Eu renazo nacionalista


Ben se decata, quen isto ler, de que o título que escollín para este artigo está inspirado directamente nun libro auroral, o que determina o ingreso decisivo e definitivo de Xosé Chao Rego na conciencia e na pertenza á Galiza e o que inaugura a súa fecunda traxectoria como pensador, como escritor galego, o que dedicou á nosa lingua escrita máis páxinas de toda a historia contemporánea de noso. Eu renazo galego: tal foi o lema da I Romaxe de Crentes Galegos (que el ideara, e que se celebrara en Setembro de 1978, no Pedregal de Irimia), e así titulou, en 1983, o querido e ilustre compatriota aquela súa primeira entrega, primicial e base doutras moitas que nos agasallou ao longo do tempo e que hoxe, a menos de tres meses do seu falecemento, continúan a alimentar a nosa formación e a nosa galeguidade. Sirvan estas liñas iniciais para expresar, máis unha vez, a miña homenaxe a persoa tan valiosa, humana e intelectualmente, a escritor tan rigoroso e avanzado, a galego tan amorosamente e conscientemente entregado á significación máis moderna e madura de nós, da nosa común patria.

Xa que Sari continuará a dialogar con el, como cando o tiñamos connosco, a ela pido que lle transmita esta miña utilización -sen permiso previo- da súa voz, da súa lapidaria frase, tan certeira e exacta como algúns dos versos rosalianos ou como algunha definición ou algún aserto de Castelao. Cando Chao Rego así se proclamou, cando renaceu galego, estaba a selar unhas credenciais para sempre, para a súa identificación definitiva e permanente. Non un salvoconduto; non un pasaporte ocasional. Era o seu sacramento particular coa galeguidade, asumida volitiva e conscientemente. Mais tal breve título -só tres palabras- encerran aínda moita máis significación, a que nos leva a perguntarnos por que nós, galegos, debemos solemnizar o evidente, proclamar o que para outros povos do mundo sería unha redundancia. Tal condición de galegas e de galegos ou ben énos furtada ou ben énos permitida a tempo parcial e sempre que non ofenda ou substitúa a identidade oficial imposta, a nacionalidade española, a cidadanía ídem, a pertenza, velis nolis, ao Estado español, con toda a cárrega de dependencia e subordinación que isto supuxo e supón para a nosa vida colectiva, as nosas posibilidades de desenvolvemento e o noso futuro. O imposto e impostado historicamente fíxose natural: houbo que (re)descobrir que nos chamabamos galegos e non “gallegos”, que falabamos galego e non “gallego”, que eramos galegos e non españois de novena clase, que eramos (Eduardo Blanco Amor dixit) bípedes humanos como os demais e non seres animalizados á conquista da condición humana, que tiñamos, en fin, dereito a casar produción cultural plena e principios políticos soberanos. Chao Rego realiza e asume con todas as consecuencias esta descoberta aos seus cincuenta anos, mais o seu caso, a súa (re)conversión protagonizárona -cada quen ao seu xeito- todas as personalidades da nosa historia contemporánea, sen excepción, como a identificamos igualmente en cada un e cada unha de nós, só que con outros alicerces, con outras bases de sustento, cunha tradición xa asentada.

Este libro inaugural de Xosé Chao Rego coincide no tempo coa constitución formal do Bloque Nacionalista Galego, no comezo do outono de 1982. Tamén este nacemento tivo algo de refundación, pois non xurdiu do nada, senón de organizacións previas, actuantes quer na clandestinidade dos anos sesenta e setenta, quer na dificultosa e vixiante legalidade dos primeiros oitenta. Nese mesmo outono de 1982, un triunfante PSOE accede ao goberno do Estado e nese mesmo outono os tres deputados da coalición BN-PG/PSG presentes no Parlamento Galego son desposuídos ilegal e aberrantemente dos seus escanos. Os tempos, como se ve, eran ben facareños, mais o renacer galego de Chao Rego foi durábel como foi duradoiro e frutífero o esforzo por asentar e alargar socialmente o ideario, a práctica e a necesidade do nacionalismo galego.

