grandes furados negros e pezoñentos que fagan imposible a vida ao seu redor e do que as multinacionais sacan as súas riquezas sen importarlles a destrución da natureza nin o dano causado aos seus habitantes, para que logo os seus amigos traficantes teñan as billas de ouro nos seus iates cando os leven de “ocio” por esas rías tan monas. Para este sistema inxusto e mafioso están antes os beneficios que as persoas, porque despois as multinacionais vanse co seu botín e aí che quedan nos furados negros os refugallos empapados de cianuro, arsénico, estricnina e a miseria en toda a comarca para facernos desaparecer como pobo, que tamén é o que pretenden.

Pero..., onde está a propiedade privada da que tanto alardea o sistema capitalista? Non teñen dereito a exercer ese título de propiedade os paisanos, que son donos desas terras e deses montes desde tempos inmemoriais? Aos labregos non lles interesa nada o que haxa incrustado na rocha, senón o froito que recollen da súa labranza e dos seus pastos ano tras ano, pero será que dese dereito a propiedade privada solo dispoñen as grandes multinacionais, as grandes empresas e as grandes entidades bancarias que nos rouban e encima temos que subvencionalas para que os nosos cartos vaian parar aos seus paraísos fiscais. Será polo que tamén privatizaron as rúas fronte as vivendas dos políticos do PP e por iso está prohibido facer nelas “escraches” contra as súas malévolas decisións e os desafiuzamentos.

Eu pediríalle que teña a dignidade de dimitir, polo ben dos galegos e para que non pase a historia como un mandatario aínda mais servil que é o seu xefe dos pequeños hilitos coa troika criminal e a kaiser, Ángela Merkel, cando lle ordenan privatizar os servizos públicos para maior gloria da banca e da empresa privada, dos que estamos a pagar a escote a súa mala xestión nos tempos de bonanza.

O pobo galego non merece gobernantes que non senten remordementos ao quitarlle as súas terras aos paisanos para darllas a unha multinacional que fai un dano irreversible na comarca, envelenando a vida dos que quedan derredor e das xeracións futuras. Non é de recibo que mentres nos están roubando o país o Goberno se poña de parte dos ladróns.