Estou nun mar de dubidas pero existo (1ª Parte)

Existo porque penso, sinto e son un gran dunha espiga colectiva non un consumidor de imaxes. Inda que son insignificante non me perdo cos metafísicos nos reflexos das paredes da caverna que confunden o significante co significado e coidan que os galegos somos tan parvos que non o notamos. Pensan os da política moderna que chegou a hora de que o goberno das comunidades humanas é doado si trucamos o significado das palabras e volvemos as esencias relixiosas mudando o real polo máxico.
Xa sabemos, como o do conto, que o viño se pode facer de moitos xeitos, pero tamén se pode facer de uva. A política en Galiza tamén se pode seguir facendo como a fixo o BNG e o nacionalismo no que naceu a ANPG.( Aquelas si que eran mareas, e o barco sempre saía a flote). Entendo que mudaron os modelos de botella pero as uvas son as mesmas e das mesmas ribeiras.
Levamos no nacionalismo galego mai de 40 anos tratando de refundarnos cada poucos anos, sempre que hai algún tremor no chan da política:(23F), trunfo do delegado alemán e señorito andaluz D. Felipe, perda dun co-goberno ao que chamamos “poder”.... Estivemos tratando de refundarnos ou adaptarnos? Nin España nin Europa nos piden que nos adaptemos; do mesmo xeito que o dono aquel da granxa pregúntannos unha vez mais, non si queremos existir e si a variedade do gran da nosa espiga se pode reproducir, pregúntannos como queremos ser moídos. Agora é unha boa ocasión; pódennos moer, non nun muíño da parroquia de Prado si non alguén con mais pedigree, e a fariña non hai que mandala polos carreteiros ou gamelas da actual Xunta; hai quen a leve para a corte, non a dos porcos, a da realeza.
Di o vello pensamento “cóidame dos meus amigos que dos inimigos xa me coido eu”.
Como vai o “Madrid de la Villa y Corte” perder unha ocasión tan oportuna como esta para quitar a bandeira de España e proclamar: “Nacionalismo galego amansado e desaparecido, vascos retidos temporalmente, cataláns que se preparen”? Por unha vez, inda que semella por desgraza estamos na crista da baga ou enriba da onda. Estas eleccións e negociacións conseguintes foron e son unha cruzada para mudar a Sagrada Constitución do 78 por outra que re-centralice mais España. Xa comezamos en Galiza, nos os primeiros, a notar o diferente que sería que nas cortes estiveran dous ou un faro galegos espetados no grupo mixto. Está ben claro que o tamaño non importa....
Ao nacionalismo galego non nos queda outra que entregar o patrimonio(que non é pouco para o que é en Galiza a política)ou unirnos a os que xa o entregaron. Por os nosos compatriotas (perdón pola linguaxe rancia)non vos preocupedes; antes ou despois escollerán, e escollerán con clareza, sen marearse.
Lin de vagar o relatorio aprobado no Consello Nacional e tamén os votos particulares. Teñen unha cousa en común, nas dúas se fan autocríticas e se busca, de boa fe seguir defendendo a soberanía galega do proxecto e do programa que vimos defendendo de atrás. Mais teñen cousas moi diferentes. Nunha explícase o vivos e activos e valentes que estivemos despois de Amio e, como mínimo ofrécense cinco páxinas de propostas (vou usar linguaxe actual) proactivas e tamén se deixa ver (a verba clave é autoestima) porque non podemos nin debemos infra-valorarnos nin desesperarnos. Non hai portas pechadas pero márcanse ben as distancias. E por primeira vez, xa era hora, entran o humor e a retranca de xeito oficial nos estilos de comunicación do BNG.Noutras posicións, supoño que sen querelo, transmítese a sensación de que so se ven defectos na casa e virtudes fora.Algunhas das argumentacións son o rebote das figuras na parede. Matizo o significado. Os “media” métenlle a xente as falsidades nos miolos e logo os nosos compañeiros/as dinnos que escoitemos a xente, que di maioritariamente o que din os media. ¡Vaia progresos científicos que fixeron as ciencias sociais na Complutense dende os tempos do decanato do veciño de Ourense D. Carlos Seara!
