Eu tampouco son Charlie
Agora que a tormenta de Charlie Hebdo parece que amaina vou aproveitar a escampada para saír á rebusca de interpretacións e comentarios que a riada deixou estragados nos medios de comunicación. Coma Bertrarnd du Guesclin, eu non quito nin poño Deus, pois tanto Alá coma Xehová proceden da mesma estirpe e son dignos de veneración. En contra do que a historia conta, o que pretendía o militar francés era evitar unha relación incestuosa, pois don Pedro tiña a barriga do seu irmán Henrique debaixo da barriga súa. Comecemos pola manifestación de París. A prensa occidental esgotou os calificativos utilizados na transmisión da noticia: multitudinaria, grandiosa, colosal, extraordinaria, enorme, algúns deles aplicados de xeito inapropiado. En verdade, faltáronlle aínda algúns miles para igualar a concentración popular da última Diada de Cataluña. O máis curioso, ver termando da pancarta os prebostes que antes se mofaban dela. Se aplicásemos para medir o éxito da mesma o baremo seguido polos políticos españois cando se trata de avaliar as mobilizacións nacionalistas, que contan os ausentes e ignoran os presentes, teriamos que preguntarnos con quen estaban os 9.674.740 que forman parte da poboación da área urbana de París e que non acudiron aos Campos Elíseos. ¿Con Charlie ou cos irmáns Konachi?. Darei máis tarde as razóns dos que non somos Charlie.
As portadas dos xornais presentaron o atentado contra os traballadores da revista francesa como ataque á "liberdade de expresión", metendo dentro deste dereito a inxuria, a calumnia, a difamación e o insulto. Maxinemos un caso. Entra nun bar un provocador, deses que abundaban no oeste americano, e que aínda proliferan tamén no este, e chámalle cabrón e fillo de puta ao taberneiro. O ofendido, en lugar de poñer a outra meixela, zorrégalle un tiro no peito ao insultante. Chegado o asunto aos tribunais, ¿condenará o xuíz ao homicida por asasinato ou por atentado á "liberdade de expresión". Eu non son Charlie, mesmo que non concorde coa forma de reaccionar do taberneiro. O presidente Raxoi, de volta da viaxe de París, debía pensar en suprimir o artigo 525 do código penal español. Como a divagación do presente artigo non se presta para entrar en erudicións xurídicas omito remitirme á reiterada doutrina do TEDH sobre os casos do Instituto Otto Preminger contra o Goberno de Austria, ou o de Wingrove contra o Reino Unido. Se eu me guiase pola norma do dente por dente diríalle a Cabu, debuxante do Charlie Hebdo e abatido no ataque, que o islam pagoulle coa mesma arma que el empuñou. Pono entre aspas as palabras que deixou escritas na publicación: "Unha viñeta é un disparo de fusil". As armas cárganas os homes e dispáraas o demo, que ademais da forcada e da caldeira utiliza a pólvora.
O lapis, instrumento desterrado após a chegada do bolígrafo, recobrou protagonismo na prensa, que o converteu en símbolo de liberdade. Vou contrapoñer dous conceptos que frecuentemente se confunden: información e manipulación. Verbi gratia, os debuxantes de Hebdo foron asasinados por dous terroristas. Cousa totalmente certa. Os irmáns Konachi, en linguaxe informativa, morreron cando estaban cercados nunha imprenta do norte de Francia. ¿Morreron de gripe ou por medo aos bigotes da xendarmería? Admitir que foron abatidos polas balas da policía significaría lexitimar o linchamento, práctica implantada no século dezaoito por Lynch, xuíz de Virxinia, que consistía en executar o delincuente sen axuizamento previo. Mira por onde, ¿as cabezas ofrecidas serán dos terroristas ou as de dous vagabundos que se estaban gorecendo do frío? A opinión pública, xa tranquilizada, non lles vai comprobar o ADN. Non hai informacións inocentes por imprecisións de léxico. O vocabulario escollido responde á pretensión de dar dos feitos unha imaxe distorsionada.