Voltemos, supetamente, ao presente, 33 anos despois. No debate en que estamos envolvidos -e que daría para moitas páxinas de análise e comentario-, hai, porén, perguntas básicas, ao meu xuízo, que deben ser plantexadas. A primeira e principal é se o nacionalismo galego é necesario ou non no tempo presente. Se a resposta for afirmativa, cumprirá decontado estabelecer en que condicións e con que autonomía. Ou sexa, como organización independente que se concede a si propria en primeiro lugar o dereito de decidir os seus designios, ou como marca complementar oferecíbel a outros, a outras organizacións. Neste suposto, quen defende esta saída debera aclarar que programa político galego mínimo e previo se coloca como condición sine qua non para unha eventual negociación. Mais, ao que vemos, a casa comézase polo tellado, pois vaise do final a un comezo que non existe.

Explicareime. Princípiase por abenzoar unha coalición ou coaligación eleitoral cun “espazo” (En Marea) que, a data de hoxe, posúe tres alcaldías no país e que adheriu, nas pasadas eleicións xerais, á coalición formada por tres partidos, tres partidos que xa se tiñan comprometido, de moito tempo atrás, a esa alianza político-eleitoral, por moito que mareasen, durante varios meses, a cocteleira dunha candidatura “unitaria”, iluso cóctel en que o BNG perdeu ben de tempo e de enerxías. En segundo lugar, predícase que esa entrega do BNG a aquela alianza eleitoral será o documento da súa redención, ou, dito máis a rentes do chao, a solución á penuria de resultados obtidos nesta última convocatoria eleitoral. Coido que aquí se funden, en modo ilusión, desexos con prognósticos: ¿onde está escrito que os resultados eleitorais se deban a un automatismo?; ¿onde, que se produza, porque si, unha soma, unha adición acrítica e incondicional ou, aínda, unha progresión xeométrica? ¿Alguén se sente demiúrgo para penetrar na mente-corazón das-dos votantes e saber con antecipación o que votarían?. En terceiro lugar, realízase unha proposta-oferta, sen que o destinatario da mesma abrira a boca ou realizase nengún acto formal que permitise falar dunha MÍNIMA bilateralidade. En cuarto lugar, e voltando aos alicerces, ao comezo, ¿que mínimos de política galega e ao servizo da Galiza se concretan? En quinto lugar, afinal, as e os que defenden -cal táboa de salvación imprescindíbel nun fatal naufraxio- tal solución, ¿ignoran acaso a fiabilidade e a imaxe (hoxe, seica, imprescindíbel) dos eventuais socios? Fagámolo elocuente. Unha ‘Izquierda Unida’ (ou o que fique dela) que, en boa lóxica, reclama á deputada e ao deputado desta marca de orixe que se unan aos dous escanos obtidos en España por esta formación, para así conseguiren formar grupo parlamentar. A negativa pon de manifesto, flagrantemente, que a IU galega actuou e actúa como pasarela lexitimadora de Podemos. Ponto. Un Podemos que revela ás claras a absoluta dependencia dos designios de Madrid-Pablo Iglesias, nun descarado exercicio de caudillismo-españolismo que acaba convertendo o secretario xeral nominal deste partido na Galiza en secretario xeral de si mesmo. Unha Anova que ou ben garda tartufesco silencio ou ben cando abre a boca é para “tender a man” (¡!) ao PSOE para formar goberno, e fica convenientemente ausente da foto estatal, onde cataláns-valencianos -cada quen coa súa decisión- si contan. Isto, a cargo dunha deputada-portavoz procedente da FPG, formación que durante toda a vida zafrañou o “moderantismo” e o “reformismo” do BNG (¡!) e que agora, madia leva!, existe para ser heraldo do partido español de moda: Laus Deo!

