Exercicio de memoria
Non descubro nada novo se digo que estamos a viver momentos de cambios moi fondos. E non só me refiro ao que acontece no mundo árabe, nos países do ALBA, en Wisconsin... non. A nosa realidade, a pouco que nos paremos a pensar, é arrepiante aínda que no medio de tanto ruído pase case inadvertida.
Propoño un fácil exercicio de memoria recente para comprobar esta aseveración, pero advirto que por limitación do espazo vai quedar incompleto, máis non é dabondo razón para non facelo, pois coido que será moi educativo.
Escomencemos por repasar os servizos públicos:
En xeral, o descenso do investimento público para os orzamentos do ano en curso caeu un 38%, ao que temos que sumar a rebaixa dun 5% de media dos salarios dos funcionarios e das funcionarias (máis o 30% das pagas extras) e a conxelación das pensións.
Por sectores, o panorama, repito, moi incompleto quedaría así:
Ensino:
- Rebaixa para o 2011 de 161 millóns de euros.
- Desvío do 11% do orzamento da Consellaría para o ensino privado a través dos concertos educativos (250 millóns de euros), ao que hai que engadir o proxecto Abalar que soluciona a dotación de material informático destes centros para moitos anos.
- Ataque frontal ao idioma mediante o decreto do falso plurilingüísmo. Gastos de case un millón de euros en propaganda antigalega e oito millóns tirados para mudar os libros de texto do galego ao español
- Eliminación da gratuidade dos libros de texto.
- Eliminación de grupos de FP estratéxicos para fixar poboación e desenvolvemento económico de certas comarcas. Só en FP e Bacharelato o orzamento rebaixouse o 69%. Mantéñense as subvencións ao ensino privado.
- Diminución do profesorado e consecuente aumento das rateos de alumno/a-profesor/a. Rebaixouse nun 21.5% os recursos económicos destinados a reducir o fracaso escolar.
- Desmantelamento do proxecto educativo das galescolas, pioneiro e vangardista que colocaba a Galiza á cabeza do Estado na calidade do ensino de cero a tres anos.
- Modificación da taxa de reposición: de cada 10 profesores e profesoras só reporán un.
Sanidade:
- Desvío de fondos públicos para a construción de hospitais privados.
- Diminución escandalosa na dotación de material e persoal nos centros sanitarios.
- Colapso nos servizos de urxencias pola falta de camas, persoal e espazo.
- Restauración das "peonadas" ante a imposibilidade de reducir as listas de espera.
- Só na área de Compostela, reducíronse 18 millóns de euros para o hospital e 8 para atención primaria.
- Privatización do servizo de cita previa do Sergas.
- Algún PAC pode chegar a ter o 50% das súas prazas sen cubrir.
- Deseño para a privatización da sanidade seguindo o modelo madrileño a través do documento Estratexias SERGAS 2014.
- Taxa de reposición: de cada 10 médicos só reporán un. De cada 10 enfermeiros e enfermeiras, só reporán un.
Poderíamos seguir polos servizos sociais e a súa aniquilación , grazas aos brutais recortes que obrigan aos concellos a detraer cartos doutras partidas para non pechar as portas nos fociños de todos os usuarios e de todas as usuarias que non teñen máis sustento nin máis esperanza que o que estes servizos lles podan prestar. O aumento das necesidades é exponencial no tempo.
Se abrimos o abano atopámonos co abandono absoluto de política agraria, coa eliminación do Banco de Terras, (un dos proxectos mellor deseñados e máis útiles dos últimos tempos), a barbarie que se vai cometer nos montes veciñais ao través das DOT (Directrices de Ordenación do Territorio). Substitución dun bo concurso eólico por un sucedáneo que xa chega tarde. O canon da auga, que grava todo consumo de auga proveña de onde proveña, aumento da idade de xubilación, recorte das pensións, bancarización das caixas, subvención aos medios de comunicación que fagan ben o seu "traballo", desaparición da política de protección do medio ambiente...
Onde quedaron as reivindicacións de mellora? Aumento do tempo para atender aos pacientes, inversión en prevención, non só en curación, introdución doutros profesionais non sanitarios para a mellora do benestar e da calidade asistencial, diminución das rateos nas aulas, avance na normalización do galego, elaboración dun verdadeiro Plan Galego de FP, dereito á xubilación anticipada sen perda económica, redución da xornada lectiva aos docentes maiores de 55 anos sen redución de haberes, avances en conciliación da vida familiar e laboral, incremento dos permisos de maternidade e paternidade, flexibilidade horaria, centros de día, galescolas, políticas de benestar, protección do medio ambiente, valoración do noso...
Parece que pasou moito tempo disto, pero só escasos dous anos, o que demostra que Enstein estaba no certo: o tempo é relativo. Pero o que non é relativo é a capacidade de reaxir, e para iso non podemos esquecer que o que estamos a padecer é unha desfeita que ten nome e apelidos e temos a obriga de berralos sen descanso, para que os desmemoriados completen o exercicio. Seguro que entre todos podemos aumentar a lista.
E as solucións? Longas, moi longas. Calquera parvo pode matar un escaravello, máis nin todos os catedráticos do mundo poden construír un novo -Schopenhauer- e precisamente por iso, cómpre comezar canto antes. Agora tocan os concellos.