Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), un lume que prendeu e ardeu

Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), un lume que prendeu e ardeu

Poñemos a disposición das e dos nosos lectores o libro que foi editado no ano 1997 polos Comités Abertos de Faculdade (CAF) co gallo do 25 aniversario da constitución de ERGA (1972-1997). Este libro, do que se editaran un milleiro de exemplares, xa hai tempo que está esgotado e contara coa colaboración do BNG, CAE, CIG, Galiza Nova e SLG. Recolle artigos de 19 membros que pasaron por ERGA, desde os que participaron na Fundación até os últimos que estiveron no proceso de constitución de Galiza Nova en 1988 e a súa autodisolución como organización estudantil.

Para unha análise acaída do que significou ERGA non atopamos mellor xeito que reproducir o texto dun tríptico publicado polos CAF naquela altura:

"O nacionalismo galego, que a través da F.E.U.G. (Federación Universitaria Galega) fora quen de hexemonizar o Movemento Estudantil nos días da II República, terá que esperar a decembro de 1972 para encetar o camiño que lle permita recuperar a hexemonía perdida tras o alzamento militar fascista.

Aínda que presente nas grandes mobilizacións de marzo do 68 e nas loitas do curso 71-72 a dirección e a iniciativa corría da man da esquerda española abafada dun teoricismo sectarizante que imposibilitaba a articulación dunha acción de masas e totalmente insensíbel a nosa identidade nacional.

1972-1975: COA CLASE APRENDENDO A PÁTRIA

ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) impulsada pola Unión do Povo Galego (UPG), xorde logo da necesidade de dotar ao estudantado dunha organización nacionalista e reivindicativa, respondendo á mesma formulación que nos anos posteriores dará vida ás Comisións Labregas (CCLL) ao sindicalismo obreiro, á Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG); isto é, a autoorganización dos diferentes sectores sociais que conforman o povo galego como condición imprescindíbel para a autodeterminación de Galiza.
A súa aparición pública acelerada tras o asasinato a mans da policía do estudante de Medicina Chema Fuentes, dáse nun contexto de profunda conflitividade na nación -tras as mobilizacións obreiras de Vigo e Ferrol- e no marco dunha universidade que como consecuencia do crecemento económico dos anos 60 estaba a abrirse a sectores sociais máis populares, de procedencia vilega ou rural. Será precisamente este segmento do estudantado onde mellor calle historicamente a mensaxe da nova organización e de onde saia o groso da súa militancia.

ERGA imprimirá desde as súas orixes unha nova dinámica ao movemento estudantil, mesturando as reivindicacións académicas con aquelas de carácter máis xeral que daquela hexemonizaba a práctica deste. Así, entre os cursos 72-73 e 74-75 levaranse adiante campañas pola mellora da docencia (reivindicación da especialidade de Psicodiagnóstico, novo plano de estudos para Filosofía...), contra o autoritarismo do profesorado (críticas a Lois do CUVI, De Pablos en Biolóxicas, Pablito en Lugo...), de boicot e oposición ás probas de selectividade que vai provocar a incorporación do Ensino Medio á loita estudantil; a implantación de ERGA fora de Santiago é froito da concepción do ensino como un problema global e da necesidade de criar unha dinámica de masas en todo o país.

Á súa par colaborase activamente nas mobilizacións do conxunto do nacionalismo en oposición ás celulosas (Ourense...), no Día da Patria Galega, na celebración do 1º de Maio, polas liberdades democráticas e contra a represión (solidariedade cos alumnos expulsados do instituto Coia, volta a Galiza de Francisco Rodríguez desterrado en Cádiz,...). Particular importancia vai ter a labor desenvolvida no ámbito cultural (apoio ás Asociacións Culturais, homenaxe nacional a Castelao en 1974) e no lingüístico, o galego era perseguido nas aulas polo réxime e nas asembleas pola esquerda española, limitándose o seu uso sistemático aos membros de ERGA.

A pesar dos prexuízos seculares, dos prantexamentos importados, da represión franquista e da pouca experiencia, a alternativa patriótica descoñecida nas aulas só tres anos antes pasa a ser un referente fundamental no estudantado universitario e hexemónico nas ensinanzas medias ao final deste período.