,Na teoría teórica, todos estes elementos de información e de conxuntura deberan valer, penso, para que as compañeiras e compañeiros que, talvez abducidos por un exitoso resultado eleitoral do pretendido, se apuran a solicitar relacións ou mesmo casorio, se decatasen de onde queren ir e con que garantías. Mais, a maiores, un outro feito obxectivo se abre paso. AGE, no seu día; as Mareas, hoxe, xustamente naceron para LAMINAREN o espazo social e eleitoral do nacionalismo galego, para ocuparen o seu lugar, para INHABILITAREN a súa mensaxe, para retrotraeren a Galiza aos tempos da tradicional dependencia. Por certo, se valer a analoxía resesa, querer captar a atención-estima do pretendente a base de se dar tan pouco a valer é táctica ben torpe e de curto alcance.

A tradicional dependencia. Este aserto lévanos á conclusión fundamental: a denominada “confluencia” é INVOLUCIÓN, isto é, retorno ao máis revellido e penoso da tradicional política galega. Ela, esa sempiterna dependencia, é a que, afortunadamente, esgazou o nacionalismo galego hai xa cen anos, na súa fundación. Daquela, os seus protagonistas tamén puideron optar por se constituíren en sucursal galega do máis avanzado do arco político español; tamén, anos andados, puideron renunciar á fundación do Partido Galeguista e tratar de remendar ou disimular o rumo españolista da ORGA; na nosa contemporaneidade, tamén puidemos escoller aliarnos co PSOE en 1982 (algúns o fixeron, co resultado coñecido), xa que era o triunfador indiscutido. ¿Será posíbel que, 33 anos despois, se manteña viva a mesma tentación? Si, é posíbel; á vista está. A historia, seica, está de capa caída…

“Fin de ciclo”, “disolución de partidos”, “novos tempos”… Dígaseme por que e para que. Enúncieseme (ninguén o fixo) un só fin, un só beneficio para a mellora socioeconómica galega derivado desta acrítica unión de facto. A maiores, xa lle ronca a zanfona que conspicuos representantes desta opinión que foron no seu día cargos públicos e orgánicos, con alta delegación institucional, que o foron coa promoción-anuencia directa da deostada UPG, agora reclamen urbi et orbi a disolución de quen os promoveu. Que grande coherencia! Que falta de individualismo! Que corresponsabilidade a respeito da organización! Exemplar, abofé!

De por parte, sobre a disolución. Reclámase a disolución dos partidos operantes no BNG e non se cuestiona para nada a adhesión ou alianza nunha coalición constituída por tres partidos. Que é o que acontece? ¿Acaso os partidos galegos non valen e si valen dous españois e un galego? ¿É esta, por ventura, a dosificación conveniente? ¿Dous por un? ¿Tres en un, como o desparafusador? É perfeitamente comprensíbel a hipótese da disolución de IU (co antecedente galego en marcha) en España, por colisión directa ou falta de lugar concorrente verbo de Podemos: non hai espazo para ambos. É lóxica (na súa lóxica) a posición dos fundadores de Unión Progreso y Democracia, cando vocean o abandono do partido e avogan pola súa disolución: o relevo (Ciudadanos) gañoulles a partida; o reforzo da españolización xa está garantido. Nada son sen apoio eleitoral. Nada son sen presenza institucional.

¿É este o noso caso, é este o caso do nacionalismo galego? ¿Acaso nacemos como corrector das políticas estatais-europeas, algo brutas de máis para coa Galiza? ¿Alguén me pode razoar como se vai curar o plus de centralización-españolización da política galega de que nos resentimos nos últimos anos a base de españolizar aínda máis esta política? ¿Unha patoloxía cúrase inoculando no organismo máis elementos patóxenos?
¿Aspiraremos, talvez, a facer equivaler o nacionalismo á posoloxía dun medicamento? ¿Un verniz de galeguidade activa para lexitimar como complemento circunstancial o SUXEITO político verdadeiro, made in Madrid? Se é fundamental conseguir cuotas de goberno para, tal e como se di, acelerar o cambio social, ¿como é que toda a experiencia positiva dun breve tempo de cogoberno non produciu os efeitos que agora se declaman como automáticos?

