Europa, da Folga Xeral á Semana de Filosofía

Como cada ano, e desde hai 29, logo da Semana Santa vén outra de signo ben diferente que se consagra ao pensamento e o debate libre, a de Filosofía de Pontevedra. Unha cita que moitos gardan na súa axenda desde que se achegaron por vez primeira a calquera das súas sesións e ficaron engaiolados do seu ambiente de liberdade, compromiso e respecto. Non quere dicir isto que todo o que alí se escoita guste, mais tense a oportunidade de rebater desde o público ou a tribuna. En definitiva dicir cada quen o que lle pete, aínda que hai que recoñecer que o que atrae a numerosa asistencia é oír ás “figuras”.
Non é o momento de conmemorar e lembrar o que representa este proxecto que descansa no voluntarismo das diferentes xeracións de membros da Aula Castelao e no apoio de institucións das que o caso máis sobranceiro é o Concello de Pontevedra. Agardemos ao ano para facelo por iso do 30 aniversario. Falemos do presente. Da vindeira semana que comeza o luns 9 de abril.
O tema de análise é Europa, un termo secuestrado polos “mercaderes” para acuñar os seus intereses en desmantelar os freos aos seus fluxos de beneficios e a calquera regulamento das súas actividades especulativas. Hoxe xa podemos dicir isto sen que ninguén se escandalice.
Lembraba Milucho, como hai anos se alcumaba polo nacionalismo “Europa dos mercaderes” e quedaban os europapanatas mirando con cara de noxo ao interpretar que iso respondía a unha especie de reticencia indíxena ao progreso como quen prefire rozar o toxo co fouciño no canto da desbrozadora. Agora son eles os que falan dos mercados e a iso reduciron toda a verborrea europeísta doutrora que servira entón de coartada para xustificar as agresións aos nosos sistemas produtivos (agricultura, gandería, pesca, naval, etc.).
Cúmprese 20 anos do acordo de Maastricht e un pregúntase que ficou daquela Europa identificada con Progreso, Servizos públicos, Estado de Benestar, democracia... Era o ceo prometido a cambio dalgúns “pequenos” sacrificios terreais (cotas do leite, desguaces de barcos, prohibición da construcción naval,...). Os seus sacerdotes impoñían a excomunión a calquera que puxese a máis mínima pega ás “directrices” que emanaban de Bruxelas. Mais o caso é que pouca oposición política e sindical tiñan entón fóra do nacionalismo galego, os que eramos despachados con aquilo de “os do non”, como se a nosa disidencia fora só por levar a contra, pero que non había motivo para opoñerse. Tamén é certo que había os do celebre “si crítico”. Compre lembrar a este respecto como a cuestión fixo rebentar polos aires a Izquierda Unida en todo o Estado e como CCOO rachou definitivamente coa esquerda para aplaudir coas orellas o devandito Tratado. O daquela líder de IU, Julio Anguita, lembraba a súa desesperación fronte á chantaxe ao que o someteran os “europeístas”, e dicía: “Es que están votando aquello por lo cual mañana van a salir a la calle a protestar. Porque cuando dijeron que sí a Maastricht estaban también diciendo que sí al Pacto de Estabilidad, al déficit cero, a la reforma del mercado laboral, a la competitividad vía rebaja de salario y a acabar con el sector público. ¿O es que no han leído lo que firmaron?”. E ese mañá ao que se refiría no que ían saír á rúa chegou.
Mais o caso é que o europeísmo se levou por diante á esquerda española e non foi a única. Precisamente na Semana Galega de filosofía do pasado ano tivemos ocasión de falar con Samir Amín quen insistía no suicida que foi para a esquerda europea o medo a ir a contracorrente. Non é que non souberan que poñía o Tratado, como dicía Angüita. É que lles daba igual sempre que puxeran a palabra Europa. Esta “Esquerda” electoralista só quería ofrecerlle a xente o que querían oír e por iso se lle daba o parabén cos ollos pechados, sen pensalo dúas veces.
Pois ben, na Semana deste ano si que se lle quere dar unha pensada en profundidade. Europa, merece ser pensada sen exclusións e con sentido crítico. Mais tampouco imos ser inxenuos. Por moito que se diga poucos van cambiar de opinión só polo que alí se expoña.
Non “leeron o que firmaron?”, queixábase Anguita. Cando os do Si crítico, CCOO e UGT, apoiaron Maastricht xa sabían que no futuro irían a unha folga xeral como a que vimos de ter fronte aos efectos do que dicía dito tratado. Mais daquela dáballe apoios estar “coa sociedade” do europapanatismo imperante, e hoxe dállos opoñerse ás consecuencias do que defenderon no seu día. É puro oportunismo.
O cambio da percepción social sobre o inevitable dos “sacrificios terreais” que nos pide Europa non se debe simplemente a que cada vez esixe máis, senón a quen desde o principio mantivo un discurso alternativo cuestionándose os beneficios dos sacrificios.
,A ladaíña é a mesma: “Hai que sacrificarse, hai que sacrificarse....”. Mais, xa non cola con tanta facilidade grazas aos esforzos dos que porfiaron unha e outra vez en desmontar a falacia do paraíso neoliberal. Non é casualidade a maior incidencia da Folga na Galiza a respecto do resto do Estado.
Dalgún xeito podemos dicir que coa Folga Xeral dá comezo anticipado a Semana Galega de Filosofía deste ano deconstruíndo na práctica un concepto que logo vai ser abordado no plano teórico. Non hai moito cando se facía uso perverso do termo Europa para aplicar ao conxunto do continente medidas ao servizo dos intereses sectarios dunha casta, moita xente só tiña unha resposta: Amén. A Folga Xeral puxo en evidencia que as receitas que emanan da Troica para reducir a débeda, vulnerando os dereitos laborais dos Estados, é ilexítima. O primeiro día da semana de Filosofía poderemos escoitar por boca de Éric Toussaint as razóns para soster isto, mais onte, 29 de marzo, xa refutamos coas nosas mobilizacións o uso do nome de Europa para eliminar as conquistas sociais custosamente acadadas.