Estupidez política


A Radio Galega emitiu en varios boletíns informativos uns cortes da entrevista concedida a Mario López Rico, en calidade de responsábel de comunicación de Anova. Nela, referiuse á Unión do Povo Galego como autora dunha grande “estupidez política” ao ter “prescindido”, seica, de tan valioso “capital político” como o que, escisión mediante, consumou o abandono do Bloque Nacionalista Galego e pasou a formar Anova, que, pouco despois, como é sabido, formalizou a súa alianza eleitoral con Esquerda Unida, en virtude da cal accedeu, nos comicios autonómicos, ao Parlamento Galego con nove escanos. Máis unha vez, a culpa da ruptura non é de quen a perpetra senón de quen a padece. Laus Deo!.

“Estupidez política”, atribuída á UPG. O albo dos dardos de Mario López Rico como moi orixinal non é, de certo. Eu supoño que, no futuro, haberá quen poda compor unha monografía ou case unha tese de doutoramento que dean razón da escolla privilexiada da UPG como responsábel absoluta do devir do nacionalismo galego e, sobre todo, como perpetua compensación das frustracións de tantos que quixeron moldear as organizacións políticas á súa propria biografía. É, de por parte, unha característica psicosocial do noso país: arremeter contra quen o defende (a repulsión do idéntico) porque o inimigo exterior e superior é demasiado potente, e os connacionais-pares sempre están a man para desabafar neles a obxectiva inferiorización galega (Castelao expresouno maxistralmente: “Chora porque o cacique deixouno a pedir. Se fose un seu irmán labrego, teríalle fendido o corazón”). Claro que aquel aserto, de aplicación xeral, só sería acompañante necesario, subsolo, de algo moito máis simples e directo: a cambadela ideolóxico-política en virtude da cal o BNG, tal e como se fundou e existiu durante décadas, xa non valía como tal e facíase preciso capturalo para o entregar, con todos os avais, á esquerda española. Este é, xaora, un xuízo político, coido que non caprichoso, porque, sen el, podémonos perguntar como é posíbel que, na XIII Asemblea Nacional do BNG (Xaneiro 2012), a votación absolutamente democrático-asemblear determinou unha composición do Consello Nacional e mais da Executiva en virtude da cal a listaxe encabezada por Xosé Manuel Beiras obtivo os postos correspondentes en ambos órgaos de dirección, que ocuparon durante unhas poucas semanas até que abandonan a organización, unha vez certa e apalabrada a alianza eleitoral con Esquerda Unida. Bons cumpridores da tradición mencionada, non se dá conta, claro está, do cambiazoxa preparado tempo atrás, senón que se proxectan todas as culpas no que se contribuíu eficazmente a romper, deteriorar e desacreditar, sobre de todo cando se rompe a ecuación militancia = mantemento de cargos públicos asociados.

Ora, decátome de que adiantei o final dun artigo que tiña por motivo expoñer a miña conformidade con aquela atribución de “estupidez política” á UPG. Estou de acordo con ela, e, como o seu autor non a desenvolveu, voume permitir facelo a través de varios exemplos históricos:

1. Unha proba de “estupidez política” pode ser, en 1982, renunciar a calquer intención de voto ponderado na composición dos órgaos do nacente BNG (en nome do volume da súa militancia) e propoñer idéntica representación para todos os grupos formantes do BNG.
2. Unha outra “estupidez política” pode ser apoiar e aplaudir a eleición e nomeamento de Xosé Manuel Beiras como portavoz nacional de toda a organización, na intelixencia de que “toda a organización” (BNG) incluía, claro está, a UPG.
3. Máis unha “estupidez política” pode ser ter aturado desplantes, desaires, intervencións personalistas, desmarques da decisión colectiva... Aínda vou máis alá: máis que “estupidez política”, cumpriría falar de algo próximo ao masoquismo ou ao aguante excesivo.
4. Confeso que dubido á hora de cualificar de “estupidez política” ou non o facto de Mario López Rico ter desempeñado durante anos e anos, na Comisión Permanente do BNG, responsabilidades de propaganda e imaxe do BNG. En todo caso, o desempeño desta responsabilidade política si contou co apoio dos reos de “estupidez política”.
5. Tamén me asalta a dúbida de reputar “estupidez política” reclamar a devolución das actas de concelleiras-os eleitos, en 2011, dentro de listaxes do BNG, unha vez que consuman a saída desta organización, e unha vez que “descobren”, supetamente, que o “pobo” votounos a elas-es e, por tanto, deben continuar nos seus cargos públicos. ¿Como é, así e todo, que non fixeron valer este argumento antes de seren eleitos ou en plena campaña eleitoral? (Ollo: “vou nas candidaturas do BNG, mais eu estou por riba e por fóra desta formación”; “o BNG é un enganche instrumental; se eu me fago coa representación pública, esquecerei-prescindirei desta cobertura”).

Sirvan estes exemplos para amosar, como dixen, o meu acordo con aquela atribución de “estupidez política”. Noutra entrega, falarei das virtudes e dos defeitos da UPG. Hoxe, toca rubricar a estupidez de ter confiado, apoiado, acariñado, elevado... personaxes que fan gala de tais doses de “jetismo” político-persoal, de tal desmemoria e de tal refacción da historia pro domo sua.

Nota bene
.- Desde o comezo, xa ben distante no tempo, da miña dedicación política no nacionalismo galego, tiven a ben (acertando e equivocándome, claro está) pronunciarme ante min e en por min con liberdade notoria. Valeume este proceder a acusación de “ir por libre” en máis dunha ocasión por parte dos que agora seguen a deostar a UPG como nai de todos os males. Espero da súa ecuanimidade ou coherencia no xuízo que atribúan este artigo ao mesmo que se me apuxo durante tantos anos, non sendo que conveña -como tantas outras veces- aplicarnos aos demais o que eles practican: o si, bwana ás decisións do xefe.