Evidencias do cambio climático I: Verdades incómodas
Saturno comendo o seu fillo, unha alegoría incómoda, convértese na imaxe do cambio climático.
Dende que as informacións científicas evidenciaron o fenómeno do quecemento global, que propicia o cambio climático, os investigadores aprenderon a recoñecer os indicios de como ese cambio podía afectar á vida que coñecemos no planeta. A difícil situación dos osos polares é unha das moitas evidencias desta situación, os indicios das consecuencias da regresión dos xeos nesta especie estanse a converter nunha verdade incómoda.
A poboación de oso polar (Ursus maritimus) rolda actualmente os 20 - 25.000 individuos, divididos en 19 poboacións distribuídas entre Rusia, Dinamarca, Noruega, Canadá e os Estados Unidos. Curiosamente algúns dos países que non apoian as resolucións do cumio sobre o cambio climático. Sábese que a poboación máis estudada, no oeste da Bahía de Hudson, diminuíu un 22%, entre 1987 e 2004.
Os osos dependen dos xeos e a banquisa para desprazarse dunhas zonas a outras buscando alimento, cetáceos e focas. O rápido desxeo limítaos. O xeo das zonas habitadas polos osos desaparece case un mes antes do que nos anos 70, e pode deixalos aboiando no medio do mar, isto non resulta un problema pois son moi bos nadadores, mais no mar non son capaces de cazar polo que gastarán os seus recursos graxos en voltar a terra firme. Se fican en terra, non hai suficientes recursos para alimentar os seus grandes corpos e acumular reservas para o inverno, polo que acaban en basureiros e lugares habitados, con grande risco para a seguridade destes lugares. A falta de alimentación aféctalles á reprodución cunha caída do 15% na taxa de nacementos.
Os medios de comunicación téñenos ilustrado estas semanas coas imaxes dun oso comendo a un cachorro, do xornalista Jenny Ross , tomadas en Olgastretet. O infanticidio e o canibalismo é coñecido na especie dende hai tempo, mais o esta situación vense constatando reiteradamente nos últimos anos e non fora observada anteriormente con tanta intensidade polos científicos especializados na especie. Esta imaxe evócanos o coñecido cadro de Goya que representa a destrución e o horror do canibalismo. Din que simboliza o paso do tempo, mais neste caso podemos facelo símbolo do cambio climático. Tempo e toma de decisións parecen formar unha paradoxa sen solución.
Andamos pendentes de cada xuntanza sobre o cambio climático por ver se dunha vez os gobernantes asumen que hai que poñerse mans á obra nas accións para paliar esta situación, tamén desta última en Durban. Pensando na marcha das negociacións, a imaxe dos osos polares representa o tempo que perdemos na disposición de solucións, o tempo perdido na falta de acordos que remata por devorarnos. Finalmente o acordo chegou in extremis, mais considerarse un éxito un acordo que entrará en vigor en 2020 e penaliza os países emerxentes, mentres os EEUU non se consideran obrigados e Rusia, Xapón e Canadá non formarán parte del?.
Solucións pírricas para unha situación que nos leva cara a unha inevitable destrución global. O planeta estánolo dicindo a cada un dos indicios, a cada unha destas imaxes impactantes, mais non o queremos ver. Non saímos da verdade incómoda de Al Gore, e isto foi xa no 2006.