España, malia os esforzos, é un estado plurinacional

España, malia os esforzos, é un estado plurinacional

Continúa Mariano Rajoy facendo gala dunha clamorosa ignorancia en asuntos que ten obriga de coñecer moi ben, tanto pola súa actual profesión de presidente do goberno como pola titulación académica en dereito. Non vou negar que sexa un bo parlamentario, se por iso se entende habilidade e axilidade nas respostas, cheas de ironía e esperpéntico estilo cantinfleiro, aínda que carezan de toda caste de substancia política. O que si ten sempre asegurado é o aplauso da súa mercenaria clac, que -como a presidenta do congreso, que non dubida en poñer o lexislativo aos seus pés-, lle é fiel ata a morte, porque saben que, a día de hoxe, del depende a súa circunstancia vital ou, dito máis prosaicamente, a súa capacidade de mando, o seu poder e o seu nada desprezable soldo.

Algunha vez teño escrito que Mariano semella un personaxe fuxido das páxinas da Vetusta de Clarín. O seu vocabulario ten un tufo tan rancio, tan decimonónico que tumba e, cando enche a boca coa palabra nación aplicada a España, eu non podo evitar pensar que ese home ficou fosilizado en 1873, polo que lle foi imposible informarse do que sucedeu en 1978. Efectivamente, o proxecto de constitución federal da I República consideraba España unha nación formada por 17 estados, entre eles Cuba e Puerto Rico, mentres que na actual constitución é considerada un estado formado por 17 nacionalidades e rexións, se ben, sendo honesto, debo dicir que, se no artigo inicial España se constitúe “nun Estado social e democrático de Dereito”, xa, inmediatamente, no canto de estado se fala de nación e, no seguinte artigo, da “indisoluble unidade da nación española”. As verbas estado e nación manéxanse aquí como sinónimos, forzando, nese mesmo artigo, a chamar nacionalidades ás verdadeiras nacións.

Estou a empregar as verbas estado, nación, nacionalidade e rexión tal como figuran nos textos constitucionais, polo que un presidente do goberno debería coñecelas ben e empregalas con precisión. Non lembro a cantidade de veces que lle teño escoitado dicir que a soberanía reside na nación, o que me fai pensar que, entre outros, está a facer referencia ao texto de 1812, ao que estes días fixo alusión, chamándolle a constitución do día de San Xosé. Si, “A Pepa”, como a bautizaron os gaditanos, di iso, mais a actual deixa ben clariño que a soberanía reside no pobo, o cal é politicamente moi distinto. Por certo, a de 1812, no artigo 1, especifica que “A Nación española é a reunión de todos os españois de ambos hemisferios”. É dicir: tan nación española era Galicia ou Cataluña como Cuba, Chile, Filipinas ou as illas Carolinas. Certamente, o exército español demostrou ser incapaz de manter unida aquela enorme nación e agora encoméndaselle (art. 8) “garantir a soberanía e independencia de España, defender a súa integridade territorial e o ordenamento constitucional”. Un bo artigo para tentar meter medo á poboación e coutar as posibles veleidades separatistas, cando, desde o século XVII, España non fixo máis cousa que perder territorios ata chegar a ser, amais de unha e libre, grande, supoño que pola mesma razón que, segundo Quevedo, Felipe IV era chamado “O Grande”, porque o mesmo que os furados, canta máis terra lle quitaban máis grande se facía.

Continúa tamén Mariano, e repetiuno estes días da frustrada investidura, coa vella teima de que España é a nación máis antiga do universo mundo. Xa que non foi á facultade o día que tocaba ese tema e os seus moitos e ben pagados asesores non llo explican, dareille uns breves apuntes gratuítos sobre o mesmo. A monarquía española funcionaba como unha confederación de reinos e territorios, cada un coas súas propia leis e todos eles sometidos a un mesmo rei. Iniciándose o século XVIII, entrou a dinastía borbónica, e xa Felipe V, polos Decretos de Nova Planta, ordenou “reducir todos mis reinos de España a la uniformidad de unos mismos usos”. Iniciouse, xa que logo, de maneira forzosa a unificación que conduciría no século seguinte á tentativa de conformación da nación española. Na sesión de apertura do Congreso de Filadelfia de 1774, o virxiniano Patrick Henry dixo: “Fundiuse toda América nunha soa masa, as nosas fronteiras caeron, eu xa non son virxiniano, senón americano”. Os EE.UU. de América xurdiron como nación, como vemos, dun xeito diametralmente oposto ao de España. Aquí pola forza das armas, alá por decisión libre dos diferentes estados. Eles son unha verdadeira nación feita a base de sumar estados, mentres España non é outra cousa que un estado feito a base de englobar, polas boas ou pola brava, nacións e rexións con moi diferentes culturas, linguas e historia. Por iso a Tomás y Valiente, nacionalista español que si coñecía estas cousas, lle molestaba que Pla, nun seu libro, nunca mencionase España nin español, senón que, desde Barcelona, falase de inmigración peninsular. Dicía o ilustre catedrático de dereito asasinado por ETA que “su silencio me duele. Hubiera preferido cualquier diatriba antiespañolista, que muchas veces es fácil compartir si va dirigida a otra idea de España, distinta de la constitucional y realista que muchos sustentamos”. Doíalle que nin tan sequera tivese necesidade Pla de mencionar a verba España, o que me fai lembrar cando Napoleón lle dixo ao seu antigo profesor Laplace, despois de ollar o seu Traité de Mécanique Céleste: “Escribistes un libro sobre o sistema do Universo, sen mencionar nin unha soa vez o seu Creador”. “Non precisei desa hipótese, Sire”, respondeu Laplace. Pla tampouco precisou citar España no seu libro.

