Ensino: realidade ou propaganda

Ensino: realidade ou propaganda

A Consellaría de Educación, usando de xeito partidista -tal como nos ten acostumado- a páxina web institucional, descalificou o referendo no ensino como "propagandístico". E no mesmo comunicado se congratulan da volta a Mesa Sectorial das organizacións sindicais "canles establecidas para a negociación". Logo fai unha serie de afirmacións sobre o boas que foron as reformas adoptadas para a viabilidade do sistema (non din se público ou privado).

Aseguran que tiñamos a xornada lectiva máis baixa e que agora imos dispor de 60.000 horas máis para atender "as rapazas e rapaces con necesidades específicas de atención educativa, o que redundará nunha atención máis personalizada". Logo fálanos do proxecto abalar, da potenciación das linguas estranxeiras, etc... e outras cousas que ao seu xuízo non son "propagandísticas".

Os que estamos no ensino atopamos tal abismo entre o que di o Conselleiro e a realidade do que vivimos que non sabemos como é posible que os medios de comunicación reflictan estas declaracións e mesmo haxa sectores sociais que acrediten nelas. Un medio non debe contrastar as súas fontes? canto mais se falamos de datos obxectivos, de normas escritas e feitos acontecidos. Moitos lembramos a afirmación de Esperanza Aguirre de que os docentes só traballan 18 horas á semana. Que importa que mesmo ela se desdixera. O mal xa estaba feito. Por moito que digamos os afectados sempre vai haber xente que prefira crer o que lle convén para atacar aos do lado antes de enfrontarse cos poderosos que os enganan. E a miúdo temos que entrar no noso caso persoal. Último recurso que nos queda para probar a falsidade na que están instalados os nosos interlocutores. E a cuestión é que este non é un problema persoal, máis empúxannos a tratalo como tal, porque o insulto que nos dirixen (de lacazáns) obriganos a respondelo deste xeito. Son mentiras que nos agreden.

Así, o pasado domingo 22 afirmaba na "Voz" o Conselleiro sobre impartir as materias afíns que "en ningún caso é obrigatorio". Eu -que estou obrigado a dar "afíns"- non podo por menos que sentirme afectado persoalmente por esta falacia. Non só me impiden negarme a dar "afíns" senón que por enriba aínda din que as dou porque quero.

É voluntario dar afíns? Quen isto di asinou unha orde na que di efectivamente que se pode escoller entre isto ou buscar por centros da contorna horas libres da propia especialidade. Mais se todos estamos na mesma pola supresión de profesorado e agrupación masificada de alumnos que se practica xeneralizadamente en todas partes, esta non é unha opción real. Cando menos, eu non a tiven. E supoño, que como este non é un problema particular meu nin do meu centro, o resto tampouco.

,Traballando nun dos centros mellor dotados (grazas a iniciativa e xestión propia) e con mellores profesionais no eido da informática, vexo como se lle enche a boca ao Conselleiro con iso do proxecto abalar e as novas tecnoloxías, mais topo que a conexión de internet que nos dispensa a Consellaría a penas deixa facer algunhas xestións administrativas de secretaría e, desde logo, en ningún caso nos permite usar internet nas aulas facendo inservíbel todo o investimento en infraestrutura e persoal.

Aulas con 30 alumnos nas que o Conselleiro considera que é posible prestar maior apoio personalizado grazas a contar con máis carga horaria. É que nunca dou aulas? Que tratamento da diversidade se pode dar nesas horas lectivas a maiores? Xa non falemos da redución das ráteos que era unha das súas medidas estrela do programa electoral e que xa vimos que efectivamente iso si era só "propaganda" e que non teñen intención de cumprir esa promesa.

Sostén que a calidade desas aulas van ser mellores canto máis tempo se retrae ao profesorado da súa preparación e dedicación, cargándolle con materias que nada teñen que ver coa súa formación de xeito que se lle obriga a abandonar o traballo naquelas especialidades nas que son competentes para tratar de preparar todo o mellor que poidan aquelas que non son as súas. Isto xa sería maxia do absurdo que é.