Xa o estamos vendo, a consecuencia máis perigosa dun acto puntual é a oleada de xenofobia que provoca, a que tempos atrás fixo chorar a Boabdil no Monte do Moro. A transcendencia política que lle deu Europa ultrapasa a indiferenza coa que responde a outras masacres, moitas delas máis preocupantes. Hai unha alarma fomentada desde os medios de comunicación por algúns profetas que reclaman unha nova cruzada contra a guerra santa do infiel. Non invento. Escoiteille esta idea a certo tertuliano dunha televisión de Galiza. Presume de culto, cousa que non desminto, tendo en conta que despois da travesía ideolóxica que fixo por varios partidos algo lle quedaría de cada un nos que militou. Documentouse no Corán, para atribuírlle o antifeminismo e a homofobia á doutrina de Mahoma. Máis aínda. Que o islam tenlle declarada a guerra a occidente, ignorando que Europa aprendeu a facer ecuacións pola álxebra que trouxo de oriente, onde primeiro se escribiron varios textos de medicina polos que moitos médicos estudaron. Opinións coma estas caben na boca de Jean-Marie Le Pen, pero producen vómitos nas mentes non contaminadas de integrismo. Ben é certo que actualmente, agás os maltratadores, que tamén por aquí existen, ninguén concorda coa aleia 34 do sura 4: "A aquelas cuxa rebeldía temades amoestádeas, pegádelles e non vos deitedes con elas". Como se a muller estivese exclusivamente para o leito. Pero non precisamos agardar polo Corán. Moitos séculos antes Pablo de Tarso escribiu na Epístola aos Romanos versículos que merecen ser transcritos. Vou tratar de sintetízalos.
,
"De sorte que a muller está ligada por lei ao marido... Porque quero entretanto que saibades ser Deus a cabeza de Cristo, Cristo a cabeza do home e o home a cabeza da muller... E tamén vos digo que o home non debe cubrir a cabeza cando ora ou profetiza... Mais a muller é somente a gloria do home e debe cubrila e senón rapar o cabelo..."
Este versículo -o que fai referencia ao rapado da muller- foi aplicado ao pé da letra pola Falanxe durante a guerra Civil, e tamén pola garda civil durante as folgas de Asturias dos anos sesenta. O Ministro Fraga lexitimou publicamente esta práctica por considérala unha simple medida hixiénica.
Continuemos coa doutrina apostólica.
"Porque o home non foi feito da muller e si a muller do home... E por iso, sexan as mulleres submisas aos seus maridos, como eles o deben ser ao Señor"
O inspirador desta carta, coma o de todos os capítulos da Biblia, era Xehová. A do Corán tamén, que utilizou de intermediario o anxo Gabriel, o mozo dos recados da divindade. Primeiro anuncioulle a María a súa preñez, antes de que lle cesara o fluxo. Máis tarde, cumprindo o mandato divino, investiu a Mahoma coa dignidade de profeta. Os grandes eventos relixiosos todos empezaron na montaña. Os dez mandamentos no monte Sinaí. O Corán no monte Hira.
Para a homofobia tamén atopamos doutrina explícita dentro da Biblia, sen necesidade de búscala no Corán. Na mesma epístola de Pablo aparecen as seguintes admonicións: "Non herdarán o reino dos ceos nin os impuros, nin os adúlteros, nin os afeminados..." E o mesmo criterio expresa na Carta aos Corintios. Pero maior rigor punitivo parece haber no Antigo Testamento. Desde o xofre co que Deus incinerou Sodoma até os melindrosos versículos dos capítulos 18 e 20 do Levítico. Comprenderá entón, señor tertuliano, de que pouco lle valen os libros sagrados para marcar as diferenzas que motivan a súa xenofobia. Procure ler algo máis do que foi incapaz de asimilar durante as súas anteriores militancias.
O que me parece máis ofensivo é a comparanza de Castelao con Mahoma, acusados os dous de volúbeis nos respectivos escritos. Todos os chaqueteiros lle cortan o traxe aos demais polo seu manequín. ¿Cantos Castelaos existen no Sempre en Galiza? Claro que a retranca de Cousas tórnase aceda no Atila en Galiza, porque os caciques de antes fixéranse despois asasinos. ¡Que se lle vai facer! Veña ou non a conto, o renegado aproveita calquera ocasión para soltar o pus do rancor que leva dentro.
Empecei por Charlie, continuei por Mahoma e rematei con Castelao. Son veleidades da pluma. Pero antes do punto final quero agradecer a Vilhena a axuda que me emprestou co seu Jesus Cristo super star, do que tomei a tradución das cartas de San Pablo. Libro que o autor portugués rematou en Lisboa o 24 de abril de 1974, un día antes de que os caraveis empezasen a florecer en Portugal. Moito obrigado.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.