Especies de crecemento rápido e cultivos enerxéticos

Especies de crecemento rápido e cultivos enerxéticos

Hai que admitir que o Partido Popular é coherente. Ten claro que intereses defender, os intereses do capital e das multinacionais, e fai política neste camiño. E neste facer político, non lle treme o pulso (frase moi ao gusto de mentalidades intransixentes). Feitos de esta política de "clase" son: os recortes sociais e laborais da clase traballadora ,os dasafiuzamentos , as quitas das preferentes, a recentralización do Estado...

Para os intereses do capital, das multinacionais do sector, o monte veciñal galego ten que ser unha inmensa leira plantada con especies de crecemento rápido e cultivos enerxéticos. Marcado o obxectivo, o Partido Popular, sen disimular nada, é dicir, sen vergoña e descaradamente púxose a preparar o terreo político,lexislativa e mediaticamente, para que estes obxectivos se acaden axiña .

Nas Cortes Xerais do Estado estase preparando un borrador para proceder a modificar a Lei de Montes do Estado, borrador elaborado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (o do ministro que fala da non caducidade dos iogures, das duchas de auga fría). Unha das modificacións presentadas e a de considerar como monte as terras agrarias dedicadas temporalmente a cultivos forestais de crecemento rápido, namentres dure o tempo do cultivo. Estase facilitando a forestación de terras agrarias para dedicalas aos cultivos enerxéticos; aproveitamento colonial, onde os haxa.

Outra das modificacións propostas e a de poder vender madeira das especies de crecemento rápido, sen necesidade de ter un plan de ordenación ou un plan de xestión do monte .Nin sequera ten un plan de cortas anual. Poderán poñela no mercado soamente con comunicarllo ao departamento competente en materia de montes. Ao capital e as empresas do sector hai que desbrozarlle o camiño de trámites burocráticos e de gastos correntes .

Outras das modificacións da Lei de montes do Estado, proposta polo Partido Popular, demócratas onde os haxa, son as de recentralizar ao Estado (sácalle competencias ás comunidades autónomas naqueles montes que ocupen territorio de varias, en materias de restauración hidrolóxico-forestais, nas declaracións de figuras de protección e no asunto da caza), e a de eliminar a participación cidadán no política de montes (desaparecen os consellos consultivos denominados Consejo Nacional de Bosques e Consejo Nacional de Protección de la Naturaleza) .,Os do Partido Popular en Galiza, non ían a ser menos que os seus xefes naturais.Nestes momentos, na nosa nación, estase a debater o Borrador dun Decreto para regulamentar os aproveitamentos madeireiros, de leñas, de pastos e micolóxicos. Neste Borrador, todas as variantes do eucaliptus, as especies da familia dos chopos, e as especies invasoras poderán ser postas no mercado sen necesidade dun plan de ordenación, nin de xestión, nin sequera un plan de contas anual .Estas especies arbóreas, que van ser as dedicadas aos cultivos enerxéticos, poderán ser vendidas sen ningunha planificación. ENCE falou e os do Partido Popular, firmes e prestos, puxéronse ás súas ordenes .

Nas cuestións da eliminación da participación cidadán na política de montes, a través dos consellos consultivos, os do Partido Popular en Galiza, se cadra para facer méritos diante dos seus xefes naturais, xa van por diante. Nos últimos anos da pasadas lexislatura e no tempo que levamos desta, a Consellería de Medio Rural e Mar, convocou un par de veces ao Consello Forestal para tratar asuntos referentes ao monte (leis, decretos, ordes...) Pola contra, si que convocou a Mesa, un sen fin de veces.

Por que non convoca ao primeiro e si convoca segunda? Porque no Consello Forestal están representados todos os sectores relacionados co monte (sindicatos agrarios, comunidades de montes, movemento ecoloxista…) E na Mesa da Madeira, soamente están representados as empresas do sector e os titulares dos montes.

E nesta mesa da madeira, agás unha voz discordante, todos tocan a mesma melodía. A melodía que lle indica a partitura imposta polas empresas do sector.

Fronte a esta coherencia de "clase", do Partido Popular, hai que oporlle a coherencia de "clase " das maiorías sociais da nosa Nación. En comunidades de montes temos que aportar o noso grao de area a esta última coherencia. Esta aportación das comunidades de montes debe ser: organización e xestión comunitaria dos recursos .