Érase unha vez un Estado de Dereito…

Érase unha vez un Estado de Dereito…

Érase unha vez un Estado de Dereito que proclamaba na súa sagrada Constitución que todos, absolutamente todos, tiñan dereito á vida e á integridade física e moral, e que, en ningún caso, podían ser sometidos a tortura nin a penas ou tratos inhumanos ou degradantes. Érase unha vez un Estado de Dereito que subscribía unha Declaración Universal dos Dereitos Humanos que recoñecía que ninguén podía ser sometido a torturas nin a penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantes. Érase unha vez un Estado de Dereito que ratificaba o Convenio Europeo de Dereitos Humanos, que reiteraba que ninguén podía ser sometido a tortura nin a penas ou tratos inhumanos ou degradantes. Érase unha vez un Estado de Dereito que incorporaba ao seu ordenamento xurídico o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, que volvía proclamar, unha vez máis, que ninguén podía ser sometido a torturas nin a penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantes.

Nese mesmo Estado, cuxa forma política era a Monarquía parlamentaria, un dos seus súbditos era obxecto de violencia física e psicolóxica e de detención por participar nun acto reivindicativo de dereitos laborais; outros súbditos perdían o seu ollo dereito polos efectos dunha carga policial; outros, aínda menores de idade, eran agredidos violentamente coas porras dos Corpos e Forzas de Seguridade do mesmo Estado de Dereito, e sufrían feridas na cabeza que necesitaban cinco puntos de sutura; nese mesmo Estado de Dereito, unha adolescente que recriminaba a actuación contundente e desproporcionada dos fornidos axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade encargados da custodia dos valores da convivencia dese mesmo Estado de Dereito, recibía no seu corpo indefenso tres descomunais descargas de porra que a deixaban abatida na súa fraxilidade sobre as baldosas da beirarrúa. Nese mesmo Estado de Dereito había outra vez… outra vez… outra vez…

E nese mesmo Estado de Dereito hai tamén outra vez un Goberno que indulta unha e outra vez a membros dos Corpos e Forzas de Seguridade dese mesmo Estado de Dereito condenados por teren incorrido en graves delitos de lesións, torturas, malos tratos e detención ilegal de alguén que tiña dereito á vida e á integridade física e moral, e que, en ningún caso, podía ser sometido a tortura nin a penas ou tratos inhumanos ou degradantes.