Españolismo sen complexos
A imposición da cultura e tradicións españolas é un dos piares do traballo que, sen ningún tipo de complexos, desenvolven o PP e o PSOE en Galiza.
Un exemplo claro é a subvención pública do Concello da Coruña as touradas do mes de agosto. O circo de torturar un touro ao son da Banda Municipal é definido polo PSOE como "industria cultural del país"
A pasada semana o Concello da Coruña sacaba adiante, co voto en contra do BNG (María Xosé Bravo), con 2 a favor do PSOE (Silvia Longueira e Carlos González Garcés) e coa abstención de dous técnicos, prorrogar por un ano máis a subvención as touradas na Coruña.
Ao mesmo tempo que o Padroado do IMCE reuníase, unha concentración convocada por Galicia Mellor Sen Touradas conseguía que se escoitara a opinión do 73,2% dos coruñeses e coruñesas que pensan que o concello, non debe gastar 130.000€ anuais en dúas tardes de touros.
Un inquérito de Gallup di que o 86% dos galegos e galegas rexeita este espectáculo. Concellos galegos como Cangas, Vedra, Dodro, A Pobra de Brollón ou Teo xa fixeron súa a moción da plataforma Galicia Mellor sen Touradas, confirmando a prohibición expresa das corridas de touros.
Resulta esperanzadora a enquisa da plataforma antitaurina realizada recentemente na cidade da Coruña, pois reflicte que cada vez é maior o rexeitamento a este tipo de eventos, pois no tramo de idade comprendido entre os 18 e os 29 anos, a negativa chega ao 89,6%
Para xustificar unha acción tan impopular os representantes do PSOE na Coruña chegaron a comparar as corridas de touros con cocer centolas ou coa matanza do porco. Frases como "Nadie le ha preguntado a un centollo qué le parece cuando lo meten vivo en una olla" ou "Al cerdo lo hemos querido mucho durante seis meses, pero nos lo comemos vivo" son exemplos dun razoamento estúpido que non quere recoñecer que a única razón é a imposición da tradición española en Galiza.
O BNG da Coruña ten explicado millentas de veces que as touradas non son cultura senón tortura e tampouco son un servizo público que a administración deba financiar. Todos sabemos que a gandería neste país é un importante sector económico, mais para os galegos e galegas non é considerado un sector cultural, como tivemos que escoitar estes días.