Especial transcendencia constitucional
Como era de agardar, o recurso de amparo promovido polo candidato a alcalde do BNG ás recentes eleccións municipais no concello de Arzúa foi inadmitido por considerar o Tribunal Constitucional que a violación do dereito fundamental de Xaquín García Couso a poder participar como candidato non reviste "especial transcendencia constitucional".
O recurso de amparo contémplase na Constitución española como o último remedio ao que poden recorrer os cidadáns ao non seren respectados os dereitos fundamentais recollidos na Carta Magna nos artigos 14 a 29. Esta garantía dos dereitos veu aplicándose desde a instauración do Tribunal Constitucional até o ano 2007, en que se modificou de xeito totalmente restritivo a lei orgánica que regula este órgano impedindo o acceso dos cidadáns ao recurso de amparo ao teren que xustificar, desde este momento, non que os seus dereitos foron violados senón que esa violación supuxo un quebranto especialmente transcendental da Constitución. O recurso de amparo non protexe, na actualidade, os cidadáns senón a propia Constitución. Isto é, o recorrente en amparo ten a carga procesual de demostrar que o obxecto do seu recurso non consiste na mera lesión dun dereito fundamental ou liberdade pública tutelábel en amparo, senón que será imprescindíbel, ademais, que demostre que ese feito supón unha violación flagrante da propia Constitución. Deste xeito, o cambio operado na regulación do amparo pola Lei orgánica 6/2007 e, máis concretamente, polos seus arts. 49.1 e 50.1, b), supón a desaparición duns presupostos obxectivos e certos de admisibilidade do recurso de amparo ou, o que é igual, a desaparición dos presupostos do dereito ao amparo polo TC.
As violacións dos dereitos fundamentais deixaron de ter a consideración de subxectivas por non afectaren xa ás persoas, para convertérense, desta maneira, en dereitos abstractos que, cando as respectivas Seccións ou Salas do Tribunal Constitucional o consideren oportuno, poderán ser admitidas a trámite para a súa análise do fondo.
Esta modificación legal supuxo para o Tribunal Constitucional un descenso considerábel do seu traballo ao poder limitar á súa análise de fondo a unha porcentaxe mínima dos recursos de amparo que se presentan cada ano, mais tamén supón a contravención do art. 53.2 da mesma Constitución que afirma que calquera cidadán poderá solicitar a tutela das liberdades e dereitos recoñecidos no artigo 14 e a Sección primeira do Capítulo II perante os Tribunais ordinarios por un procedemento baseado nos principios de preferencia e sumariedade e, no seu caso, a través do recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional. Os maxistrados deste Tribunal, desde a modificación da Lei, teñen menos traballo a costa do incumprimento da propia Constitución e mais da falta de control das violacións dos dereitos fundamentais dos cidadáns.
Coincide esta reflexión que realizo coa recente presentación da memoria do Tribunal Constitucional correspondente ao ano 2010. Dos datos achegados na mesma, chamoume nomeadamente a atención o referido aos recursos de amparo: dos 9.118 recursos presentados nese período de tempo, tan só foron admitidos 134, isto é, o 1,46 por cento.
Só me queda unha pregunta: o recurso de amparo presentado polo conselleiro delegado do Banco Santander, Alfredo Sáenz, condenado recentemente en sentenza firme polo Tribunal Supremo a oito meses de prisión, multa e inhabilitación para exercer calquera posto dentro do sector financeiro, ¿será tamén inadmitido por non achegar a especial transcendencia constitucional a xuízo dos maxistrados aos que corresponda a súa análise a efectos de admisión? Ou, pola contra, ¿revogará a condena como sucedera no ano 2008 cando Alberto Cortina e Alberto Alcocer, condenados a penas de cárcere polo caso Urbanor, o Tribunal Constitucional aceptou parcialmente o recurso de amparo presentado polos empresarios?
En fin, ¿a especial transcendencia constitucional reside na violación da Constitución ou radica na especial transcendencia social da persoa que recorre en amparo?