Erro e impostura do noso españolismo

Erro e impostura do noso españolismo

En 1951, o noso ilustre erudito, Xosé María Álvarez Blázquez, transcribiu e dou ao prelo, na editorial Monterrei, de Vigo, un texto co título “El búho gallego, con las demás aves de España haciendo Cortes. Preside en ellas el Águila Real, como Imperial Señora de todas”, obra de D. Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos (1576-1622). O texto foi reeditado, conforme a esta transcrición, en 1997, nun volume, pola Xunta de Galicia, con documentos da Casa de Lemos, neste período, reunidos por Pardo de Guevara.

Como se ve, a vida de D. Pedro Fernández de Castro abrangue desde o reinado de Filipe II até o de Filipe IV, se ben a súa etapa vital máis madura e intensa corresponde ao de Filipe III. En todo caso, un período histórico no que Portugal estaba anexionado á monarquía hispánica, moi significativo do punto de vista da construción do Imperio e, polo tanto, das contradicións e alianzas entre as oligarquías nobiliarias dos distintos reinos que pertencían á Coroa dos Austrias. O texto ao que fixemos referencia é un precioso documento, para a historiografía interesada en coñecer como eran as relacións de poder que sostiñan a Monarquía, e tamén a base territorial dos poderes. Só ao feito de ser obra dun oligarca galego, un dos grandes de España entón, pode deberse que non se teña máis en consideración para analizar e comprender as contradicións entre os distintos reinos peninsulares e a forma de procederen os monarcas coa plurinacionalidade na que se sustentaban. Grande parte desta oligarquía nobiliaria aínda estando inmersa nun proceso de transnacionalización imperial, non era allea nin obviaba a súa orixe, pois sentía unha identificación territorial acorde coa base da súa riqueza económica orixinaria e mesmo era aínda sensíbel á diferenza cultural e lingüística. Ademais, estamos perante un documento de valor incalculábel para observarmos o campo semántico que correspondía a termos como nación, patria ou provincia, en todos casos moi distantes da manipulación e o confusionismo que creou a ideoloxía do Estado liberal e do capitalismo máis tarde. O dominante, normal e natural para D. Pedro Fernández de Castro era a consideración de Galiza como nación ou patria, se ben comeza, de forma moi marxinal, a esvarar o termo a un concepto territorial institucionalizado e representado pola Monarquía (España). Finalmente, e para a nosa cavilación nesta ocasión da maior transcendencia, “El búho gallego...” é unha especie de alegoría defensiva da oligarquía nobiliaria galega e de Galiza que nos ilustra sobre a causalidade e orixe dunha corrente, dun substrato, da nosa conciencia social colectiva, tan paradoxal como equívoca e perigosa. Cal e ? Pois a nosa xa histórica, irracional e suicida presunción de españolidade. Está proclividade está contradita polo trato recibido, pola marcha dos nosos intereses, pola discriminación e desconsideración sufridas, pola nosa diferenza en tantos aspectos. Porén, a nosa consideración como españois é tan irracional como secular, case tan supersticiosa que parecemos incapaces de superala. Pois ben, D. Pedro Fernández de Castro expresou, maxistralmente, a argumentación, na súa época, do carácter, para el xenuíno, da nosa españolidade, unha condición á que teríamos, segundo el, máis dereito que ninguén. Naturalmente, non é o mesmo sentimento de españolidade nin a forma de asumir esta condición as que exterioriza e defende o VII Conde de Lemos, consciente e coñecedor do pasado histórico do reino da Galiza e de todo o seu esplendor, que as que hoxe padecen as nosas clases pequeno e medio burguesas ou as populares, pura falsificación, ignorancia e impostura, que cava, a cada paso máis fondo, a nosa aniquilación. Porén, é certo que están, en certa maneira, relacionadas polo elo histórico.