E preferíbel coido, escoitar a xente en directo e non en diferido. E duro ver que o que as voces dos augures chaman modernización non é mais que aumento da “droga no colacao”.No relatorio valóranse o que son condicionantes internos e externos. Non comezan as preocupacións nin rematan os saberes das xentes galegas nas eleccións nin remata a intelixencia dos galegos e galegas nunha única “Voz” ou a terceira e sexta pantalla ( Cisneros,Albavisión...) Este, o da manipulación mediática, é un tema moi serio non é unha pataleta.(A verba non é composta e ten que ver coa pata non cun patal).
Da no cravo o relatorio cando marca pautas para quitar enerxía e futuro de dúas grandes fontes, a nosa cultura popular e o empuxe vital da nosa mocidade.Hai moito mundo para a mocidade mais aló do institucional. Tal como fai 100 anos poden nacer a vida Irmandades que loiten e gocen do Antroido, dos cantos de taberna, do patrimonio inmaterial, do humor, da festa, da danza, do teatro, da arte, do deporte... O problema está en que lle descubramos que todo iso e moito mais xa existe en galego, so hai que destapalo....
Moitos/as dirán que iso so se poderá gobernando nas institucións. Iso axuda ou non, segundo se use, pero hai moito mais país que iso... Non é un problema so de diñeiro, compre ter amor polo noso.¿Como tragamos tan torpemente a censura dos nosos símbolos e sinais de identidade nas mobilizacións da sanidade en Monforte,Lugo, e moitos mais lugares?
¿Como se burlaron en Lugo na protesta da sanidade quitándonos toda sinal, palabra ou expresión, e logo pactan entre todos que lea o comunicado o médico mais identificado coas mareas de Lugo chamadas “Lugo Novo”?
¿Como non somos capaces de entender o valor dos símbolos? ¿Como imos defender a liberdade expresión para outros si non a defendemos para nos? Compre aproveitar os espazos onde nos escoiten en persoa os moitos/as que non nos ven dende as pantallas.Non mudou tanto o mundo, pero antes non entregabamos tan pronto a alma o demo? A liberdade non é converterse en masa amorfa. A liberdade é poder expresar as túas diferenzas en público, non na intimidade.Significa moio, moitísimo de dano que non se podan levar bandeiras galegas aos eventos deportivos cando a bandeira dos EEUU está nas prendas mais vistosas da mocidade ou cando “ los españoles van a Eurovisión cantando en inglés”.
Transitei o pasado venres por Monforte e ollei en distintos lugares tres vivendas presididas pola bandeira española; galega ningunha. ¿Porqué non se notou mais o paso do nacionalismo polas institucións?.Compre sinalar que na romaría do San Mateo en Monforte unha familia preside a plataforma onde fai o xantar cunha grande bandeira galega, ninguén a discrimina. ¿Non teremos dentro da militancia as veces mais pre-xuizos que ten a xente normal?
E, si como lin onte,¿chegamos a ese BNG que non o coñeza nin a nai que o pariu?... Aló polos anos corenta do século pasado había nas terras de Lemos un pobre dos de pedir,o famoso Taboada, moi ocorrente e ben relacionado que ía ,entre outros lares a pedir esmola e pousada xunto dalgúns cregos. O día da festa patronal da parroquia de Síndrán arrimouse ao banquete dos cregos, que ademais gozaban co seu enxeño. Fixo un pacto co párroco, D.Amador para que lle dera unha peseta de esmola –moito diñeiro daquela para esmola- na hora do café a vista dos outros cregos que se viron obrigados a non ser menos na obra de caridade. Logo, en segredo devolveríalla. Saíu tal cual. Mais D. Amador que xa se daba por fodido (mellor, por amolado) descubriulle o trato en público.O Taboada meteu a man no peto, quitou unha ducia de pesetas e díxolle: “¿Quen a diferenza agora no medio das outras?, si a coñece colla.” E daquela non había televisión para garantir, axudada dunhas primarias e listas abertas, cales eran as pesetas guapas e modernas e as vellas e rancias.
