Enerxía da auga e do vento (1ª parte)

Enerxía da auga e do vento (1ª parte)

E se a tecnoloxía e a ciencia traballasen para o pobo...? Durante décadas o movemento ecoloxista mundial insistiu na crítica ás enerxías sucias, e á produción enerxética nuclear, promovendo as enerxías renovábeis e sustentábeis. Mais no momento actual asistimos ao rexeitamento público diante da instalación da maioría dos parques eólicos, medio de produción de enerxías renovábeis, o que provoca unha profunda contradición social. Máis, de onde vén e cara a onde se orienta este rexeitamento?

Impactos da xeración de enerxía en Galiza

Os enormes impactos ambientais causados na nosa terra pola xeración de enerxía non foron aínda reparados e moitas das afeccións ambientais son mesmo irrecuperábeis. A obtención de enerxía a partir dos combustíbeis fósiles e da auga provocaron inmensas alteracións ambientais con drásticas modificacións da paisaxe: desaparición de especies e hábitats, contaminación atmosférica, chuvia ácida, desprazamento poboacional e mesmo desaparición de aldeas enteiras. Consecuencias que traspasaron as nosas fronteiras físicas e xeracionais. Afortunadamente, a mobilización social evitou a instalación dunha central nuclear no norte de Galiza, que tería agravado aínda máis aínda esta situación. Toda esta degradación ambiental remata afectando á saúde, e ao benestar. A sociedade non se sente compensada polos beneficios xerados pola propia produción enerxética. Non é suficiente ter luz na casa, cando ademais temos que pagala a igual custe que os non produtores.

Impactos dos encoros

A pesar de que a enerxía hidráulica debería ser unha enerxía renovábel, pois fai uso do ciclo da auga e da forza da gravidade, o elevado impacto das construcións para xerala fai que non sexa considerada un xeito de produción de enerxía limpo. A destrución dos ríos do noso país provocada polos encoros foi unha das máis grandes perdas ambientais na nosa historia. Por poñer un exemplo, o curso do río Tambre, o terceiro de Galiza, foi cortado a poucos quilómetros da súa desembocadura, onde ao pouco tempo de erguer o muro da presa, pechando a caída natural das augas fluviais na Ría de Noia, milleiros de lampreas, anguías, zamborcas, salmóns e reos que procuraban subir ás cabeceiras do río, paraban ao pé da presa e eran tirados da auga a paladas dado que chegaban ao pé dunha barreira insalvábel sen poder continuar o seu natural camiño. En poucos anos rematou a entrada masiva de peixes no río procedentes das augas oceánicas a través da Ría de Noia que perdeu así un dos valores naturais, e dos recursos, máis importantes deste río. O impacto social da construción das presas foi tamén enorme pois a maquinaria de construción acompañouse da maquinaria represiva mediante a imposición da obra, a expulsión da veciñanza das terras anegadas e a usurpación do territorio privado ou comunal. Así, dende o inicio, unha grande parte da sociedade galega sufriu e sentiu a produción enerxética coma un espolio. Mesmo o goberno Fraga, promotor do produtivismo capitalista e herdeiro do "desarrollismo franquista", non podía pasar por menos que por impoñer e crear tamén o seu "pantano": no ano 1998 os señores Cuíña e Palmou, rodeados de antidisturbios, inauguraron a presa do Umia, construída de xeito ilegal, como recoñeceu o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, por usurpación dos terreos aos seus propietarios. Daquela, a xustificación da súa construción eran as inundacións, hoxe en día, as últimas inundacións de Caldas de Reis foron provocadas polo desaugadoiro do propio encoro. Os problemas actuais dos encoros son, se cabe, máis acuciantes co paso do tempo, pois ademais de todos os impactos causados e da destrucción ambiental que provocaron, na actualidade hai que sumarlle a eutrofización e o acúmulo de sedimentos. Hai que ter conta que algúns encoros superan os 50 metros de profundidade, algo insólito nas augas continentais do noso país. A esas profundidades, os procesos biolóxicos provocan un grande consumo de osíxeno e mudan as características das augas, converténdoas nun veleno mortal cando saen polos desaugadoiros do fondo da présa, matando todo o que atopan con vida no río. No último ano foron baleirados diversos encoros provocando un grande impacto, pois liberaron milleiros de toneladas de sedimentos anóxicos, sen osíxeno, río abaixo. Mesmo as grandes acumulacións de auga poden alterar a dinámica xeolóxica en áreas determinadas, pois os cursos fluviais moitas veces discorren por fallas ou descontinuidades xeolóxicas, como xa se ten apuntado nos tremores de terra preto dos grandes embalsamentos de auga do interior de Galiza.

Embalses e aeroxeradores


Quizais se a instalación de parques eólicos levara aparellada un proceso de desmantelamento simultáneo de embalses, a sociedade sentiría un alivio na súa conciencia e faría menos oposición aos mesmos. Mais dende o punto de vista técnico non semella posíbel esta substitución xa que hai un problema sen resolver na xeración das enerxías alternativas: non está resolto o almacenamento da enerxía que se xera. No caso da enerxía hidráulica, o xeito de acumular o potencial enerxético antes de producilo é mediante o embalsamento da auga antes de caer río abaixo. Co vento isto non é posíbel, a tecnoloxía limítase a axustar o funcionamento da entrada na enerxía producida na rede. Hai opinións a respecto de que a enerxía eólica non debe superar o 15% da produción enerxética a causa da súa grande variación e a falta de sistemas de almacenamento. Mesmo hai deseñados mecanismos de consumo enerxético de orixe eólico para o bombeo de auga reenchendo presas que logo xerarán máis enerxía, nun absurdo ciclo de xeración e consumo enerxético sen fin, mais que en realidade sempre tende a ser deficitario. Os ensaios para o almacenamento da enerxía eólica pasan polo hidróxeno ou mediante o bombeo de aire comprimido a depósitos subterráneos que permitan xerar enerxía co seu movemento cando se precise, mais ten o inconveniente da variación de temperatura no proceso o que provoca un novo consumo enerxético. Este feito enténdese a nivel social como un espolio máis a sumar á non recuperación dos danos medioambientais históricos.