Don Pedro Fernández de Castro escribiu como testemuña do seu tempo, cando un sector das clases dirixentes galegas vivían nun conflito que resolveron, a curto prazo, conforme aos seus intereses, da forma menos arriscada posíbel, malia non facelo sen problemas. Aceitaban a ideoloxía imperial dominante e, ao mesmo tempo xustificaban o seus poder e protagonismo na superioridade e a grandeza da nobreza galega, do reino da Galiza, no conxunto da Monarquía Imperial. Mais o grave é que se estaba a producir un proceso a cada paso máis centralizador, de castelanización a cargo da Igrexa Católica, dos poderes administrativos e burocráticos da Monarquía, de concentración do poder oligárquico, de dominio, da que non ían saír ilesos e menos triunfantes. Mais o de Lemos tiña claro, fronte ao españolismo actual, que o poder demográfico e económico de Galiza contribuían, de forma decisiva, aos gastos e sustento do Imperio. Sabíao por experiencia propia. Tampouco padecía amnesia sobre o pasado, a importancia e o papel dos distintos reinos cristiás da Península, e en particular sobre a función primordial, determinante e protagonista de Galiza durante toda a Idade Media, polo que era unha consecuencia lóxica que o sector con máis pedigree dos grandes de España tivese aquí o seu berce. É, pois, D. Pedro un representante dun momento de acomodación ao dominio desde a conciencia de sermos distintos. Esta fase epigonal conduciu xustamente a algo que o VII Conde de Lemos aborrecía: a asimilación ao poder ascendente da nobreza de base territorial andaluza e a un concepto de Monarquía que marxinaba e prexudicaba máis o reino de Galiza polo triunfo absoluto dunha política internacional de confesionalidade total coa Igrexa Católica, claramente negativa para os nosos intereses atlánticos. Isto foi o que aconteceu coa chegada de Filipe IV e o Conde Duque de Olivares.

Porén, vexamos tres características básicas desta oligarquía de base territorial galega que tan xenuinamente representa o VII Conde de Lemos, e matizaremos así o seu españolismo e os contrastes co de hoxe.

1.- Existe unha dualidade ou distorsión entre a base territorial, económica e, aínda cultural, orixinarias, e a función política que se ven obrigados a cumprir ao servizo da Monarquía Imperial, en moitos casos antagónica desde o punto de vista dos intereses materiais colectivos de Galiza. Esta distorsión levaraa a un distanciamento, a unha desubicación vital verbo da súa base primixenia de poder, nesta caso, Galiza, Terra de Lemos, Sarria...así como a estender as súas relacións familiares, riquezas e dominios a outros territorios da Monarquía, precisamente por cumpriren importantes papeis institucionais, Virreis en Nápoles ou o Novo Mundo, cardeais, presidentes do Consello de Indias, da Inquisición, embaixadores...Non resulta anormal que se vaia mudando a visión de Galiza para unha terra de descanso, de retiro, ocio e lecer, á que se retorna unha vez dispensado dos servizos, ou á espera doutros, ou mesmo como exilio após caida en desgraza. A tenencia de casa na Corte de Madrid era obrigada.

,2.- A dualidade ou bifurcación entre a consideración de Galiza como nación e patria, lugar de orixe que move afectos e que representa a riqueza fundamental, con liñaxes, historia, cultura e lingua de seu, e unha españolidade que se proclama como a máis xenuína e auténtica, con máis dereito, pois foi Galiza a que fixo posíbel a expulsión dos musulmáns, a que liberou o resto. A nobreza galega, por dereito propio, ocupou e ocupa cargos senlleiros da Monarquía e da Igrexa, sempre baixo a protección de Santiago. D. Pedro Fernández de Castro non obvia a xenreira que existía contra esta nobreza galega por parte doutras nobrezas territoriais. Atribúea á mesma dinámica que se dá coas nacións de Europa que odian, por envexa, o poder de España. Semellante paralelismo ilustra sobre as experiencias conflitivas e as loitas internas para o control do poder. Tamén sobre a necesidade de fundamentarse na ideoloxía da defensa do catolicismo, agora fronte ao mundo islámico, para facer valer o noso rango de españois antes que ninguén, pois liberamos toda a Península. Paga a pena pararnos na seguinte consideración que fai o Conde de Lemos, referíndose ao dito popular, “antes puto que gallego”. Contraataca así o moucho galego: “...dais a entender que aborrecéis menos este vicio que la nación gallega (... ) Que los moros lo digan no causa admiración, por ser entre ellos el tal vicio virtud; el mayor enemigo que tiene su secta es el cristiano, y en este modo de hablar dan a entender que ignoran hay otros cristianos que los gallegos (...) Cuando cautivan algún español, al que confiesa ser gallegos pocas veces le reservan la vida”.

