Enerxías limpas e participación social (2ª parte)

Enerxías limpas e participación social (2ª parte)

E se puideramos decidir sobre os modelos enerxéticos...? Na primeira parte expuxen como se entendía a instalación masiva de parques eólicos a nivel social e cales podían ser as razóns dese sentimento. Nesta segunda tratarei de debullar o impacto ambiental e sobre todo socioeconómico da enerxía eólica.E se puideramos decidir sobre os modelos enerxéticos...? Na primeira parte expuxen como se entendía a instalación masiva de parques eólicos a nivel social e cales podían ser as razóns dese sentimento. Nesta segunda tratarei de debullar o impacto ambiental e sobre todo socioeconómico da enerxía eólica.

Impacto político das posicións ecoloxistas


O movemento ecoloxista mundial ademais de orientar as súas propostas de produción enerxética limpa e substentábel cara á concienciación social, procurou que as súas opinións fosen recollidas nas políticas enerxéticas mundiais de alto nivel.

Mais a menor escala, a nivel estatal, galego ou local, as entidades que se aliñan co movemento ecoloxista, non conseguen achegar o seu punto de vista ás políticas enerxéticas. Ou desenfocan os seus obxectivos e chocan coa clase política, ou son prexuzgados por outras cuestións, como denuncias por destrución ambiental provocadas por infraestruturas, denuncias por agresións ambientais e contaminación, pola mala xestión do solo, etc.

O desenvolvemento do labor de goberno non sempre deixa ocos para a participación da sociedade nas grandes decisións que se toman. En ocasións, os gobernos argumentan o número de votos recibidos e a esmagadora representación parlamentar para evitar dar paso á participación social, e se a permiten, non deixa de ser unha mera comparsa en comisións consultivas ou exposicións públicas.

Produción enerxética e Rede Natura


No estado español o 23% da enerxía ten orixe nas renovábeis, fundamentalmente na eólica. Segundo un informe da Comisión estatal da enerxía a respecto da venda enerxética en réxime especial, entre xaneiro e outubro de 2009 a enerxía eólica significou 27 teravatios (TWh) ou billóns de vatios. É dicir, un 15% do consumo total de electricidade do Estado, suficiente para abastecer a máis de 8 millóns de familias. Neste contexto, Galiza, con 5 TWh, foi a que máis achegou.

O entreguismo produtivista dos gobernos aos mercados multinacionais e a cesión de poder político fronte a intereses económicos faise patente no Plan eólico actual de Galiza onde se dá paso á entrada de grandes empresas enerxéticas mundiais a través de empresas pantalla, sen poñerlle trabas nin limitacións ambientais, permitindo un negocio con pingües beneficios antes de abordar a cuestión ambiental e enerxética do conxunto do país. A implantación do Plan eólico e a Rede natura teñen unha estreita implicación. Por unha banda, Galiza é deficitaria na proposta de áreas protexidas, e por outra, o propio Plan eólico pode ser utilizado para evitar a ampliación da proposta da rede de espazos protexidos, xa que a instalación dos aeroxeradores é impedimento para que un espazo sexa incluído en categoría de protección.

Poténciase o produtivismo mantendo as cuestión ambientais como unha mera cuestión decorativa. O subsidio ás enerxías limpas e a falla dunha regulamentación normativa favorece o baleiro legal para que as empresas leven adiante os seus proxectos facéndoos prevalecer sobre os valores ambientais e sociais.

Vantaxes e inconvenientes da enerxía eólica


Como vantaxes cabe salientar que é unha enerxía inesgotábel, renovábel e limpa, con posibilidades de produción en toda Galiza, aínda que con diferente resultado. Permite unha instalación rápida cun impacto ambiental limitado e con grandes posibilidades de restitución ambiental unha vez rematada a explotación. Tamén é posíbel a súa instalación en terreos non aptos para outro tipo de explotacións, sendo compatíbel con outros usos. Ademais, actualmente os proxectos de instalación establécense nun contexto político de subsidios e primas á investigación e produción das enerxías renovábeis.

Como inconvenientes podemos sinalar os procesos contaminantes durante a xeración de dispositivos, a incertidume ocasionada pola discontinuidade do vento e a deficiencia da planificación da produción enerxética derivada desta variabilidade, cuestión que fai precisa a complementariedade das enerxías convencionais para minimizar estas variacións. O baixo rendemento enerxético e a imposibilidade actual de almacenamento son tamén inconvenientes. Sen dúbida os impactos paisaxísticos e ambientais son os inconvenientes máis apreciábeis, mais resulta importante destacar que actualmente aínda é insuficiente a investigación tecnolóxica para obter o máximo rendemento dos areoxeneradores instalados, ou que a infraestrutura utilizada depende de mercados globais e, sobre todo, resulta grave a ausencia dun marco regulador europeo.

O cabalo de batalla do emprego


O argumento do emprego convértese habitualmente en cabalo de batalla como defensa ou detrimento dunha actividade industrial. A ese respecto, entre os anos 2006-2009 o sector xerou entre 400 e 600 empregos netos e uns 8000 circunstanciais nos períodos de construción, onde se apreza que o maior volume de emprego non está no propio parque eólico senón na súa construción. Así que non parece ser este o forte da industria mais si un dos valores máis importantes dende o punto de vista do capital: ingreso do máximo beneficio ao menor custe.

Percepción social


Máis alá do caso concreto do noso país, a sociedade en xeral percibe un discurso falsamente ecoloxista na promoción da enerxía eólica, renovábel e limpa, xa que ao mesmo tempo a actividade é promovida de xeito masivo e produtivista, priorizando a instalación dos aeroxeneradores sobre outros usos e valores, sobre todo ambientais. Os impactos ambientais son identificados como unha perda colectiva, como xa vimos, mais tamén a xestión da Administración é interpretada como enganosa a causa da ausencia de implicación dos axentes sociais na orientación ou toma de decisións. Sobre todo, non se percibe o beneficio directo do resultado económico produtivo, a través do custe da enerxía, nin a través dos investimentos indirectos.

Se ben o Plan eólico do bipartito tratou de paliar esta cuestión, só conseguiu integrar a participación social parcialmente a través da socialización dos beneficios, cuestión que semellou insuficiente para implicar a sociedade no proxecto. Tamén porque ao mesmo tempo a dereita, voceira dos grandes poderes económicos alleos ao noso país, atacou o Plan eólico martelando mediática e continuamente.

Como consecuencia non se conseguiu reverter o sentimento nin a percepción social a respecto da enerxía eólica dun xeito substancial, con excepción da aceptación parcial da maior parte dos propietarios potenciais do terreo, as comunidades de montes.

Despois de achegarnos nestas dúas entregas á orixe e significación do rexeitamento social á enerxía eólica, queda por tratar, na seguinte entrega, cales poden ser as posibilidades reais de actuación e cara a onde nos pode levar esa situación.