Coido, en fin, que estas posicións están pilladas nun falso siloxismo. Véñenme á memoria, cheas de saudades, as aulas de Filosofía do meu bacharelato, a cargo do meu querido e admirado profesor D. Manuel Fuentes Bonet, falecido hai xa tantos anos. Proba de siloxismo falso que nos oferecía como exemplo e no que nós, alumnas, caíamos inxenuamente, identificándoo de primeiras como válido: Premisa maior: Cando chove, móllanse as rúas (proposición verdadeira). Premisa menor: Esta mañanciña, as rúas estaban molladas (verdadeiro). Conclusión: Esta noite choveu. Falso: as rúas poden estar molladas porque foron regadas. Fagamos a translación: O BNG obtivo uns resultados ruíns. Podemos-IU-Anova-En Marea, uns resultados espléndidos. Conclusión: desapareza do mapa o BNG para reforzar o éxito dos segundos.

Ben sei que esta que anoto é a formulación realista, non eufemística. A que se quer “vender” é moito máis maina, mais igualmente sofística, como o siloxismo falso, na súa formulación. Consiste en convencernos de que é posíbel e xusto un pacto “en igualdade” e co debido respeito para a nosa identidade e principios políticos. Opoño, en boa lóxica: se do que se trata é dun pacto eleitoral, como é que se aspira (¿en nome de que beatíficas previsións?) a un pacto entre iguais, cando a desigualdade numérica é clamorosa e evidente? EN 1997, co BNG en alza, en situación de superioridade verbo do PSOE, con, aproximadamente, 400.000 votos ao seu dispor, ¿a alguén se lle ocorrería ter a ben resgatar IU ou cousa semellante?

Sen eufemismos nen camuflaxes. O próximo día 28, en que celebraremos a XV Asemblea Nacional do BNG, as dúas opcións están claras. Ou ben apontámonos a contribuírmos ao aumento eleitoral de Podemos, que, como opinan cualificados representantes deles, valora que o problema nacional débese a “tensiones territoriales” solucionábeis para, ao cabo, garantir “la unidad de España”, un belo propósito que -tal e como xa valoraban os intelectuais do ’98 (que moderno!)- Castilla non soubo construír, ou ben apontámonos a defender, como sempre, o dereito de autodeterminación, a comezar por nós mesmos, como a caridade ben entendida, segundo reza o refrán.
Amigas e amigos leitores: o dilema non é, contra o que nos queren facer crer tirios e troianos, entre cambio e inmobilismo. Este, o inmobilismo, nunca. Nen é solución nen é alternativa. Mais as que e os que desexamos e propugnamos un CAMBIO para mellorarmos (non para disolvérmonos, non para diluírmonos no que naceu para reemprazarnos no taboleiro sociopolítico) non nos apontamos en absoluto a nengún tipo de quietismo ou de autocompracencia contemplativa. Se nós non damos amañado a nosa vida política, o noso devir colectivo, mal nolo van amañar os de fóra, cando, por outra banda, non dan feito tratando de resolver os seus proprios problemas e, a maiores, os de España.

Unha outra cousa, aínda moito máis grave, claro está, é a mudanza radical de tipo ideolóxico. Quer dicer, non o pánico escénico; non o temor irresistíbel aos resultados eleitorais negativos; non o apuro e o desánimo por sentir que cómpre defender cabalo perdedor…, senón a falta de convicción na necesidade dunha organización nacionalista galega, que manteña a autonomía de actuación, a independencia de criterio e sexa garante de defender, sen subordinacións nen componendas, os asuntos galegos. Se falarmos disto, daquela, no meu xuízo, estaremos a falar de INVOLUCIÓN, de volta ao pasado, de falta de confianza en nós mesmos, de renuncia ao autogoberno e á responsabilidade política para con nós mesmos. Tal é a dicotomía, non outra, penso, en termos realistas.

Por iso, en imitación-homenaxe ao querido e lembrado Xosé Chao Rego, proclamo: Eu renazo nacionalista.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.