Este vaise e aquel vaise, e todos, todos se van,... pero poden seguir votando
Abondou con que trascendese aos medios de comunicación que no Congreso dos Deputados estase a estudar unha reforma do voto CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes que viven no estranxeiro) para que se suscitase a polémica. Queren acabar cos dereitos dos emigrantes! Queren excluír aos galegos da diáspora!.
Apélase á emotividade para impedir unha reflexión serena e racional sobre as reformas a abordar. E ningunha reforma atacará a raíz real do problema se non se sustenta en dous piares. Non abonda con cambiar o procedemento de votación para que reúna todas as garantías democráticas, é necesario regular o alcance do dereito de sufraxio, limitando a determinados supostos o recoñecemento do dereito de voto. Non para acabar cos dereitos dos emigrantes, senón para protexer os dereitos dos residentes en Galiza.
Co voto CERA somos vítimas de dúas confusións terminolóxicas. A primeira confusión ven determinada polo propio concepto de residente ausente. Un residente ausente "stricto sensu" é unha persoa natural ou con residencia habitual en Galiza que por circunstancias conxunturais reside temporalmente fóra. Mais este non é o caso de boa parte dos máis de 350.000 inscritos no CERA en Galiza, pois nin naceron nin residiron nunca no país.
A segunda é a equiparación de "galeguidade" e "cidadán galego". Ninguén cuestiona a "galeguidade" das persoas nacidas no noso país nin dos seus descendentes, nin a necesidade de manter e cultivar os seus vencellos con Galiza. Mais, é lóxico que estas persoas que non residen en Galiza voten nos procesos electorais da nosa nación?.
Alguén se imaxina que na República de Irlanda puidesen votar os millóns de estadounidenses de orixe irlandesa?. Escusarían votar os catro millóns de residentes en Éire (Irlanda) pois o seu voto futuro xa se decidiría en Boston, Chicago ou Nova Iorque.
Alguén se imaxina que o que subscribe puidese votar nas eleccións municipais de Cartaxena polo simples feito de ser neto dun cartaxinés?
É lóxico que poida votar en Galiza un arxentino neto de galegos con residencia en Bos Aires e non o poida facer un mozo galego recentemente emigrado ás Canarias?
É democrático que nunhas eleccións municipais poida votar unha persoa que nunca residiu no concello e non o poida facer un extracomunitario con anos de residencia no mesmo?
É normal que o CERA siga aumentando exponencialmente, e estes electores representen unha fracción cada vez máis grande do censo electoral, pese a que o fluxo migratorio de Galiza cos países alén das fronteiras españolas deixou hai anos de ser negativo?
Estas son as preguntas que hai que respostar se queremos facer unha reflexión racional sobre as implicacións do actual sistema. Un sistema que perxudica electoralmente ao nacionalismo pero sobre todo perxudica a Galiza.
Perxudica electoralmente ao nacionalismo polo carácter clientelar deste voto, dominado polo partido que goberna o Estado e controla as redes consulares e asistenciais, mais tamén porque a propria lonxanía e a falta de contacto co día a día do país, fai que os referentes políticos sexan só os que aparecen nas canles internacionais de televisión ou, por mímese, aqueles de máis doada homologación coas forzas políticas do Estado no que se reside.
Pero sobre todo perxudica a Galiza, limita a efectos prácticos os dereitos dos residentes de Galiza.
O peso político de Galiza, mesmo en termos electorais, é cada vez menor e iso ten efectos prácticos negativos para intentar condicionar con posicións de país a política estatal.
O noso peso electoral diminúe por mor do noso estancamento demográfico pero tamén por un sistema electoral negativo para Galiza ao estableecer a provincia, e non a comunidade autónoma, como circunscripción electoral e atribuír o número de escanos no Congreso que corresponde a cada provincia tomando como base a poboación de dereito e non o censo electoral. Pensemos no que isto conleva:
Os menores de 18 anos, pese a non ter dereito de voto, contan para determinar o número de escanos, o que perxudica a Galiza por ter unha poboación envellecida e representar os menores de 18 anos unha fracción menor de poboación que noutros territorios.
Os inmigrantes contan tamén para determinar o número de escanos pese a non poder votar, e Galiza volta saír perxudicada por ter unha porcentaxe de poboación inmigrante sensibelmente inferior á media estatal.
E ainda por riba poden votar os chamados residentes ausentes pero non son tidos en conta para determinar o número de escanos por non formar parte da poboación de dereito.
Conclusión: o peso electoral dos residentes en Galiza é cada vez máis diminuído.
O Estado español é unha excepción no mundo:
En case ningún Estado do mundo enténdese que a dupla nacionalidade conleve o dereito a votar nos procesos eleitorais de dous Estados distintos. O principio asentado no mundo é que se vota no Estado no que se reside.
En case todos os Estados o dereito de voto dos emigrantes está acoutado a un limitado período de tempo desde que se produciu o cambio de residencia ao exterior, ou ben a participación nos procesos electorais redúcese á escolla directa dun número reducido de representantes na Cámara alta, sen estenderse ao resto dos procesos electorais.
Na orixe da propia democracia está o principio "se contribúes, votas". Se pertences a unha comunidade e cumpres coas túas obrigas para con ela tes dereito a participar das decisións que afectan ao seu futuro.
A nosa poetisa nacional Rosalía de Castro cantou no seu poema "¡Pra Habana!" o drama da emigración, non só na súa dimensión individual, senón sobre todo na súa dimensión social: a sangría que representou para Galiza (..."Galicia, sin homes quedas que te poidan traballar. Tés, en cambio, orfos e orfas e campos de soledad.....").
Hoxe, sen deixar de sentirnos irmáns dos nosos emigrantes, sen deixar de afirmar o dereito a vivir e traballar na terra, temos que afirmar que o futuro de Galiza, a través do dereito de voto, deben decidilo os que viven e traballan nela.