Evidencias do cambio climático II: Nómades no océano
A nosa costa supón unha encrucillada, un lugar fronteirizo entre as augas frías do norte e as cálidas ecuatoriais, ademais, bañada polas augas procedentes do Golfo de México.
A especial situación xeográfica de Galiza e a súa conformación oceanográfica fan do noso litoral un dos lugares máis produtivos do mundo. Isto é ocasionado polo afloramento estacional, que trae augas frías, ricas en nutrientes, e profundas á superficie durante o verán. Debido a esta baixa temperatura cústalles tanto bañarse nas praias aos turistas, curiosamente a temperatura é máis baixa que nas costas Peninsulares e Francesas do Golfo de Bizkaia, máis ao norte.
Non é nada novo dicir que á nosa costa chegan todos os anos lobos mariños procedentes das colonias de cría do norte. Habitualmente son cachorros de lobo mariño cincento, ou foca gris (Halychoerus grypus), de tres a seis meses de idade, que chegan entre decembro e abril, unha vez emancipados das súas nais nas colonias irlandesas ou galesas. Mais, en ocasións, chegan exemplares de lobo mariño de capelo (Cystophora cristata), cachorros de seis a nove meses de idade que chegan de agosto a setembro, procedentes das colonias de cría nas augas grenlandesas ou canadianas.
O mecanismo natural de dispersión das focas fai que diminúa a presión poboacional nas colonias de orixe, e nas augas circundantes, permitindo a percura doutras augas onde poder alimentarse ou mesmo ampliar a distribución da especie. Este criterio é claro no lobo mariño cincento que chega de xeito habitual ás costas do Golfo de Bizkaia, Galiza, Portugal e mesmo Gibraltar. Os cachorros aliméntanse nesas zonas e logo voltan ao norte. Nalgúns casos é preciso intervir para recuperar a aqueles exemplares que se alimentan mal ou están feridos, xa que senón rematarían morrendo.
Mais este mecanismo de dispersión non explica a chegada das focas de capelo. A dispersión desta especie de lobo mariño parece simultánea en todo o Atlántico, pois os anos nos que chega a Galiza tamén o fan a Canarias, Gibraltar, Banco Canario Saharaui, nas costas do Atlántico leste, mais tamén as Caraibas nas costas do Atlántico oeste. A grande dispersión desta especie por todo o Atlántico dificulta a explicación ao fenómeno de que unha foca de distribución circumpolar, que depende dos xeos para a súa vida diaria, poida chegar a latitudes tan baixas.
Un especialista en cambio climático deunos a chave. Co incremento da temperatura global aumenta o desxeo, e tamén a deriva dos témpanos de xeo dende as augas circumpolares cara ao sur. Cabe a posibilidade de que nestes xeos derivantes viaxen os lobos mariños e unha vez derretido, cando o xeo fica en nada, estean en latitudes moi baixas e en augas quentes, máis quentes do que poidan soportar.
Nesta situación os lobiños adoptan mecanismos de supervivencia. Uns fisiolóxicos, como a supresión da produción de pelo durante a muda, é dicir, para diminuír a temperatura o seu corpo evita a saída de pelo, ou sexa, quedan calvos. Tamén a falta de alimentación suficiente fai que diminúa a capa de graxa. Outros mecanismos son comportamentais: percuran augas frías onde sexa. E onde atopan augas frías nas latitudes baixas durante o verán?, pois nos lugares onde acontecen os fenómenos do afloramento, que nas augas do leste do Atlántico son nas costas de Galiza e banco canario-saharaui.
A recuperación destes cachorros é moi difícil pois en moitos casos as lesións internas, sobre todo dixestivas, debido á temperatura son letais. Moitos exemplares aparentemente sans morren ao non ter xa capacidade de dixerir e asimilar o alimento. Aínda así tense recuperado algún exemplar nas nosas costas, como o caso da foca SEIXO no ano 2006.
É por iso que o lobo mariño de capelo é un nómade do océano, ao igual que moitas outras especies de focas que nel habitan, coa especial significación que chega a nós para lembrarnos que é una vítima máis do cambio climático.