Está a nosa redención no imperio transnacional?

Está a nosa redención no imperio transnacional?

Moitos pensan que estamos atados a un destino irreversíbel cal é a pertenza e permanencia na Unión Europea. É como se dentro dela todo puidese ser discutido. Sobre todo, podemos desabafar canto quixermos, mais sen nos atrever a pensar na posibilidade de existiren outras saídas que rompan para ben tan fatídicas ataduras. A inmensa maioría, nisto como en tantas outras cousas, malia a crise e a desafección política co réxime vixente, conflúe, sen o saber, en certa maneira coas oligarquías e as xerarquías que controlan o poder. En efecto, produciuse unha confluencia irracional da crenza racista na desigualdade dos pobos, a capacidade e a superioridade duns fronte a outros, cunha concepción moralista, individual, demagóxica, da igualdade, sen aspiración real a mudar de sistema. Perséguese así a cuadratura do círculo: humanizar un sistema inhumano e ofrecer a consolación dunha alternativa individualista a tanta miseria. As dúas alternativas políticas que máis padecen con este canto de cisne do capitalismo imperialista epigonal son o nacionalismo e o socialismo real, precisamente por representaren posibilidades de mudanzas radicais da situación actual. Por máis que exista a tendencia a non cavilar nisto, o exercicio da soberanía por parte das nacións, dos pobos, para tomaren as decisións que estimen convenientes, na defensa dos seus lexítimos intereses, é unha das ferramentas necesarias para rematar con este sistema opresivo. A outra, que con ela está relacionada, nas actuais circunstancias históricas, é apostar polo socialismo, entendido na súa acepción marxista, a propiedade pública dos grandes medios de produción. Esta combinatoria é a única que, con todas as imperfeccións e deficiencias que se queiran, poden servir de punto de partida para articular unha democracia igualitaria, isto é, con xustiza social. Asemade a única que pode servir de base a unha unión internacionalista, fundamentada na cooperación, o beneficio colectivo, a paz e un acervo de dereitos comúns, compartidos.

Dáse o paradoxo de dúas tendencias consideradas antitéticas, moitas veces, na tradición ideolóxica do marxismo, resultaren, agora máis do que nunca, mutuamente necesarias para articular unha alternativa sólida aos Estados centralistas e/ou capitalistas e ás macroestruturas globais nas que están inseridos. Hai moitos pobos que, para desenvolvérense economicamente e lograren conciencia da súa dignidade e responsabilidade, deben rachar a dependencia, moitas veces de características coloniais, tamén na periferia europea: o recoñecemento do dereito e o exercicio da capacidade de decidir é nestes casos ineludíbel, vital par a súa viabilidade e futuro. Calquera proxecto nacional necesita de clase ou clases dirixentes que o promovan. Nas actuais condicións de dominio sobre a periferia do sistema, parece que o papel protagonista e revolucionario teñen que asumilo as clases populares na defensa da existencia da nacións negadas. Resulta moi perigoso e será frustrante, na actual conxuntura, pretender acadar a xustiza social e unha nova orde internacional obviando ao tempo o combate contra os poderes globalizados á vez que contra os marcos institucionais que construíron, asumindo que dentro deles hai que canalizar as batallas por un mundo mellor, pois a alternativa consistiría só en xestionar eses marcos con outros criterios. Nunha palabra, estruturar a oposición e mesmo a alternativa desde unha unidade articulada arredor das estruturas existentes, sexan os Estados, sexa o marco global no que se insiren (no noso caso, a UE), obviando e anulando a concreción e a dialéctica das necesidades nacionais, de cada pobo, en primeiro lugar, a necesaria autoorganización, a súa específica realidade e os problemas derivados da súa ubicación dentro do sistema, non vai conducir a unha mudanza esencial. Así non se vai rachar coa xerarquía entre nacións e Estados, nin haberá un desenvolvemento equilibrado nin tampouco o recoñecemento e o exercicio pleno do dereito a decidir e a capacidade de decidir, a base do internacionalismo.