Xa que hai porta para a retranca no relatorio vou ser eu quen fundamente, non en razóns puramente políticas,si non de simples visión de “marketing electoral a necesidade de ir as eleccións coa nosa marca como principal. Xa o fixemos así nas municipais e non nos foi tan mal.
Si alguén ten historia, experiencia e compromiso para gobernar este País é o BNG.
A xente non vota , nesta sociedade de “triunfadores” a “axudantes de”, “Co-gobernos”, “aliados de” e menos como parece desta volta que podemos aparecer como “leados de” ou “asimilados de”. Levamos tempo deixándonos lear; cando se salta ao campo saltase a gañar. Non lle podemos pedir a xente que teña confianza en nos si non a temos nos mesmos. O voto é da cidadanía e a realidade demostra que cada elección é distinta e que unhas eleccións non se fan ao rebufo dos ataques mediáticos, para nos moitas veces é preferíbel dicir “isto non toca hoxe”. Canto entramos ao trapo do da corrupción e que dano nos fixo...
Non hai que ir de prepotentes pero si de potentes e competentes.
Segundo os analistas do marketing para ter éxito hai que ir de retadores do que está dacabalo do burro.
A xente sabe,si que sabe, quen se enfrontou e se enfronta sempre cos poderes mais despóticos e conservadores, pero para gobernar con isto non chega e compre convencer de que o noso candidato/a vale para iso e tamén para gobernar e buscar amaño para os problemas reais diarios, esa persoa compre que se pasee polo País e amosala en directo. Nos a campaña témola que facer antes da campaña.
E imposíbel que vendamos a nosa vaca si pasamos a vida avergonzados dela e falando mal da nosa e ben da dos outros, desa que inda non saíu da corte. Nos somos do pobo e temos os mesmos defectos e complexos que ten o país.
¿ Que necesidade ten o BNG e que favor lle facemos a Galiza agardando para facer o Programa e presentar candidatos, si practicamente está todo feito.? Si nós queremos chegar a acordos con alguén mellor ter algo que ofrecer.Outros, como moi ben sabemos, xa teñen o exame aprobado e supervisado por Madrid.¿Inda non aprendemos? Preguntémoslle as agrupacións locais de Esquerda Unida en Galiza. Xa dixeron que AGE significaba: Agencia Gratuíta de Emprego en Madrid.
A chamada política moderna non precisa programas, con ser política moderna xa chega de programa. E doado: elíxense individuos que lle chaman líderes que teñen que ter a condición de ser moi fieis ao sistema e aos seus poderes e ao mantemento do estatus quo, no que entra como asunto mais relevante manter a “ Sagrada Unidad de España”. E por parte dominar aos seus grupos e varóns (ou mulleres digo eu).
Si o dunha cabeza visíbel é a condición moderna e non tan moderna que nos piden, pasemos por iso e non meternos dispersos nunha dispersión que conduce automaticamente a derreterse.
Si un mes antes do día da Patria non relucimos coas nosa propias luces estaremos, non facendo historia, si non pasando a Historia...
