Eufemismos e banalización do insulto nazi
A pasada semana andei por terras alemás. O motivo foi acompañar uns días a unha miña filla que lle deu por practicar “mobilidade exterior”, segundo a ofensiva denominación dunha individua que, non tendo endexamais cotizado como traballadora, agás como liberada política, ousou aceptar un carguiño cativo de ministra, precisamente de emprego, para dicir bobadas e facer unha nefasta lei sobre o que ela nunca practicou. Adxectivo de cativo o carguiño, porque, conforme avanzan e se suceden os gobernos, os ministerios van sendo ocupados por cousas verdadeiramente insulsas e con menos densidade que a madeira de balsa. Xa non hai que ir a Venezuela para dicir co limpabotas que “Aquí, cualquier pendejo es un doctor”, e agardo non ter que lle escoitar á ínclita ministra, como a tantos outros, que está na política, malia perder moito diñeiro con respecto ao que gañaría na súa actividade profesional privada. Nunca soportei a expresión tan empregada e fachendosamente repetida por tirios e troianos de que os políticos teñen vocación de servizo público, co que semellan querer dicir que cumpren a mesma función que os urinarios e váteres urbanos.
Lonxe de min o estendido pensamento de que todos son iguais, xa que esa é unha expresión perversa que tenta xustificar os latrocinios dos propios, espallando o esterco sobre a totalidade. Hai políticos que traballan e se sacrifican polo pobo (non entro nas razóns) e outros que se serven del, o mesmo que hai cregos que viven para Deus e cregos que viven á conta de Deus. Tanto nun gremio como noutro, a apreciación popular é que a maioría pertence ao derradeiro grupo.
Os oito días que botei por aquelas terras, viaxando en transporte público, deambulando polas rúas, visitando museos e palacios, preguntando, falando, comendo entre a xente e catando algunha cervexa en ambiente bávaro, con músicos en pantalón curto e sombreiro de pluma e camareiras de xeneroso escote, enmarcado por xerras de a litro, pensaba dedicar o artigo deste mes a contar as impresións que todo aquilo me producía. Mais o regreso ao cotián deste país, no que, día a día, están a subir o número de parados, a miseria, a perda de dereitos sociais e laborais, o poder da Igrexa, o desmantelamento do ensino, da sanidade e dos sectores claves do tecido produtivo, o triunfo do privado sobre o público e os ataques aos dereitos das nación periféricas, así como a des-facha-tez do goberno e os insultos cos que, día si, día tamén, nos agasallan, creoume unha confusión, un desacougo que me encirrou a escribir un texto híbrido, mestizo, no que unhas cousas se mesturan coas outras.
Na Neue Pinakothek de München detívenme diante da Medea do clasicista e romántico Feuerbach, onde un grupo de mariñeiros, de argonautas, fai un esforzo titánico para botar abaixo un pesado barco, o que me fixo lembrar tratamentos similares do noso Díaz Pardo. Fotografei o cadro e o detalle, pois nos mellores museos alemáns, pinacotecas incluídas, permítese facelo, con tal de non empregar trípode nin flash. Dicía Feuerbach que para ver ben un cadro se precisan moitas cousas, sendo a primeira de todas unha cadeira e sentarse nela diante del. Sabio consello que chama á tranquilidade reflexiva e que eu tento agora practicar no silencio do meu estudo para pór algo de orde no caos co que este goberno, desaforado e compulsivo creador de eufemismos, nos tenta atordar.
Comprobei que os trens alemáns, mesmo os de proximidade, son dunha puntualidade xermánica, agás cando chegan tarde, como un rápido (máximo 200 km/h) que incluso tiña que penetrar en Suíza, no que embarcamos con 50 minutos de retraso. Vin que a policía segue a controlar todo, mesmo fitando con descaro o rostro de cadanseu pasaxeiro para detectar alleos á Unión Europea. En Freiburg, véñense facendo unha festas en certas prazas para celebrar o primeiro de maio, festas para as que o goberno municipal dos Verdes, dados a prohibir todo o espontáneo, denegou permiso. Estiven en dúas; nunha delas, unha escola de baile divertíase seguindo o ritmo dunha relaxante música “chill out”, na outra, o “heavy” enchía o espazo. En ámbalas dúas, o número de policías que estaban no recinto e pechaban tódalas saídas superaba con moito o dos participantes.
Detívenme na lectura de numerosas plaquiñas de bronce incrustadas nas beirarrúas para sinalar as vivendas e ofrecer uns dados mínimos dos xudeus que foron arrincados dos seus fogares e levados aos campos de exterminio. Lembrei a enorme diferenza coa que aquí se trata todo o relativo á mal chamada memoria histórica. O pobo alemán segue a levar como unha oprobiosa cruz o que fixeron por acción ou omisión algúns dos seus antepasados, con independencia de concretos e turbios asuntos como o xuízo que estes días se está celebrando en München. A eles, a fantasma do nazismo horrorízaos, mentres que a min, aínda non ben chego a España, xa me volve bater na cabeza a estupidez ofensiva do PP de chamar nazi a todo o que non lle gusta. Principiou a Demóstenes do Partido Popular, María Dolores de Cospedal, considerando nazis os escraches e, a partires de aí, tódolos aprendices de bruxo da dereita, alcalde de Baiona incluído, seguen a consigna, sen entender cousa algunha, o mesmo que facían as vellas coas ladaíñas en latín. O insulto nazi, que, por absurdo e extravagante, en nada resulta ofensivo para os participantes nestes actos de lexítima protesta, é dolorosísimo para outras moitas xentes que sufriron o indescritible horror do nacionalsocialismo. Pódese ser avogado do estado ou médico sen deixar de ser ignorante e insensible. E Telemadrid decidiu que tamén era hora de acusar de nazismo ao nacionalismo periférico polo horrendo crime de defender o catalán en Cataluña.
Este xogar coas palabras, banalizando, sen ningunha caste de pudor, algo tan terriblemente brutal, demostra ignorancia absoluta e un grao de sensibilidade e empatía cos semellantes equiparable á que poida ter unha ostra ou un percebe. Tamén é posible que, non os subalternos que repiten, pero si os creadores ou iniciadores do insulto, sendo conscientes da súa procedencia ideolóxica, das súas familias, non só políticas, e das relacións e participacións dos seus devanceiros, fundadores e ideólogos de franquismos, fascismos e nazismos, se adianten e curen en saúde, apropiándose de certas verbas que lles proen. Van alá moi ben anos, escoitei, na praza de Noia, a unha moza que vendía peixe, a unha pesca (con e pechado), chamarlle a outra puta, roñenta e ghodallenta. A nai, que estaba no mesmo posto, animouna dicindo: “Chama miña filla chama, antes de que che chamen”.
Resulta obvio que non é preciso ser secretaria xeral do PP para saber que a mellor defensa é un bo ataque. Ata aí tanto chegan avogadas do estado como pescas.