Estarán hoxe os nosos mestres á altura de don Ramón Otero Pedrayo?

Estarán hoxe os nosos mestres á altura de don Ramón Otero Pedrayo?

Nestes días nos que baixan as augas medio revoltas convén talvez facer algún exercicio de memoria. A historia é sempre unha fonte na que podemos calmar a desesperación e a impaciencia por chegarmos a ese horizonte que semella que temos a tiro de pedra e, non obstante, nunca damos alcanzado. Quixera, pois, en primeiro lugar, traer aquí os debates e os desencontros que se produciron no seo do Partido Galeguista tras as eleccións a Cortes de 1933, nas que o nacionalismo galego non obtivo nin un só escano, e iso que nas Eleccións Constituíntes de 1931, en termos cualitativos, os galeguistas conseguiran unha importantísima presenza en Madrid. Lembremos que nese primeiro bienio republicano foron deputados Castelao, Otero Pedrayo, Antón Vilar Ponte e Ramón Suárez Picallo, os primeiros como representantes do nacionalismo organizado e os dous últimos elixidos pola Federación Republicana Gallega. Mais nas eleccións xerais de novembro do 33 os nacionalistas non obteñen representación, nin indo como PG nas provincias de Lugo e Ourense, nin indo en coalición cos federais na Coruña, nin tampouco indo na provincia de Pontevedra nunha candidatura de esquerdas republicana. Nin sequera Castelao acada acta de deputado despois dun brillante labor nas Cortes como principal defensor dos intereses de Galiza. Convén lembralo.

As tensións ideolóxicas dentro do PG afloran xa no período electoral. Vicente Risco será o primeiro en discrepar da liña oficial do partido, e faino nas propias páxinas de A Nosa Terra, mostrándose contrario á política de alianzas coa esquerda. Víctor Casas polemiza con Risco e o debate desemboca finalmente nunha asemblea extraordinaria do PG, que ten lugar en Compostela unhas semanas antes do proceso electoral. Mal pechado ese debate, tras o fracaso nas urnas acentúase a tensión interna e reábrense de novo as diferenzas entre uns e outros. A mediados de xaneiro de 1934 celébrase a III asemblea ordinaria do Partido Galeguista, onde se enfrontan as teses de Risco coas de Suárez Picallo, exercendo Alexandre Bóveda un papel de ponte. Aínda que a asemblea remata cunha declaración política que é aprobada por unanimidade, o certo é que desaparecen do Consello Executivo e da Secretaría do partido dirixentes como Vicente Risco e Filgueira Valverde. Desde ese momento Risco incluso comeza a explorar a posibilidade de crear unha organización galeguista de dereitas. Castelao, nunha carta que lle escribe a Risco desde o seu desterro en Badaxoz, censura a súa posición e mesmo chega a convidalo a abandonar o partido se se encontra a desgusto nas súas filas. A carta remata con estas durísimas palabras: "Desfai o Partido dunha vez. Déixate de lerias e ponte ó frente de quen che siga. Lévate contigo o mellor que temos e esterelízalle as enerxías que teñan. Eu quédome onde estou e coa carraxe do mesmo demo do inferno -ceibe de vencellos- seguirei na política activa, con quen sexa capaz de dar a vida e a alma por Galicia, a Galicia que seña, a que poidamos lograr. Apertas".

Mentres o alonxamento de Risco do Partido Galeguista é cada vez maior, Otero Pedrayo, aínda que vai progresivamente distanciándose da liña oficial do PG, nunca dará o paso de abandonar a militancia, e menos o de sumarse á idea de crear outra forza política. Será na IV asemblea ordinaria do partido, que ten lugar en Santiago en abril do 35, onde Otero Pedrayo, ante a ausencia de Risco, exerce de portavoz do sector conservador, presentando unha proposta para que o PG declare a incompatibilidade entre marxismo e galeguismo, que ten á súa vez resposta noutra destacada intervención de Ramón Suárez Picallo. Otero inicia o seu discurso dicindo que sabe ben que a inmensa maioría da asemblea é contraria ao seu pensamento, mais remata a súa afervoada intervención diante da militancia galeguista manifestando que suceda o que suceda coa súa proposta, el non marchará do partido e acatará a súa disciplina e os seus acordos. O cronista de A Nosa Terra escribe que nese intre "a Asambrea érguese como un home so e tributa a Otero Pedrayo unha enorme, profunda e emocionante ovación. O entusiasmo e a emoción non poden describirse". Que lección, verdade!