O debate e a razón pola que sobramos non é polo noso programa, o problema é si nos poñemos a aplicalo, e o peor é si implicamos a xente para que loite connosco coa decisión aplicalo. Si o programa é o que din o relatorio e os votos particulares e temos a resolución de aplicalo en serio non se pode repetir o eco dos que non nos queren vivos dicindo que nos equivocamos en Amio. Galiza está peor que daquela e a forza e loita do BNG séguese precisando mais que nunca. Non se poden facer trampas ao solitario:Estamos o BNG, amigos e simpatizantes no medio e medio da nosa terra cos problemas de sempre, mais unha zoupada electoral engadida. A liña que vimos marcando e dura. Algúns din que é Marxista. Hai outra mais relaxante e relaxada que tamén é marxista: dicía Groucho Marx “teño uns principios, pero si non lle serven estes cambiámolos.” Para seguirmos coa nosa alternativa so fai falla estar coa xente. Van a precisar das nosas receitas. A casa do BNG non se constrúe con xogadas de poker nin nos imos a entregar desesperadamente antes das eleccións.¿Non chegou xa co furado que estamos enxugando dos nosos propios petos? ¿Quererán vendernos preferentes?
Si que houbo uns cambios profundos na sociedade galega e tamén en Europa e no mundo.Mudaron os sistemas técnicos pero empeorou e moito a saúde da democracia.Non se borrou do mapa so aos partidos comunistas, socialistas de verdade ou a esquerda? Xa non hai pensamento único, aumenta o pensamento facha:soberbia, dominación e odio. A maioría dos electores/as condúcenos a que vote por odio a alguén non a favor dun programa. Vai ser difícil escapar do lema de” váiase Sr.Fejoo”. Tamén sabemos facelo.¿Non tivemos nada que ver no BNG coa caída de Aznar, Fraga, Cacharro, as Deputacións....?
Un so exemplo amosa a presenza deste fascismo. 10.000 criaturas roubadas por bandas criminais para escravizalas e martirizalas. ¿Que fai a Europa dos monopolios tan democrática e perseguidora dos fanáticos do “terrorismo”?: Fregarse as mans e Dicirlle a OTAN que resolva o problema dos refuxiados e dos emigrados, ese grupo social ao que comezan a pertencer os nosos fillos. E por iso que o ideólogo dos emerxentes contestaba ao compañeiro Aymeric o outro día que a OTAN había que vela con realismo e que había que defender Europa. ¿E esta a xente coa que imos fundirnos?
Refundar creo que significa volver a poñer fundamentos. ¿Tan pouco nos queremos? ¿Tan desfondados estivemos estes anos? ¿Pérdense os votos porque non serven os fundamentos ou pérdense precisamente porque se perderon os fundamentos? ¿Cando deixan os de arriba de ningunearnos ao BNG e comezan a chamarnos malos? Andaban niso fai pouco que se lanzaron coa mellor arma que teñen contra os máximos representantes do BNG?.¿Roubáronnos o discurso ou roubáronnos a ideoloxía?
¿Terá futuro un movemento político que está na esquerda, na xente e ten o seu fundamento na terra galega e nos mais dominados, explotados, alleados e influenciados? ¿E mellor aparcar isto e poñelo todo ao servizo das conxunturas electorais?
Recoñece o relatorio que é difícil falar de Galiza ou galeguidade co fume do anti-catalanismo e do espellismo do mundo aberto. Pero en realidade é difícil todo o que non sexa a frivolidade e entretemento. ¿Como se puido tirar tanto morbo da morte dramática dunha adolescente en Compostela?
¿Porqué todo o mundo se calou?¿En que raio de decencia e democracia vivimos? ¿Que xustiza é a que fai negocios cos dramas da xente?
¿Porqué asumimos pacientemente que varios dos nosos mellores militantes foran perseguidos pola xustiza e marcados co selo de corruptos e delincuentes diante das campañas electorais remando na mesma dirección xustiza, prensa e PP?
¿Que tanto falar da corrupción? ¿qué tanto usar aos cargos públicos e partidos e sindicatos como “chivo espiatorio” de toda a inxustiza, explotación e morte que causa o capitalismo?
