Entrevista con Castelao


Castelao administraba moi ben as palabras e pouca palla se atopa nos seus textos ou nos seus discursos. Mesmo nos documentos e cartas máis intranscendentes ou nas conversas máis superficiais, Castelao deixaba deitado análises que reflectían o mais fondo do seu pensamento. Un pensamento que comprobamos moi actual.

Toda a súa obra -tamén a artística e literaria- é fonte de información e formación para afrontar os tempos que vivimos. Esta obra faise máis extensa a medida que se van atopando novos textos inéditos ou publicacións descoñecidas. O desenvolvemento das hemerotecas dixitais contribuíron decisivamente a estes achados. As novas tecnoloxías ofrécenos a oportunidade de rastrexar a súa actividade frenética a prol do nacionalismo e abonda con pór o seu nome para acceder a centos de novas xornalísticas que dan conta do seu labor.

É lamentable que o proxecto galego de dixitalizar a nosa prensa non avance como debera e mesmo teña carencias que dificultan a súa consulta. Con todo algo é algo, e desde logo que os investigadores e profesionais que fixeron isto posible non teñen a culpa da falla de medios suficientes. E xa conta cunha importante colección que está aberta a quen queira visitala na páxina da Cidade da Cultura e na Real Academia Galega.

Con todo é imprescindible para ter máis novas de nós o achegármonos a outros proxectos alleos a Galiza e mesmo a iniciativa pública, e que en moitos casos por estar máis desenvolvidos e tecnicamente mellor resoltos facilitan o traballo de busca. Este é o caso das hemerotecas de xornais como ABC e La Vanguardia, da revista da transición Triunfo; a colección de prensa histórica do Ministerio e diversas hemerotecas públicas españolas que a miúdo teñen prensa galega ou novas sobre Galiza. Tamén hai que ter en conta iniciativas privadas voluntaristas que merecen a nosa atención como a da "Sociedad Benéfica de Historiadores Aficionados y Creadores"

Temos dedicado espazo no Terra e Tempo para recuperar documentos e fotos inéditas ou descoñecidas de Castelao. Este é o caso do DOSSIER "CASTELAO EN GUERRA", no que reproducimos entrevistas que tiveron lugar durante a Guerra Civil como as mantidas logo da súa viaxe á URSS, do DOSSIER "CARTA DE CASTELAO A RODOLFO PRADA", ou do DOSSIER "CASTELAO VS PIÑEIRO", entre outros.

Neste caderno simplemente queremos recoller unha breve mostra que sirva de exemplo e estímulo para a investigación persoal na busca de claves que axuden a comprender a nosa historia recente a través desta nova ferramenta que senos presenta co avance das novas tecnoloxías na rede. A selección responde ao desexo de presentar a diversidade de materiais que podemos atopar: reprodución de obras, entrevistas, crónicas parlamentares e de sociedade, críticas, información biográfica, etc.

A relación de textos é a seguinte:

- Cedeón. Madrid. 7 de marzo de 1912. "Gente nueva: Castelao". Impresión da corte sobre Castelao en particular e os galegos en xeral. Dalgún xeito Castelao é identificado plenamente como galego, fronte a outros que disimulan este aspecto. Cousa que non é de estrañar tendo en conta o estereotipo que se aplica e os prexuízos dos que da conta este texto.

- La Ilustración Española y Americana. Madrid. 30 de maio de 1915. "El último hidalgo de gotera". Debuxo que ten de fondo a Torre de Guimarei, na Estrada, onde viña de casar había tres anos e que usará de decorado para moitos dos seus deseños como o que ilustra "A marquesiña" no Pazo de Oca. Breve pé literario en español. Idioma que xa abandonaría totalmente coa súa implicación no nacionalismo nese ano a través das Irmandades da Fala.

- La Esfera. Madrid. 5 de outubro de 1915. Pintura que aborda unha das temáticas centrais de Castelao: "os cegos". "Un gran dibujante gallego". Crítica da súa arte.