Nunca fun adepto ao conxunturalismo na forma de analizar o problema nacional, tan característico do marxismo clásico, a comezar por Engels. Preferín a teoría leninista, teoricamente menos presa de criterios tacticistas. Porén, debo recoñecer que houbo situacións, como a descomposición da antiga Iugoslavia, especialmente o caso Kosovo, que me produciron certo desacougo perante a magnitude da manipulación e a animosidade promovida polo imperialismo da UE e dos Estados Unidos. En todo caso, o propio contido da alternativa soberanista parece indicar, na Europa Occidental tamén, unha aspiración democrática dos pobos, non a pretensión interesada das oligarquías transnacionais, en principio remisas e inimigas destas demandas. O caso catalán, por próximo e tratarse dunha nación con certo grao de desenvolvemento, pode resultar paradigmático neste aspecto. Non é a grande burguesía a que aposta pola independencia. Síntese española e europea, global, con intereses transnacionalizados. No noso caso, Galiza, é tal a dimensión da opresión colonial que mesmo factores de carácter ideolóxico predominan por enriba dos seus intereses económicos na maioría da nosa pequena e media burguesía. Malia a magnitude do desastre que se deriva da nosa función no Estado Español e do noso papel na UE, amárranse, impotentes, como a cravo ardendo á unidade de España e a un europeísmo tan ideal como masoquista, devecendo mesmo, nalgún segmento, pola recentralización plena do Estado e a eliminación de toda aspiración real á diversidade cultural e lingüística.

A onde quero ir? A algo evidente e sintomático dos nosos paradoxos, deficiencias e inconsecuencias. Dá a sensación de que existe un denominador común esmagador na conciencia popular sobre os sufrimentos, calamidades e inxustizas que o sistema/modelo produce. Parece que existe un punto de vista crítico moi espallado sobre o papel negativo e destrutivo da UE verbo dos nosos intereses económicos, totalmente en contradición co noso dereito a vivir e traballar na propia Terra. Entón a que se debe a incapacidade manifesta para, seguindo todos os pasos lóxicos no razoamento, chegar á conclusións radicalmente contrarias aos deseño económico e institucional que representan o Estado español e a UE? Parece como se, fóra deles, non houbese vida. Desde logo, non son as evidencias e as constatacións económicas nin o exercicio real duns dereitos os que avalan esta parálise, esta conformidade resignada. É a nosa incapacidade, o noso medo, seguramente inducido, a pensar por nós mesmos. Non exercemos a valentía de asumir que podemos valer por nós mesmos, europeos sen necesidade de formar parte da UE, libres para procurar onde nos conviñer as relacións de interdependencia, nun mundo que, malia a tantos problemas, é máis amplo e diverso, con máis portas onde petar.

Téñome preguntado moitas veces se a vida actual en Greza, cun goberno popular, sería peor estando fóra da UE? A resposta, sen dúbida, debe ser que nada hai que impida a Greza ser un país con máis xustiza social, con menos sufrimento e con máis dignidade, se se vai embora. Desde logo, tería máis capacidade de decisión para obrar en función das súas necesidades e un maior protagonismo propio para relacionarse con outros interlocutores no mundo. Son as súas oligarquías as que se empeñan en manter a servidume, condenando, arroupadas por todos os poderes fácticos mundiais, o pobo grego ao sufrimento sen futuro. Os intereses duns poucos prevalecen sobre os da maioría, aniquilando a dignidade nacional do país. Como é posíbel tanta irracionalidade? Sen dúbida a tradición histórica do país, interpretada e vivida de forma emocional, axuda ideoloxicamente a non querer ver que, mesmo na proximidade, hai con quen negociar, con quen intercambiar, con quen compartir e a quen propor, sen deixar de ser un mesmo e avaliando con plena liberdade o que cómpre facer...Na Galiza, a tradición histórica debería xogar de forma máis complexa e contraditoria: séculos de unidade dependente e submisa que significaron marxinalidade e subdesenvolvemento. Por que tanto medo, mesmo escénico, a sermos e pensarmos como galegos con independencia de criterio dos españois, como quería Castelao? A ignorancia histórica acumulada sobre nós e o desprezo inoculado, a falta de clases dirixentes, conformaron unha mentalidade colonizada que se resiste a acreditar en que sexamos capaces de nada, se pomos en cuestión o marco dunha unidade que nos anula, espolia e despreza.

Curiosamente, con todas as salvidades, derivadas de estarmos nunha etapa histórica diferente, a Unión Europea está a usar con nós mecanismos similares aos que utilizou España, económicos, políticos, culturais e lingüísticos, para imporse. Ao mesmo tempo, o Estado español aproveita estes mecanismos para, reforzándoos, intentar asestar un golpe mortal á diversidade nacional. Mentres, só aspira a desempeñar o papel de comparsa que se lle asigna no escenario da UE, agora tamén visual e formalmente xerarquizado. Se as nacións do Estado non reivindican a súa soberanía, España nunca o fará. Só exercerá o seu dereito e deber de esmagar e negar calquera reivindicación ou aspiración nacional interna, dos que están dentro, desorientando os intereses da maioría social. Tal é a súa esencia. A mesma esencia, en grande maneira, que, baixo retórica de eficacia económica, modernidade e valores democráticos, move a UE realmente existente. Os imperios son así por esencia. Non hai ningunha fatalidade que os faga eternos. Só os prolonga a dubitativa incapacidade que nos enreda en camiños sen saída...