Certo que non é unha cuestión persoal, aínda que cada quen o sufra como tal. É a destrución premeditada do ensino público como ferramenta de corrixir as desigualdades de oportunidades e a mellora da conciencia social e formación intelectual da cidadanía. E os que traballamos nel somos quen de vivilo así. Non sei se seremos capaces de transmitilo a sociedade con tanta intoxicación e calumnia. Mais, o profesorado na súa inmensa maioría si que percibe isto. Por iso, o referendo do día 25 foi un bocado de autenticidade no medio de tanta propaganda. É mais, seguramente o resultado é moi inferior ao sentimento real dos docentes que por diferentes razóns non participaron depositando o seu voto.

Compre lembrar que non axudou nada a campaña en contra dos sindicatos españois CCOO e STEG que cada vez están máis subordinados ás dinámicas centralistas e non teñen a máis mínima autonomía na Galiza para estar a altura da propia situación que padecemos. Neste sentido hai que recoñecer a salvidade FETE-UGT a respecto dos outros sindicatos estatais, xa que xunto coa CIG apostou por esta consulta necesaria para desautorizar a un Conselleiro que insistía unha e outra vez en contar co respaldo da comunidade educativa para os seus recortes.

Afirma o Conselleiro que «algúns partidos e sindicatos que din defender o sistema público póñeno en risco». Supoñemos que se refire á CIG-Ensino coa que está obsesionado. Máis debía citar unha soa das accións levadas a cabo ou das medidas propostas por esta organización na que se poña en perigo o ensino público. Deixar estas acusacións así no ar é moi doado. É un xeito gansteril moi antigo de ameazar, metendo medo diante da incerteza de a que se pode referir, aínda que algúns poden imaxinalo mais ao non dicilo explicitamente non se pode responder como se debera. Que perigo corre o ensino público por causa da CIG? Quere dicir que como siga arrasando nas eleccións sindicais van pechar o ensino público tal como si se atreveu a dicir publicamente un empresario do PP de Boiro aos traballadores dunha conserveira no caso de que trunfara o BNG nas municipais?
Pode ser que estas enigmáticas palabras teñan esa intención, pois son do mesmo partido e mentalidade. Mais o caso é que o que fixo a CIG-Ensino é denunciar detalladamente e punto por punto as medidas que estaba adoptando esta Consellaría no desmantelamento do ensino público e na súa aposta polo privado. E non foi desmentida ningunha destas acusacións (desvío orzamentario, favoritismo no proxecto abalar, centros plurilingües, autorización de ciclos e unidades que debería asumilos o ensino público, reducción da contratación do profesorado na pública e mantemento dos concertos na privada, etc...). Con todo, esa referencia ao "risco" no que está o ensino público non sabemos se é que xa está a discorrer algo máis para deterioralo. Mais o único responsábel é el. Que non bote a culpa aos demais que aínda que quixeran non teñen capacidade para lexislar ou decidir sobre el. O Conselleiro e o PP son os únicos que teñen na súa man a responsabilidade do que está acontecendo. Sobre todo cando non están dispostos a negociar e dialogar con ninguén. É irónico o seu parabén pola volta a Mesa Sectorial dos sindicatos, como se non fose o Conselleiro quen se negou a recibilos e quen publicou na web da Consellería o mesmo día da xuntanza da Mesa na que se tratou a orde que só era un trámite obrigado pero que ían facer o que tiñan pensado independentemente do que dixeran os sindicatos nese organismo.

Este Conselleiro é un risco para o ensino público, el, en solitario co único apoio do seu partido. Non conta con ningunha organización sindical que avale a súas medidas, logrou o rexeitamento das súas propostas no Consello Escolar de Galiza e no conxunto da comunidade educativa. En calquera caso, el cuestiona a representatividade de organismos e organizacións, polo que, por se houbera algunha dúbida, co referendo do 25, quedou claro que non conta co parabén do profesorado mesmo a título persoal. Moitos e moitas que independentemente da súa filiación e a opinión sobre a eficacia das folgas ou manifestacións e súa maior ou menor participación nelas, teñen claro que non están dispostos que lle fagan como no exemplo que poñía das "afíns" e que por enriba afirmen que os recortes que sufrimos é porque queren.