Escenas dunha ditadura
Ao fin puidemos ver completa e na lingua orixinal o filme de Patricio Henríquez "Escenas dunha ditadura". No seu momento tivemos que coñecela a través dunha versión alemá na que -a saber por que- se eliminaba as imaxes do enterro dun refuxiado nazi protexido polo réxime de Pinochet ao berro de Heil Hitler!
Xa daquela, a pesares de ter a dobraxe en alemá por enriba, aquelas imaxes causáranos grande impacto. Mais agora puidemos apreciar a intención do director de simplemente deixar que os feitos nos falasen por si sós. Este documental só é unha xanela a través da que nos asomamos a unha ditadura. Logo que cada quen saque as súas propias conclusións. Quen nunca viviu nunha (pola súa mocidade) ten ocasión de asistir a súa escenificación. E quen xa pasou por iso ten a oportunidade de lembrar o que é o terror, mais tamén a impunidade posterior, a democracia vixiada, en definitiva, o poder e as súas artimañas.
Aínda que cando falamos do poder non só deberamos referimos aos dos máis fortes. Tamén os débiles fan das súas: grazas a facerse inmunes ao medo e a presión e represión logran que o mundo non se vaia polo sumidoiro. Os de abaixo foron quen, a contracorrente, de virar o curso das cousas, de frear o exterminio e de conquistar liberdades.
Ao fin o documental amosa ao criminal ditador asegurando o seu retiro dourado a cambio de deixar de matar e permitir votar de cando en vez, mesmo é tan magnánimo que consente berrar e manifestarse na súa contra (iso si, todo dentro dunha orde). Vendo o que pasou en Chile non podemos evitar a comparanza e mirarnos no espello para entender o que aconteceu aquí.
,A verdade é que o traballo de Patricio Henríquez consiste simplemente en xuntar imaxes que normalmente aparecen desagregadas, en compartimentos estanco, e cando as percibimos seguidas logran desasosegarnos. E niso reside o éxito dun documento de extraordinario valor para entender como funciona o mundo. Estamos afeitos a que a recepción de Miss Universo por un mandatario non vaia no mesmo lote que unhas fotos das foxas comúns que este mesmo individuo sementou durante o seu goberno. Estamos acostumados a habitar na disociación e por iso non alcanzamos a ver as contradicións.
Durante anos sufrimos o relato dunha transición pilotada por un Rei demócrata que logrou librarnos dunha ditadura sanguinaria e concedernos unha liberdade que non merecíamos, mentres o pobo non só non fixo nada para alcanzala senón que continuamente poñía en perigo o proceso de lograla cada vez que se mobilizaba, alporizando aos monstros cos que tiña que lidar o intrépido Borbón.
Se fixéramos un traballo semellante ao de Patricio Henríquez da historia recente do Estado teríamos que seleccionar a crónica do asasinato de Julián Grimau, a Fraga declarando que este non recibira malos tratos senón que fora el só o que se autolesionara como estratexia para desprestixiar á policía, os discursos de Franco na praza de Oriente secundado polo Príncipe para dar resposta a condena internacional da violación dos dereitos humanos... e outras xoias. Mais tamén ao PCE asumindo a bandeira monárquica, a propia monarquía e a unidade de España, ao PCE negándose a que Tierno Galván lle dedicara unha homenaxe a Grimau en Madrid, ao PCE asinando un pacto de silencio para lograr a súa exclusiva legalización. Outros permanecían ilegalizados e como tales tiveron que facer fronte as primeiras eleccións (UPG e AN-PG), os mesmos que se negaron a pasar polo aro dun SI nun referendo constitucional a punta de pistola (baixo a ameaza da volta as andadas). Acabaríamos o filme coa imaxe dun Cayo Lara apelando a súa conciencia republicana na xura do seu cargo logo de ver as imaxes dunha Casa Real no cumio do seu desprestixio. Quizais faría mais ameno o documental algunhas pinceladas de presenza de intelectuais, artistas e outros famosos progres nas galas do Caudillo. Iso si, alternando de cando en vez algunha escena de cadáveres segundo a conveniencia dos actores políticos que disque protagonizaron unha transición que seica foi modélica e por iso se lle exportou aos países de latinoamérica que padeceron rexímenes semellantes.