Créase, xa neste século XVIII, a Biblioteca Real, así como as Reais Academias da Lingua, da Historia e de Belas Artes (lembremos ao noso Ferreiro abandonando o barroco e pasándose ao neoclásico por imposición do meu veciño de Noia, Felipe de Castro, director da dita Academia de Belas Artes). Toda España terá unha soa lingua e unha única historia e concepción artística, o mesmo que se fixera en Francia (nótese a procedencia de verbas, como chauvinismo, xacobinismo..., que se empregan ao falar destes temas). Mais o liberalismo do século XIX será quen se esforce en transformar España nunha nación. Falar de nación española antes da Constitución de Cádiz é materia reservada para discusións académicas. Chegará a selo artificialmente e coas costuras moi mal rematadas, como se está a ver nestes tempos, ao longo do século XIX. A Restauración Borbónica caracterizouse pola centralización do Estado e, conscientes da importancia da educación, pretenderon homoxeneizala, desprezando a pluralidade dos diferentes territorios. A imposición do castelán como lingua propia e única de España contou coa repulsa máis ou menos firme das nacións con lingua propia. Como todo se anda a repetir, temos moi fresco o caso de Wert, dedicado a gozar dos praceres da cidade do amor nun niño espléndido que Mariano lle cedeu cos nosos cartos en pago aos seus afáns por tentar españolizar Cataluña. Todos os esforzos do liberalismo foron dirixidos a afirmar e potenciar a idea de nación española. Non só aplicaron aquí o concepto procedente de Francia, senón que tentaron crear e fomentar o sentimento de nación.

Pilar Calvo en Política, Sociedad y Cultura en el siglo XIX fai un bo resumo das frontes que se abriron e que eu, previa cita, sintetizo aquí, mentres penso en Galicia. Se queremos nacionalismo, hai que facer unha literatura nacional, e aí están Espronceda, Duque de Rivas ou Zorrilla, unha historia nacional, como a que fai Modesto Lafuente e que servirá de referente das historias escolares, ou a da Real Academia da Historia dirixida por Cánovas (non esquezamos que era historiador). A Real Academia de Belas Artes impulsa a pintura histórica con exposicións e concursos nacionais; se o pioneiro foi Goya coa Carga dos Mamelucos, Os Fusilamentos do 3 de maio ou Os desastres da Guerra, desde a metade do século temos a Eduardo Cano con Colón na Rábida, Gisbert cos Comuneiros de Castela ou O fusilamento de Torrijos e Casado del Alisal coa Rendición de Bailén. Estas pinturas, como moitas outras, reprodúcense en libros de historia e publicacións para nenos, así como nas páxinas da Ilustración Española y Americana, que chega a casinos, círculos de recreo e bibliotecas. Tamén a arqueoloxía se puxo ao servizo da construción da identidade nacional, subvencionando a Real Academia da Historia as escavacións de Numancia, que se converterá en símbolo do heroísmo español ata hoxe. As Comisións de Monumentos Histórico-Artísticos Provinciais créanse agora coa mesma finalidade e, para reforzar este nacionalismo español en formación, viñeron moi ben as guerras na Cochinchina, México, Perú e, sobre todo, Marrocos, as manifestacións de patriotismo pola perda de Cuba e Filipinas, a publicación dos Episodios Nacionais de Pérez Galdós, a tauromaquia, a zarzuela, potenciada na clase media e baixa fronte á ópera, e ata a música nacionalista de Albéniz, Granados e Falla, amais da construción de “edificios nacionais” xa desde Felipe V: Museo, Ópera, Teatro, Biblioteca Nacional, Arquivo Histórico, Museo Arqueolóxico, Palacio das Cortes, Palacio Real, Ministerios, etc. Esta potenciación nacionalista fana todos os países, pero agora só me interesa traer aquí a española para dicirlle a Mariano que se ilustre un pouco ou que retire o soldo aos seus asesores e remate de dicir que España é unha nación desde o Paleolítico. Que deixe de facer o ridículo e de demostrar ignorancia, se lle apetece.

O que se pretendía con todo este esforzo está ben recollido por Manuel Azaña, tamén citado estes días de investidura, no seu El jardín de los frailes: “Mirándolo bien ¡que vida regalona nos proponían! El español bueno no tiene que devanarse los sesos; ser castizo le basta. Todo está inventado, puestas las normas: gobernar como Cisneros; escribir como Cervantes”. Resumindo, quixeron facer de España unha nación, pero non a deron feito. É simplemente un estado plurinacional e chamarlle, como fan algúns, nación de nacións non é máis ca unha asneira.

E chegamos a hoxe, e o PSOE, o grande partido xacobino da España-Nación, négase a falar cos “independentistas” e nada quere escoitar sobre a wilsoniana autodeterminación dos pobos. No caso de que dentro dunhas semanas Leiceaga puidese formar goberno e precisase un voto do BNG (se o merlo branco Villares ten a ben deixarnos algunha cereixa), seguirá gobernando Feijóo, pois os baróns e a grande baronesa bética prohibiranlle ter tratos cos seus antigos correlixionarios, porque somos nacionalistas autodeterministas e ata nos relacionamos (horror!) con Bildu. Como dixo Romanones: “Joder, qué tropa!”.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.