Ese mozo fala galego, dáme un “subidón”...

Ese mozo fala galego, dáme un “subidón”...

"Por qué hablas en gallego?", "Pierdes al abrir la boca", "Trabajas en Normalización?", "Pfff... Eres del Bloque fijo", "Resultarías más interesante si hablases castellano", "A mí háblame castellano que el gallego no lo entiendo"... Estaredes preguntándovos que son esta manchea de estupideces que veño de escribir. Pois trátase dalgúns comentarios que tiven que oír da boca dalgún home. Non é estraño que nos aconteza as mozos e os mozas que falamos galego. Lembro a vez primeira que recibín semellante resposta, foi nun pub de Vigo unha noite. Fiquei tan abraiada como agradecida de non tratar habitualmente con xente tan desprezábel. As demais ocasións ocorreron noutros pubs, nun restaurante e no vagón dun tren camiño de Arcade e todas as veces os meus interlocutores recibiron a mesma explicación, acompañada dun amplo sorriso: "o galego é a miña lingua e por iso a falo. Independentemente de que teña capacidade para responderche noutros idiomas, vou seguir falando galego".

Traio aquí estas anécdotas despois de ver un vídeo que me fixo reflexionar sobre a cuestión lingüística esta semana. Moitos dos lectores e lectoras saberán a que vídeo me estou a referir: a conversa tan espallada pola internet entre dúas concursantes do reality Gran Hermano. Non vexo ese programa, mais grazas ao Facebook decateime do arrepiante, mais desgrazadamente frecuente, diálogo entre dúas mozas, un diálogo ateigado de prexuízos e fobia contra o noso idioma. A rapaza galega explica que sabe a nosa lingua, mais non a fala porque "no sé hablar el gallego de la Real Academia y para hablarlo mal, no lo hablo". Tamén alude ao "gallego bruto", que segundo ela, é o da gheada e o seseo. Ademais de rexeitar o noso acento, di que en Galiza "muy poquita gente habla gallego, y cada vez va a ser menos, aunque cada vez hay más sentimiento nacionalista, yo cada vez veo más jóvenes de ciudades que es la de sabemos hablar el castellano, pero vamos a hablar gallego". Máis prexuízos... "los muy nacionalistas, de por cojones! Por nacionalismo exaltado... si, pero que son muy pocos"... Marta criminaliza con este comentario as persoas que falamos galego coa mesma linguaxe que empregan os medios de comunicación de masas, a linguaxe dos que nos detestan os nacionalistas.

Sei que Gran Hermano fica lonxe do exemplar. Eu mesma negueime a difundir o vídeo na rede nada máis ter coñecemento del, mais cómpre ter en conta que, por desgraza, este programa é unha realidade que está aí e que nos serve para comprobarmos a actuación e vermos nel o reflexo dunha parte da nosa mocidade. E non esquezamos que este reality conta cun predicamento alto entre a xente nova. Quizais posúa máis capacidade de difusión que algúns creadores de opinión que se consideran intelectuais e escriben en xornais ou participan en tertulias nas radios ou nas televisións. A opinión que ten a concursante sobre o galego é tan preocupante como frecuente en parte dos mozos e mozas. É o sentimento do auto-odio, da fobia cara o propio, da negación, do desprezo pola nosa lingua e pola nosa identidade. Tamén é o sentimento da atracción polo madrileño, do emprego dos verbos compostos, do acento disfrazado de cidadán español.... E todo por acadar unha imaxe "máis fina", como eles e elas cren. Onte mesmo, un ex compañeiro de aulas respondeume aos parabéns polo seu aniversario cun agradecemento moi "urbano": "me ha hecho mucha ilusión tu felicitación".

,A "estrañeza" de falar na lingua de noso

Por desgraza, este sentimento transcende a pantalla da televisión. Calquera de nós pode comprobalo acotío nas rúas do país, nomeadamente nas cidades e nas vilas, aínda que nas poboacións de menor tamaño tamén comeza a agromar esa desnaturalización entre os máis novos e novas. Teño visto rapaces galegofalantes que se achegan a unha moza para facerlle as beiras e cambian ao castelán. E é que parte dos mozos e mozas de Galiza ven atrancada a súa liberdade para se expresaren con dignidade na nosa lingua. Hai a quen lle resulta "estraño" que falemos o idioma de noso. Non é a vez primeira que me recoñecen por ser "la que habla gallego". Aínda hai uns meses, nunha tenda da que era clienta habitual, e ao pedirlle á empregada un vestido que reservara por teléfono, ela contestou, "sí, te lo reservé yo, lo recuerdo porque eres la que hablas gallego". E, unha vez máis, sentinme estranxeira no meu país.

Máis que descualificar actitudes como a de Marta, a concursante de Gran Hermano, esta situación debe facernos reflexionar máis, porque Martas, por desgraza, hai milleiros no noso país e non podemos deixar que o auto-odio das Martas se espalle máis entre a xente nova, porque na xente nova está o futuro da nosa lingua. Cualificaría de "alarmante" o estado que padece o galego entre a mocidade. O pasado ano tiven a sorte de poder asistir de "observadora" a unha enriquecedora viaxe de adolescentes de Galiza ao Val do Ellas, mais sentín certa vergoña cos nosos estudantes, que eran recibidos con certa estupefacción polos seus compañeiros de Valverde, As Ellas e San Martiño de Trebello ao comprobaren que o alumnado galego se comunicaba en español mentres os anfitrións empregaban a "fala" entre eles. Eis a nosa triste realidade, mais non podemos resignarnos.

Remato este artigo, sen dúbida o "máis persoal" dos que levo publicado no Terra e Tempo, explicando a entrada e o titular que elixín. E é que a xa famosa Marta á que me referín tamén aseguraba nesa conversa do concurso que os rapaces e rapazas teñen que falar en castelán se queren ter éxito cando lle fan ás beiras a alguén. "Si un chico me gusta y me habla gallego me da un bajón", admite Marta. Como apuntaba no título, a min non me dá un "baixón" cando un mozo que me fai as beiras me fala galego, todo o contrario, sinalaría que me dá "certo subidón". Dicía que hai moitas Martas en Galiza, mais tamén hai moitos Hadriáns, Xabieres, Henriques, Bieitos, Marcos, Gonzalos, Xoáns... que convidan as mozas a cear en galego. E moitas Irias, Verónicas, Susanas, Pilis, Sandras, Nurias, Beléns... que convidan os mozos a algún chupiño de licor café. A marxe de ceas ou chupiños conclúo advertindo de que temos que seguir loitando para que se cumpra a xa de por si escasa lexislación en materia lingüística. Temos que promover e difundir nós sen complexos a nosa lingua, nomeadamente cando contamos cun (des)goberno da Xunta de Galiza que se afana en atacar os nosos sinais de identidade.