Equivocouse Marx?


Así como calquera aniversario serve para lembrar, neste caso, todo apunta a que estamos diante dunha conmemoración que simplemente se usa para certificar a defunción, decretar o esquecemento e etiquetar de “cavernícola” a quen aínda se insira no seu ronsel.

Tamén é certo que non é a primeira vez que se dá por morto este pensamento porque sempre houbo xente moi atrevida. Que se cre quen di isto. Que quedou el no sitio?. Lembremos o libro de Hildegart Rodríguez “Equivocouse Marx”.

Esta moza de orixe galega, con 18 anos, xa se consideraba competente para criticar a este autor. Certo que é unha obra moi suxerinte, mais excesivamente pegada á conxuntura da II República que ela estaba a vivir e das súas decepcións a respecto do PSOE, e a súa preocupación pola unidade das organizacións obreiras. Mais tampouco creo que resolvamos nada con retrucar co “Porque Marx tiña razón” de Terry Eagleton. Porque, a verdade, tamén é unha obra moi pegada ao marco no que se insire. O que en si non é malo. O malo é cando se considera que esa situación desde a que se pensa e escribe é eterna e universal e precisamente isto Marx tíñao moi claro. Algo que parece obvio a respecto da súa análise económica pois como el di “Xa Don Quijote pagou caro o erro de crer que a cabalería andante era unha institución compatible con todas as formas económicas da sociedade”. Agora ben, esta caducidade e circunscrición, non semella moi claro a respecto da súa extensión ao resto do seu pensamento. Hai algo que se salve?. De que serve recordalo se xa non nos achega nada para entender o presente?. En definitiva, é Marx un can morto?, parafraseando o que dixo cando se revolveu contra quen quixo liquidar no seu momento o pensamento Hegeliano.

Pode parecer unha contradición o feito de contextualizar debidamente a un autor, adscribindoo a un lugar e época determinada con pretender tirar proveito del para outros tempos nos que esas circunstancias mudaron. E de feito sería así senón fora que o método que nos permite entender o seu vencello co entorno no que se dá -método de análise que se adoita a chamar marxismo- non prescribiu na medida en que a época que pariu o devandito xeito de pensar aínda non rematou por moito que insistan en dala por fenecida. Isto é, aquelo que dicía Sartre de que o marxismo é “a filosofía do noso tempo” aínda segue vixente mentres o esencial do noso tempo, o capitalismo, sexa o modo de produción dominante aínda que coas súas contradicións e resistencias. Isto é, mentres non mude substancialmente a realidade da que é filla a análise marxista non ten sentido abandonar aquel xeito que nos permite pensar o mundo do que procede salvo que as súas análises se demostren equivocadas. E equivocouse Marx?

Lamentablemente ese non é o debate actual. Xa se prescinde directamente del por vello e por outras razóns máis politicamente correctas: por home e por europeo. Mais quizais sexa a crítica do androcentrismo e eurocentrismo curiosamente froito de levar o marxismo até as últimas consecuencias. Pero nunca o saberemos se xa previamente o desbotamos por prexuízos contra os prexuízos. Moito menos se pensamos que todo autor ou autora que ten máis dun século de antigüidade xa non ten nada que dicirnos. Pois ben. Desde aquí quixeramos convidar a aproveitar este bicentenario para escoitar de novo a Marx, facerlle un xuízo xusto, deixar que se defenda a si mesmo, e logo, unha vez avaliadas todas as probas, emitir un veredicto.