Durante ese período que precede á guerra civil, Vicente Risco e Filgueira Valverde, plenamente convencidos da necesidade dunha dereita galeguista, continúan apostando por unha escisión do PG. Otero Pedrayo, tamén firme partidario de non pactar coa esquerda e igualmente defensor dos valores católicos, non seguirá, non obstante, os pasos de Risco. Otero dá a batalla dentro do partido, debátese entre ser el por riba de todo ou ser por riba de todo un home do Partido Galeguista, e no proceso electoral que remata co triunfo da Frente Popular, aínda que non acepta figurar como candidato e non participa nos actos políticos, en ningún momento deixa o partido. Nunha carta que lle escribe a Antón Vilar Ponte aclara moi ben a súa posición: "Eu, despois de grandes loitas con min mesmo, dispúxenme á loita e presentei na Asamblea en nome do grupo minoritario de Ourense a seguinte proposición (...) Eu, meu vello, non me atrevín a separarme como moitos pensaban (...) Comprendo que é unha postura un pouco rara, mais rachábaseme o corazón, e ademais Castelao no Porto ó saír para o desterro tíñamo pedido. Por outra parte, as dereitas de Ourense agardaban, sorrindo, que eu me fora, e non quixen darlles esa alegría ós que me insultaron e acaloñaron nas eleccións derradeiras". E pouco despois, cando en plena campaña electoral se constitúe a Dereita Galeguista de Ourense, con Risco á cabeza, Otero non segue ao que é seu grande amigo desde a mocidade, ao que foi a principal figura do primeiro nacionalismo galego, e permanece dentro da militancia do PG. E con Otero permanecen fieis ao Partido Galeguista outras personalidades como Florentino López Cuevillas ou Ramón Vilar Ponte. Así mesmo, resulta moi esclarecedora a respecto dese desacougo interno que el vive a carta que Otero Pedrayo lle envía a Manuel Beiras García por esas mesmas datas: "Eu teño sufrido moito (...) Traballando xuntos tantos anos ráchaseme o curazón ca idea de térme de afastar de eles". O propio pai de Xosé Manuel Beiras, que se sumara xa á Dereita Galeguista co notario Banet Fontenla e con Xosé Mosquera Pérez, reincorpórase ao partido despois de falar con Bóveda -que, por certo, era moi ríxido cos actos de indisciplina- e talvez tamén despois de ler a carta de Otero, na que lle di que a pesar das súas loitas interiores e da fe nas súas ideas el non vai encabezar ningunha escisión. Velaí a exemplar lección de lealdade de Otero Pedrayo ao seu partido, ao partido que el, con Castelao, Bóveda, Paz Andrade e outros irmáns, axudara a construír na cidade de Pontevedra en decembro de 1931. Foi así como despois da morte de Castelao, no medio de tanta derrota e tanta deserción, se converteu don Ramón nun verdadeiro símbolo e nun exemplo de fidelidade a Castelao e ás ideas do galeguismo.

,Tras a destrución do Partido Galeguista, do Consello da Mocidade e do Consello de Forzas Políticas Galegas, eu agardo que na circunstancia histórica que hoxe vive o nacionalismo galego, os nosos mestres e os dirixentes actuais do BNG estean á altura de Otero Pedrayo. En momentos delicados como este é cando se demostra a grandeza humana e a responsabilidade histórica das persoas que aman de verdade este país. E eu non teño a menor dúbida de que todas as persoas que traballaron xenerosamente durante tantos anos para construír a unidade do nacionalismo que a nación galega precisa terán tamén agora, máis unha vez, a lucidez política e a xenerosidade que demostraron na Asemblea de Riazor. Estou convencido de que non haberá un paso atrás no longo camiño que temos percorrido xuntos. A militancia máis activa e a sociedade que nos estivo a apoiar todo este tempo non nos perdoaría que fósemos coprotagonistas dunha nova frustración para o nacionalismo e para o país. E tede por seguro que esa sería unha frustración que non se pode medir en votos nin en escanos, que afecta á raíz mesma das ideas que nutren un proxecto político como o noso, porque destrúe todo o que tiñamos avanzado organizativamente na construción dunha Galiza dona de si, das súas riquezas e do seu destino, que, ao fin e ao cabo, é polo que todas e todos militamos no nacionalismo e non noutras forzas políticas. Porque era o noso un proxecto de liberación nacional e social, non? Ou non era iso o que creamos no outono do 82 no Frontón de Riazor? É ou non é o noso soño unha Galiza liberada?

Despois de tantos anos de compromiso e resistencia, despois de tantas derrotas e dalgunhas vitorias, xa podíamos saber que, desde unha óptica electoral, o problema principal do nacionalismo galego é que para medrar electoralmente só o pode facer gañando a confianza dunha parte do electorado non nacionalista, e esa confianza hai que gañala traballando coa sociedade, dándonos a respectar como organización, prestixiando as nosas siglas, resolvendo os nosos debates e os nosos desencontros dentro dos órganos, transmitindo unha imaxe de unidade, valorando o esforzo e o traballo do nacionalismo, mesmo por riba dos resultados estritamente electorais ("Non teremos o voso voto, mais seguimos sendo a única voz que vos defende", dicía unha e outra vez nos mitins aquel altísimo poeta que se chamou Antón Avilés de Taramancos), e, naturalmente, para gañarmos a confianza de amplos sectores sociais é imprescindíbel non destruírmos o único instrumento político de defensa do país do que se dotou este pobo nas últimas tres décadas. Por suposto, todo iso esixe renunciar a unha parte do que cada un e cada unha de nós pensa individualmente ou a unha parte do que cada grupo ideolóxico defende nos seus principios políticos, e esixe, igualmente, unha relación de respecto mutuo e de verdadeira fraternidade e unha constante lealdade á organización na que militamos. Xusto o que fixo Otero Pedrayo, non sen grande dor, no seu tempo de militancia no vello Partido Galeguista. A memoria e a lección de don Ramón, sempre.