1975-1981: SOÑANDO A RUPTURA

As expectativas criadas tras a morte do xeneral Franco sobre as posibilidades dunha ruptura democrática que permitise unha reformulación do Estado van provocar unha importante expansión do nacionalismo e unha intensificación das loitas populares vivindo ERGA unha época dourada que ten o seu momento alto en xaneiro do 78 coa celebración, diante de 1.000 delegados e delegadas, do seu I Congreso en situación de ilegalidade -até 1987 non vai ser legalizada.
O estudantado vaise amosar especialmente receptivo á participación en conflitos de carácter xeral nutrindo as manifestacións máis senlleiras deses anos (Xove, Baldaio, Encrobas...), colaborando coas reivindicacións das restantes organizacións nacionalistas (oposición á industrialización irracional, contra a cota empresarial...); o apoio de ERGA á xornada de loita contra os Pactos da Moncloa convocada polas CC.LL. e a Intersindical Nacional Galega (ING) para o 27 de xaneiro de 1978 sáldase coa mobilización de 60.000 estudantes a pesar do boicot do resto das formacións actuantes no sector.

A partir do curso 78-79 a medida que se vai consolidando o proceso de cambio se réxime, as loitas por cuestións académicas pasan a primeira orde mais cun enfoque novo onde a dinámica de centro vai primar sobre a nacional. Atrás quedaban as mobilizacións pola ampliación do prazo da matrícula, contra os ciclos e as catro convocatorias, en oposición ás taxas con paros na práctica totalidade dos centros universitarios; ábrese unha nova páxina onde a excepción vén representada polas loitas no Ensino Medio esixindo a derrogación do Estatuto de Centros e na universidade a Lei de Autonomía Universitaria, expresión legal do novo marco xurídico-político.

O golpe militar do 23 de febreiro de 1981 marca ás claras o rumbo reaccionario que toma o estado español e a imposibilidade dunha evolución democrática o que provoca unha grave crise no conxunto das forzas rupturistas e por extensión no nacionalismo galego. Tanto é así que a organización estudantil patriótica, cuxo II congreso é prohibido, perde boa parte da súa militancia e presenza territorial ficando como a única forza actuante no movemento universitario e de medias.

1981-1987: O DESENCANTO DA II RESTAURACIÓN

A necesidade de actuar, ser útiles, nunha situación de hostilidade social e institucional como a xurdida tras a consolidación do réxime democrático burgués (tras o golpe de estado) vai obrigar a articulacións unitarias entre as forzas e individuos que se salvaron do naufraxio da transición. O proceso vivido en 1982 coa fundación do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no que ERGA participa pasando a converterse nun colectivo máis da fronte garda similitude co acontecido no movemento xuvenil e no ensino en particular.

No campus de Compostela partindo das debilitadas estruturas unitarias criadas nalgunhas facultades ao calor das loitas do curso 79-80, os Comités de Facultade, encétase unha iniciativa xunto a outras organizacións e persoas sen militancia partidaria encamiñadas ao seu fortalecemento e expansión ao resto dos centros de distrito e da universidade (Nova Escola en Ourense, Escola Aberta en Vigo e Pontevedra). Xorden así os Comités Abertos de Faculdade (CAF) no curso 83-84 aos que ERGA lle dedica, até a súa disolución, os seus mellores esforzos vehiculizando a través deles todas as reclamacións de tipo académico en aras de non distorsionar o papel dos comités a ollos da comunidade educativa.

A escasa implantación coa que contaban no Ensino Medio limitou o seu labor a conflitos puntuais (FP no Carballiño, transporte na Coruña...) e dificultou o lanzamento dunha estrutura homóloga da que operaba con grande éxito no ensino superior. A pesar disto foi quen de responder con creces a reforma educativa elaborada polo goberno do PSOE a través da Plataforma Aberta de Estudantes Galegos (PAEG) que entre os anos 86-87 levou adiante as máis importantes mobilizacións realizadas polo alumnado de medias. Esta experiencia é parella a creación dos Comités Abertos de Estudantes (CAE) que aparecen coincidindo coas eleccións aos consellos escolares do ano 1986.

A actividade pública de ERGA durante estes anos, case na totalidade das ocasións, derivará da súa responsabilidade como organización xuvenil do nacionalismo. Participará do movemento anti-OTAN, apoiará as folgas xerais dos anos 84-85 realizando paros e manifestacións de estudantes e denunciará os intentos de manipulación de Rosalía de Castro e de Castelao coincidindo co traslado deste a Galiza en 1984, e solicita o voto para o BNG para as campañas electorais e consegue integrarse -non sen moitos problemas ao ser alegal- no Consello da Xuventude de Galiza.

A desaparición da organización na primavera de 1988 para dar paso a Galiza Nova -onde se integra a súa militancia- é resultante de que boa parte das funcións para as que fora criada estaban a ser cubertas desde os mesmos plantexamentos polos CAF e CAE pero tamén porque Galiza precisaba dunha organización tan plural ideoloxicamente como o propio BNG que agrupase a toda a mocidade, fose labrega, obreira ou estudantil.

O movemento nacionalista que viña de vivir nos anos anteriores as horas máis críticas da súa xeira contemporánea a forza de ter fe, volta a ter fe no noso povo."