D. Pedro ten presente a discriminación e a galegofobia, contra as clases populares galegas, estendida por España, alúdea de pasada, pois desprezativamente somos, como pobo, referidos por outras aves, que representan a súa patria respectiva -cataláns, vascos, navarros, valencianos, murcianos, andaluces...-, na disputa alegórica descrita polo Conde de Lemos en “El búho gallego...”. Era un pobo marcado pola diferenza cultural e lingüística, marcado polo dominio externo desde case dous séculos entón. D. Pedro, como todos os da súa clase, estaba asimilado, na práctica, á cultura, á moda (touros, festas, vestimenta...) da Corte e á lingua de Castela. O servizo á Monarquía obrigaba. Andando o tempo, non ficará nin resto desta defensa de Galiza e da súa historia, nin da súa nobreza fronte a outras. Sinxelamente, os nosos grandes liñaxes serán absorbidos polas grandes casas territoriais andaluzas, xustamente as que levantaban máis suspicacias e ironía na descrición do VII Conde, pois as fai estar simbolizadas por un pavo ( “el pavo andaluz”), a quen vence o moucho galego en combate dialéctico, a punto de chegaren xa á violencia.

3.- A externalización como destino do pobo galego e como única proxección persoal de importancia parece ser outra das características desta conciencia de españolidade. Ligada, ás veces á necesidade económica, á procura do que nos falta ou complementa, acabou tamén nun aliciente para desempeñar tarefas nas que acreditamos poder dar o mellor de nós e sermos protagonistas no exterior. A nosa oligarquía nobiliaria consciente aspiraba a manter unha certa primacía no tempo e mesmo aspiraba, en clave imperial, (“el Águila Real, como Imperial”, presidindo e gozando dos seus favores) a que Galiza contase a cambio de tantos sacrificios do pobo galego, que eles representaban: levas, cargas impositivas, despensa, emigración... A súa externalización foi a súa desaparición, como vimos, absorbidos por outras os seus títulos e propiedades. O pobo ficou aínda máis desprotexido e a burguesía que os herdou padeceu dunha mentalidade aínda máis servil, de falta de conciencia e de dignidade do país, adaptándose a un Estado que obrou sempre en dirección oposta ao desenvolvemento das nosas potencialidades económicas, e mantendo e agudizando a súa función tradicional: man de obra barata, recursos financieros e materias primas... Nin pegada da grandeza do pasado, ignorancia e amnesia, orquestradas e inducidas, e como non o eco deformador, a posibilidade de redención individual: un esforzo titánico por formar parte da burocracia e da política centralista española, único destino feliz para os que aspiraren á promoción. Unha forma de españolidade que pode chegar mesmo a renegar das orixes e que agora ten abxurado de toda tendencia a pensar que podemos e temos capacidade por nós mesmos para ser algo distinto.

D. Pedro Fernández de Castro, o VII Conde de Lemos, cometía un erro se consideraba que a súa vía, a de subliñar a primacía da nosa españolidade, garantía a primacía para a nobreza galega e o protagonismo da Galiza na España Imperial. De feito, foi asasinado precisamente polos partidarios de Filipe IV e do Conde Duque de Olivares, segundo a historiografía inglesa. Hoxe o recurso á nosa españolidade só agocha ou unha vontade suicida ou unha impostura disposta irracionalmente a reincidir na negación dos nosos intereses, na ignominia e na indignidade, como se vivísemos no mellor dos mundos posíbeis, como se fose todo tan normal...