,O caso é que os que loitaron contra a ditadura non o fixeron para acabar así. Quizais por iso hai certa desafección co que temos. Non era isto o que querían, mais, o pouco que hai é grazas a eles. Débeselle a eles por moito que se pretenda educar a esta sociedade en atribuírlle o mérito aos que miraban para outro lado mentres os torturaban e asasinaban.
Certo que isto non é unha ditadura. Unha das virtudes do documental de Patricio é lembrarnos iso. As veces esquecemos que vivimos nunha democracia, nun Estado de Dereito. Vémolo tan devaluado, baleiro, formal... Criticamos que o xefe do Estado fose nomeado sucesor por un ditador, unha lei de punto final que mantivo durante anos os mesmos persoeiros do anterior réxime nas estruturas do novo, que decretou o silencio e a impunidade, mais que teñamos unha democracia de tan baixa calidade que non nos leve a minusvalorar as pequenas liberdades que conquistamos con moito esforzo e mesmo sangue. Debemos estar alerta porque mesmo esas cativas concesións houbo que arrincarllas pola forza, e cando teñan ocasión de recortalas non terán o inconvinte dun precedente no que se castigaran os comportamentos autoritarios. Ao contrario, a idea que ficou é que neste Estado os atropelos, a tortura e o asasinato saen gratis.
Verémonos na contradición de defender artigos dunha Constitución que non votamos (como recentemente houbo que facer diante da ofensiva neoliberal contra o Estado de Benestar) ou dun Estatuto de Autonomía que non nos satisfai (como fixemos co artigo 5.1 posto en cuestión). Porque a nós esta democracia resúltanos escasa, mais para eles é un exceso que compre "reconducir". E como dicía Castelao, o que é demócrata cando lle convén, tamén o deixa de ser cando deixa de convirlle. O Rei, Fraga e moitos outros estaban cómodos con Franco, se renunciaron a algúns dos seus privilexios foi para non perdelos todos. Mais as conviccións democráticas da dereita española foron sempre dubidosas.
E que dicir da esquerda española? É moi difícil conciliar ambos os dous termos: esquerda e española. Nun Estado xerárquico e desigual, cun tratamento racista das linguas e culturas diferentes da oficial e un recorte continuo de competencias e soberanía ás nacións periféricas, é moi complicado ser Español e ao mesmo tempo ser de esquerdas. De aí esa historia de funambulismo tan complexa. Mais o problema non é que sexan oportunistas senón que por riba pretendan dar leccións de republicanos a quen nunca renegou desa tradición mantida por Castelao e continuada a través da conmemoración ininterrompida até hoxe do Día da Galiza Mártir, mentres outros inventaban cada lustro un pasado a medida.
En calquera caso, non podemos fiarnos nin duns nin doutros que cando se xuntan de costas ao pobo xa sabemos a que "consensos" chegan. O pobo, que aparece na película de Patricio como o auténtico protagonista que é da súa historia. El é o único que pode evitar unha volta ao pasado máis funesto. O pobo non é a multitude amorfa, moito menos a chusma (que aparece ao comezo desta obra aquí comentada celebrando o aniversario do ditador), o pobo é xente máis iso que Pinochet prohibiu cando dou o golpe: partidos, sindicatos, etc... dando orde de "arrestar a cualquier dirigente político o gremial". Un pobo é a xente organizada. E tal como están as cousas, compre volver a levar a cabo a consigna de Roberto Blanco Torres de facer pobo onde só hai individuos illados. Pois será o pobo, e non o Rei nin o seu xenro nin a esquerda claudicante quen impedirá que o novo goberno da dereita máis rancia execute o seu programa reaccionario de máximos. Unha das conclusións que podemos tirar da visión do documental de Patricio é que do pobo si que nos podemos fiar.