Especie híbrida galaico-madrileña

Especie híbrida galaico-madrileña

Non é unha expresión manipulada nin inventada. É a definición literal, parida e reivindicada polo Presidente de Galiza no acto de celebración, o pasado 14 de xullo, do "Día de Madrid" (que tanto arraigo social posúe) no Xacobeo. "Somos gallegos o madrileños? Somos una cosa y la otra" - despáchase feliz o mandatario galego. Curioso e certeiro autorretrato. Efectivamente, temos un Presidente híbrido galaico-madrileño. Realmente espectacular, senón fora patético. Porque este señor non é unha cousa nin a outra. Nin galego nin madrileño. O que é é apampado.

Moito gosta este Presidente e o seu Goberno de afianzar a súa españolidade a través da cidade-símbolo. Todo o que se sexa renunciar a Galiza, avergoñarse dela e demostrar a súa fascinación polo alleo, todo vale. Tamén o 10 de xuño, neste caso en Madrid ("estoy en mi casa" -dixera o Presidente renegado), e tamén nun acto de presentación do Xacobeo nun suposto "Camiño Madrileño" (?), Núñez Feijóo xa nomeara a Mariano Rajoy e José Blanco como "madrileños gallegos y gallegos madrileños". Non errou o mandatario galego na súa apreciación en relación con eses dous individuos. Mais é para estudar esa patolóxica obsesión por Madrid.

Sigamos coa españolidade. Tocoulle o quenda tamén recentemente a Ceuta. Agora si, icona do que fica de Imperio español en África. Ceuta tamén ten o seu Día no Xacobeo. E tamén o seu Camiño de Santiago. Tamén pasa por Ceuta, aínda que cunha interpretación histórica -recoñezámolo- ben forzada: Aínda que non hai grande tradición de peregrinaxe a Compostela dende o Magreb, sempre segundo o ínclito Presidente, o apóstolo saíu de Galilea e na súa viaxe marítima polo Mediterráneo "puido ser" que recalara en Ceuta antes de continuar periplo por mar até Galiza. Hipótese ben plausíbel, tendo en conta as necesidades de loxística que manteñen as embarcacións de pedra especialmente deseñadas para o transporte de apóstolos. Isto si que é rigor histórico. Non o nacionalista, que inventa nacións onde non as hai, reinos galegos que nunca existiron, ou argalla a falsa tese da imposición violenta dunha "lingua común" como é o español, que desde o seu inicio foi chamada a ser de xeito natural lingua franca da Península Ibérica, América e Filipinas. E con Ceuta, que nos une "la españolidad común", así como "un sentimiento de pertenencia a la nación" (Núñez Feijóo dixit), ademais de inegábeis lazos lingüísticos, culturais e mesmo xeográficos (o mar), temos xa vínculos indestrutíbeis.

E son estes individuos, os mesmos que non teñen problema en reafirmar sen complexos ese credo fanático e irracional, baseado nun sectarismo obstinadamente antigalego, son os que tampouco duvidan á hora de atacar a vontade libre e democrática de pobos como o catalán. Os mesmos que critican o afán "identitario" (lembrémolo) do nacionalismo galego, son os que utilizan a selección española de fútbol como descarado instrumento ideolóxico ao servizo do seu proxecto político imperial, á vez que como poderoso narcótico de masas. Reconquistar un pobo galego anulado na súa consciencia, atrofiado e cun coeficiente intelectual colectivo reducido á mínima expresión. Velaí o obxectivo. A cegueira intolerante e histérica das súas bandeiras e camisolas, do seu Es-pa-ña, sérvelles até para xustificar que cada xogador da selección española perciba 600.000 euros pola vitoria. Para iso non hai crise nin austeridade. España é o máis importante. E toda a recua de "opinadores" e tertulianos, desde Fernando Ónega até Carlos Luis Rodríguez, pasando mesmo por marcas de cervexa con publicidade ideoloxicamente deshibinida, facendo valer o ensalzamento da irracionalidade e a intolerancia.

Galiza ten prohibida a participación internacional en eventos deportivos oficiais, a diferenza doutras nacións sen estado. Mais diso non se fala. O problema, obviamente, é político. A coartada, económica. Cumpre aforrar, din. Mais para España e ese españolismo non hai aforro nin austeridade. Pendurar bandeiras españolas das xanelas considérase positivo. As galegas xa son outro conto. "Me salen sarpullidos", comentou a inefábel Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, o día da súa toma de posesión como Conselleira de Traballo e Benestar, ao contemplar no seu despacho unha solitaria bandeira galega, que obrigou a que a súa primeirísima e prioritaria medida como titular dun departamento precisamente encargado de combater o desemprego, fora a de mercar varias bandeiras españolas.

Os símbolos teñen unha grande importancia. E os híbridos galaico-madrileños sábeno perfeitamente. Por iso queren substituir os nosos, os galegos, polos de fóra. Nada é inocente. Tomemos nota, reafirmémonos nas nosas convicións, e exerzamos, tamén simbólicamente, a nosa condición de galegas e galegos. Todas as sociedades, a galega tamén, precisan de elementos simbólicos nos que reflectir a súa pertenza a unha comunidade humana diferenciada. Pois fagámolo. É o tempo das nosas bandeiras, de autocolantes nos vehículos, de pins e chapas. De distribuirllas a amizades, familiares e coñecidos. Expulsemos os complexos, porque eses híbridos galaico-madrileños non teñen ningún. Agás, obviamente, o de seren galegos.