Compre perder o medo a que nos chamen políticos. Hai que enfrontarse e responder. Non poden chantaxearnos e acovardarnos cando non sexamos concordantes cos dogmas introducidos na sociedade. Inda que perdamos votos. Tamén estabamos rexurdindo nese duro espazo.¿Queremos volver atrás? ¿Cantos, que levan toda a vida no BNG, son ricos? ¿Porqué tragar a perseguidores/as do integrismo católico? ¿Quen loitou e segue a loitar contra as grandes corrupcións protexidas pola lei e a xustiza, que non sexamos nos, o nacionalismo?
Tiramos o chaleco marxista e nacionalista e vestimos o de parvos. Os do PP non son corruptos por ser políticos son corruptos por ser ricos e están na política para defender esas riquezas. O ser rico tal como se fai nos negocios modernos precisa de ser corrupto e ladrón, ou sexa os principios do capital pero dentro da lei. ¿Como será que o único capitalista que ten cartos “no Protectorado Eclesiástico de Andorra” é a familia Puyol? Temos que ir a discursos mais rigorosos e científicos e afacer a prensa (total vainos tourear ou falsificar igual) a que somos donos/as de pensamento propio.
E fronte a xustiza temos que defender a presunción de inocencia e arredar a mentira da neutralidade desta institución, xa nos está obrigando a necesidade....
Non é certo que o noso discurso sexa trabucado. Está Feijoo tratando de figurar que soluciona tódolos asuntos que o BNG levou ao Parlamento, incluso varios aprobándoos. Remata a lexislatura cun Goberno a defensiva e unha soa oposición, o BNG.
Claro que senta mal que unha proba de forza para saber si é sólida a madeira dos escanos pareza unha revolución. E si non, ¿como se suple o déficit de teatro en Galiza?
Non temos un problema de comunicación directa co pobo, todo o noso País coñece ao BNG de ter compartido o 90% das agresións que sufrimos no pasado e no presente, pero nas eleccións pásannos a clandestinidade e anúlannos. Nestas últimas ademais deixámonos lear nos mesmos, e fixemos moitos traballos novos e bos pero a destempo. En realidade foise xogar un campionato a Madrid con todo comprado dende os xuíces, as entradas e as retransmisións.
Dende fai tempo nos veñen roubando e mareando para deixarnos sen ideoloxía, sen discurso,sen megáfono, sen pantalla e sen figura nin figurante artístico, que o ascenderon ao ceo e, tan alto está que ameaza con non deixarnos entrar no seu efémero reino que ten prestado.
O que nos vai salvar e precisamente irnos identificando con estabilidade e permanencia con novos referentes. A manía mercantil de cando temos un fracaso matar aos fracasados é dar a entender que non facemos mais que fracasar, á xente non tolea como facemos nos cos titulares da prensa mercenaria. Moi pouco criterio temos para obedecer a esas luminarias.
Que non nos quere a xente? Si que nos quere, pero daquela maneira...
1º Non nos queren a nós porque non queren a ningún político porque seica son todos uns chourizos. Tal como puxeron isto ser representante do pobo converteuse nun delito.
2ºQuérennos si temos algo de poder nas institucións porque nos necesitan ou nos poden necesitar. Ademais si nos coñecen de cerca e somos útiles somos difíciles de demonizar.
3ºOs do BNG non lle encantamos a orella prometéndolle o ceo e por enriba dicímoslle que para liberarse hai que loitar contra o opresor e facer política. No de loitar están connosco, digo mal, estamos nós con eles. E ao pouco xa están eles con nós porque algúns deles xa son nós. Non é un xogo de palabras é a panca que mais termou do BNG, pero pesa. E tamén hai dualismo e paternalismo pola nosa banda e a da xente. Si non somos capaces de mover a panca non pasan a ser nós, úsannos para as loitas e votan ao cacique ou ao “bonito” do “politico-chou”.
Unha pregunta que me atormenta e que estimaría saber: Si alguén sabe os candidatos, grupos, círculos e semi-círculos que van aparecer no terreo das sucursais de Podemos en Galiza doulle o meu teléfono para cubrir unha primitiva a medias.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.