ENTRAR POLO ARO DA DIXITALIZACIÓN
Os xubilados de hoxe, con independencia do importe da pensión e da vida laboral que tivemos para conseguila, penso que somos por unha banda afortunados se o comparamos co panorama que se abre para os rapaces, pero por outro témolo sombrío polo abuso ao que nos está sometendo a implantación da dixitalización.
Na nosa época non nos faltaron oportunidades de traballo a partir dos 18 anos xa que nos colleu a etapa do desenvolvemento dos anos 60 e 70 do século XX. Hoxe, na era chamada dixital, o desemprego xuvenil é preocupante, non só nos que non se quixeron formar, pois posibilidades tiveron, senón dos que se esforzaron facendo uns estudios que lles permitise acceder ao mercado laboral ao que non dan chegado, e se o fan é emigrando ou en empregos que moitas veces nada teñen que ver coa súa especialización e con salarios inferiores aos 1.000 €.
Non hai moito que se falaba dos mileuristas como os parias do mercado laboral, e agora que o salario mínimo estaba en 950 €, 31,66 € diarios, menos do que cobra por unha hora de traballo un taller ao que lle levamos o coche, e aínda así a patronal negouse a unha suba por debaixo dos 12 € mensuais que lle propoñía a ministra de Traballo, cando os sindicatos pedían 25 €. Ao final a cousa quedou en 15 €.
E dicir, no mellor dos casos para o traballador a suba é de 50 céntimos diarios, menos do que damos de esmola a quen nos tende a man ou do que deixamos de propina cando imos tomar unha bebida. ¿Realmente alguén cree que os empresarios son tan miserentos que deixarán de contratar por este incremento que non dá para mercar unha barra de pan? ¿Alguén lles escoitou dicir que deixarán de facelo ou que recorreran ao despedimento debido ao aumento do prezo da enerxía?¿Non se lles pon a cara rubia aos “españoles de bien”, a eses patriotas e aos seus líderes que cualifican ao goberno de social-comunista por 50 céntimos de suba?
Tiña razón Monedero cando dixo que había que ser gilipollas para que os que cobraban 950 € votasen a Díaz Ayuso. Pois hainos.
O futuro dos rapaces e das rapazas
Se os que fixeron carreiras universitarias teñen enormes dificultades para atopar un emprego, que dicir dos que non se preocuparon de formarse. Para estes ten un chollo unha empresa multinacional de EE.UU dedicada ao comercio electrónico, cuxo propietario ten a sorte e o mérito de ser hoxe unha das primeiras fortunas do mundo. A través dunha reiterada publicidade na TV a empresa manda a mensaxe de que para traballar e prosperar nela non fai falla ter estudios. O argumento é máis ou menos o seguinte.
Un rapaz que di que se chama Jose, polo que conta suponse que entrou na empresa con estudios primarios, porque tiña unha limitación, está casado e ten unha filla de 10 anos. Ignoramos a que se dedicaba antes e como é posible formar unha familia co paro que xerou a crise do 2009 e cos salarios que hai. Como quería “crecer” a empresa, preocupada pola formación dos seus traballadores, facilítalle facer o bacharelato, o que consigue en catro meses. Eu, que fun profesor de Secundaria non sei como se logra.
Ao protagonista do anuncio véselle moi satisfeito e solto pegando etiquetas a paquetes que pasan velozmente por unha cinta transportadora e actuando sobre a pantalla dun ordenador. A nena está moi orgullosa de que seu pai sexa “supervisor” e cóntallo aos seus amigos. Gustaríame escoitala canto teña 15 ou 20 anos e o señor Bezos substitúa ao seu pai por un robot.
,
E agora os vellos e a dixitalización
Se escuro é o panorama dos rapaces, non resulta moi alentador o que temos os vellos. As administracións e os bancos queren introducirnos a puro ovo na era dixital. Un día unha empregada dunha entidade bancaria que foi rescatada cos cartos de todos e vendida por 1 €, ofreceume a banca electrónica. Díxenlle que non. Insistiume porque me sería moi cómoda, non tería que facer cola. Entón fíxenlle ver que se todos o facíamos ela sobraba. Recoñeceuno, pero tiña que facer o que lle mandaban. Entón recomendeille que non puxera moito entusiasmo porque cando non lle conviñese botábana fóra. Os tempos son chegados. Cada vez pechan máis sucursais e despiden a miles de traballadores co consentimento dos gobernos.
Eu xa entrei polo aro e traballo para os bancos que cada vez lle poñen máis dificultades aos clientes. Un amigo que se nega a este abuso montou un cristo na oficina dun banco que só atende ao público ata as 11 horas. Cando chegou a hora límite o local estaba ateigado de clientes que levaban máis de media hora agardando, algún en cadeira de rodas. Unha empregada moi solemne dixo con toda naturalidade que que xa non atendían ata o día seguinte. O instigador dixo que non se marchaba sen que o atendesen. ¡E vaia se os atenderon!
A tesoureira da asociación que presido estando de vacacións na Coruña, foi a unha sucursal dun banco que se atopa no Obelisco para facer unha transferencia porque na casa non tiña wifi. Puxéronlle todas as pegas do mundo, desde dicir que tiñan que chamar á sucursal onde temos a conta ata pedir a miña presenza cando a conta é indistinta. Non lla fixeron. Tivo que ir a un bar con rede para facela.
Para quitar cartos ou ingresalos xa tes que facelo no caixeiro, pois limítanche a cantidade por ventanilla. Agora nos pobos pechan as sucursais, a Xunta dálles subvencións ao bancos para que poñan caixeiros e teñen a desfachatez de dicir que perden cartos. Cada vez se empregan máis as tarxetas de crédito, o novo negocio dos bancos. Aos rapaces xa os introduciron neste sistema perverso sen saber que van ser as súas vítimas. As administracións públicas van polo mesmo camiño. Coa pandemia estableceuse a cita previa para todo que lle hai que pedir a unha máquina, e as consultas médicas fanse xa por teléfono. En algún momento nos teremos que rebelar contra o sistema que nos impón este capitalismo salvaxe.