Estado galego, aquí e agora

A crise abafa, a globalización afoga e desde as nacións de Europa sopran ventos de independencia. É hora de sacarmos o Estado galego do terreo da utopía ou do puro desexo. É hora de explicar alternativas claras, críbeis e ben fundamentadas sobre o noso futuro Estado soberano.
Xabier Vence, na intervención que seguiu á súa elección como portavoz nacional do BNG na XIV Asemblea, espertou a nosa curiosidade cando despois de oferecer algúns datos macroeconómicos concretos sintetizou a posición de Galiza no contexto demográfico e económico mundial. “Que ninguén diga que temos un problema de tamaño para podermos aspirar a gobernámonos nós mesmos e a ser un país soberano” –resumiu Vence.
Unha operación de procura de datos na rede pode complementar os datos fornecidos por Vence naquela ocasión. Certamente, hai en Europa trece países soberanos máis pequenos que Galiza en termos de poboación, entre eles Eslovenia, Letonia, Islandia ou Luxemburgo. Máis dunha ducia son os países europeos con Produto Interior Bruto nominal máis baixo que o galego. O PIB galego, que acada un nivel semellante ao de Luxemburgo ou Croacia, situaríase con Galiza como país independente ao redor do posto 70 do ranking mundial, deixando por baixo a máis de 120 nacións soberanas e a dúas decenas máis de territorios semiindependentes.
Galiza ten unha superficie semellante á de Bélxica. Existen no continente europeo trece países soberanos territorialmente máis pequenos que o noso, e máis de 57 no mundo. Galiza supera a máis de 60 países independentes en poboación, doce deles en Europa. Mais convén estar alerta encol de tópicos interesados sobre o tamaño do país e a súa prosperidade: as estatísticas confirman que, polo xeral, onde se podería vivir mellor se houbese xustiza social sería nos países pequenos. Dos quince países soberanos con maior PIB per cápita do mundo, sete son máis pequenos que Galiza en termos de poboación, e só catro son máis grandes en territorio: Noruega, Suíza, Estados Unidos e os Emiratos Árabes.
Outro tipo de datos demográficos arroxan estatísticas alarmantes e sitúan ao noso país nos límites alto e baixo das táboas. Como dato positivo, os 82,4 anos de esperanza de vida no momento do nacemento dos galegos e galegas en 2011 (79 eles e 85,8 elas) poñeríannos en terceiro lugar dos países independentes do mundo, empatados con Andorra e só detrás de Mónaco e San Marino.
Mais a enorme crise demográfica que padece o noso país reflíctese na taxa bruta de natalidade máis baixa do mundo, 7,7 nacementos anuais por mil habitantes, a distancia considerábel do que sería penúltimo clasificado, Alemaña, cunha taxa do 8,1. Esta situación de emerxencia histórica provoca que cunha idade media da poboación de 45,1 anos sexamos o segundo país do mundo neste índice, só detrás de Mónaco, con case 49. Para ilustrarmos máis este sangrante dato debemos sinalar que o conxunto do Estado (con Galiza incluída), marca un 41,5, Portugal un 39,7 e Irlanda non sobe dun 34,5.
Centrémonos de novo na economía e comecemos a analizar as consecuencias do Estado galego aquí e agora. Ao contrario do que ocorre con casos como o catalán, non é doado atopar na rede estudos empíricos de certa profundidade nos que se analicen as implicacións económicas da aparición do Estado propio no panorama europeo e mundial.
Pódese con todo acudir a exemplos representativos do que podería chegar a ser un Estado galego a nivel económico no mundo. Casos como o de Croacia, un estado relativamente novo, cun PIB similar ao galego, un tamaño e poboación non moi dispares ás nosas e unha localización xeográfica nalgún modo comparábel, veñen a demostrar a potencialidade das pequenas nacións recentemente independizadas que mediante a adecuada xestión económica dos seus recursos, da súa industria e, no caso croata, tamén do turismo, logran ser competitivos e son capaces de xerar crecemento económico. Alén dunha boa potencialidade turística, Galiza posúe maiores recursos, unha industria máis forte e un tecido empresarial máis desenvolvido que o croata.
Se ben é certo que debido ao sistema tributario do Estado a CAG é fiscalmente deficitaria e que un proceso de emancipación nacional levaría consigo certas cargas económicas derivadas do reparto da débeda contraída polo Estado español -que traspasaría a Galiza na porción que esta represente en termos económicos-, tamén é certo que a débeda galega non resultaría demasiado elevada con respecto ao noso PIB. Sería de esperar entón que a capacidade de acceder ao necesario financiamento exterior non fose peor que a que hoxe en día padece o Estado español. Esta variábel dependería en gran medida de factores como a credibilidade que política e economicamente o proceso soberanista fose capaz de transmitir ao exterior.
Tras salvar estes obstáculos iniciais, o novo Estado galego podería agora controlar en maior ou menor medida, dependendo da pertenza ou non pertenza á UE, os seus sectores económicos clave para adecualos aos intereses do país. As empresas xa asentadas na Galiza máis aquelas multinacionais que de seguro quererán estabelecer aquí unha base operativa terían agora que cumprir coa nosa normativa fiscal, que sería redactada pensando nos nosos intereses e non nos foráneos.
No caso de non pertencermos á Unión Europea, recuperaríase ademais a soberanía total en materia monetaria e económica da que o Estado español foi despoxado anos atrás. Isto permitiríanos adecuar as políticas en materia monetaria e económica ás nosas necesidades, un asunto de vital importancia en épocas de recesión, e non ter que aplicar aquelas que agora nos son ditadas desde Alemaña e que están a afundirnos aínda máis. A posibilidade de depreciar a moeda ou a eliminación das cotas en sectores clave como o gandeiro ou pesqueiro representarían oportunidades de recuperación e crecemento económico hoxe en día desactivadas.
Como todo, a pertenza a UE tamén ten as súas vantaxes, relacionadas maioritariamente co comercio internacional (facilidade para a exportación e importación). Compre ter en conta que tamén é posíbel pertencer á UE e non á unión monetaria, que é o caso da Gran Bretaña, e que de feito semellaría a día de hoxe unha opción a considerar.
Outra das posibilidades que abre a emancipación nacional ten que ver coa capacidade de trocar o sistema económico, na medida do posíbel nunha Europa e nun mundo globalizado. Seguindo o exemplo dos países nórdicos –por certo, uns referentes constantes no argumentario independentista escocés- é posíbel acadar un estado máis social baseado nunha fiscalidade máis xusta. Un estado que realmente xogue un papel redistribuidor da riqueza e que permitise ofrecer un alto nivel de benestar e uns servizos públicos, gratuítos e de calidade para todas as galegas e os galegos.
Miguel Rodríguez Sánchez é economista. Xestiona, xunto con Paco Lodeiro Amado o blogue galego de análise económica Enxebre Markets.