- La Ilustración Española y Americana. Madrid. 15 de xullo de 1920. "Exposición de Castelao". Outra crítica da obra artística de Castelao feita polo escritor e xornalista galego Evaristo Correa Calderón.

- Estampa. Madrid. 30 de setembro de 1930. Retrato da cultura galega a través da análise dos escritores da ría de Arousa feita por Xohán Carballeira.

- Gracia y Justicia. Madrid. 24 de outubro de 1931. "La sesión que no se ha celebrado hoy en el Congreso". Revista satírica que se ceba especialmente co nacionalismo. Vemos o tratamento que lle dá a o debate sobre as outras linguas do estado que veremos que non distará moito do que dispensarán outras publicacións teoricamente máis serias.

- Nuevo Mundo. Madrid. 11 de novembro de 1931. "La herencia de Rosalía". Visión da representación galega nas cortes da república.

- Estampa. Madrid. 2 de xullo de 1932. "La coral polifónica de Pontevedra". Crónica social da Pontevedra de Castelao e Bóveda e da súa actividade cultural a través da "polifónica". O autor, outra vez Xohán Carballeira, que tenta furar na prensa da corte para amosar a realidade do país polo que no 36 daría a súa vida.

- Crónica. Madrid.17 de xullo de 1932. "Nuevo diálogo de las lenguas" Análise do debate parlamentar sobre as linguas nas que Unamuno se luciu para gañarse a admiración de toda a ultradereita como campión do castelán.

- Gracia y justicia. Madrid. 30 de xullo de 1932. "Valientes huéspedes... de honor!" así se despachaban con Otero Pedrayo e Castelao na prensa madrileña, alporizada sobre todo polo grande recibimento que tiveron en Barcelona.

- Nuevo Mundo. Madrid. 7 de xullo de 1933. "Alfonso Castelao, Artista y Diputado popular de Galicia". Artigo dedicado a Castelao polo incansable Xohán Carballeira.

- Nuevo Mundo. Madrid. 14 de xullo de 1933. "El problema de la tierra en Galicia". Análise histórico do problema da terra na Galiza a través dunha entrevista de Xohán Carballeira con Cruz Gallastegui, facendo un reconto dos intelectuais que se teñen preocupado polo tema entre os cales se atopa o propio Castelao.

- Crónica. Madrid. 19 de marzo de 1936. "Vidas ejemplares y pintorescas de dos parlamentarios". Entrevista e crónica sobre Castelao e Picallo nas cortes do Estado.

- La Vanguardia. Barcelona. 23 de setembro de 1936. "Alfonso Castelao en Barcelona". Entrevista con Castelao.

- La Vanguardia. Barcelona. 24 de setembro de 1936. "La fe en Galicia, la mártir, y en una nueva concepción del Estado". Intervención de Castelao nas emisoras da Generalitat. Compre ter en conta a polémica que xeraría esta intervención polas acusacións que algúns "galeguistas de retagarda" lle fixeron ao escribirlle que cada vez que el falaba en radio Barcelona, moitos galeguistas eran asasinados. Castelao respondería que non podían responsabilizalo a el das mortes e que non consideraba lexítimo falar de "retagarda" nestas circunstancias e que el fóra suficientemente prudente pero non podía quedar inactivo.

- ABC, Madrid. 13 de marzo de 1937. "Estampas de Castelao". Castelao mereceu algunha atención positiva deste xornal que por un curto período foi republicano e de esquerdas, para logo volver ser o que aínda é hoxe. Monárquico e de dereitas.

- ABC, Madrid. 7 de novembro de 1937. "Estampas de Castelao". Portada do ABC con deseños de Castelao.

- Mi Revista. Barcelona. 20 de xaneiro de 1938. "Un reportage a Castelao". Entrevista en Barcelona onde aporta datos biográficos e persoais interesantes.

- España Democrática. Montevideo. Uruguay. 11 de decembro de 1940. "Alfonso R. Castelao habla para los lectores de España Democrática"Entrevista no exilio que dá conta da continuidade do seu compromiso e a súa actitude non claudicante.