Eu quero ser unha galega normal
Fai algo máis dun mes uns compañeiros do BNG pasáronme un interesante traballo que Lenin escribiu en 1914 titulado “O dereito das nacións á autodeterminación”. Dunha actualidade extraordinaria, levounos a pensar que podía ser interesante facer un pequeno traballo para o Terra e Tempo.
Mais a actualidade e a lectura dos xornais fixo que este traballo quedara para outra ocasión. Nestes días, levamos asistido a unha comedia, na que a progresía española nos quere negar como nación e por obra e graza da crise que nos machaca , tamén nos queren convencer de que, o mellor é esquecernos do dereito que teñen todos os pobos a gobernarse, a ter soberanía.
Eu non vou chamar sectarios/as aos/ás que pensan que a única nación soberana, o único pobo que ten dereito a decidir é o que eles/elas chaman ESPAÑA. Para isto hai outros adxectivos. Tampouco vou chamar pouco xenerosos/as a aqueles/as que sabendo que GALIZA é unha NACIÓN, renuncian a defendela como tal, porque saben, nós tamén, que no noso país a reclamación de soberanía non é maioritaria, como sucede en Euskadi ou en Cataluña.
O que si me parece un insulto é que unha señora como Yolanda Díaz faga afirmacións como “no son tiempos de sectarismos, son tiempos de generosidad y de poner las mayorías sociales por encima de los intereses partidarios” ou “Espero que el BNG esté a la altura de las circunstancias”.
,Se hai unha organización que está traballando na rúa por defender os dereitos das maiorías sociais, que está colaborando cos movementos sociais para dar voz á maioría social deste País, esa organización é o Bloque Nacionalista Galego. Eu pregúntome, onde esta “la izquierda real española” cando hai que defender os intereses dos/as traballadores/as deste país? Esta pregunta ten unha fácil resposta : Esta en Madrid, preguntándolle a Cayo Lara, se interesa ou non.
O Bloque Nacionalista Galego está á altura das circunstancias cando pon todo o seu empeño, o empeño das miles de mulleres e homes que formamos esta organización, para defendernos dos ataques brutais e dos recortes de dereitos que como clase traballadora sufrimos.
No Bloque Nacionalista Galego hai pobo galego organizado e consciente de que, máis cedo que tarde, nós tamén teremos unha cadea humana de Ortegal a Verín. E como somos mulleres e homes xenerosas/os non renunciamos a seguir defendendo que Galiza é unha nación. E non o defendemos só nos bares ou nos medios de comunicación. Tamén o facemos, como organización responsábel que somos, cando temos que presentarnos a unhas eleccións. Tamén ás do Parlamento Europeo.
Outros seguirán facendo o mesmo que até o de agora. Pensar a curto prazo, facer as contas de cal é a mellor opción para os seus intereses e seguir creando comedias mediáticas que non precisan de organizar a ninguén. Con media ducia de persoas que arroupen ao líder cando cheguen as cámaras é suficiente. Xa se sabe que, para gañar eleccións é máis rendíbel facer o que mandan certos “lobbies” mediaticos e económicos que andar a encher prazas da Quintana. Nunha Galiza cada vez máis españolizada, sobra Galiza. O que está de moda é ser “izquierda guay y comoda para el sistema”. Pero as modas pasan e Galiza seguirá existindo mentres que aínda queden mulleres e homes que desexen ser normais.