Encher o depósito
Como tantas outras persoas, fiquei abraiada cando, estoutro día, enchín o depósito do meu auto para me despreocupar da repostaxe en días de idas e vindas frecuentes. Pobres dos pobres que dependan inescusabelmente no seu desempeño laboral dun transporte obrigatorio!. Unha de tantas consecuencias máis do tempo económico-político que nos toca aturar… Mais hoxe vou falar de encher un outro depósito, que é o eleitoral, claro está, mais é, moito antes, o que pode garantir -ou, ao menos, mellorar- o resultado dos votos. Quer a coincidencia cronolóxica que este artigo apareza no mesmo día 21, no mesmo día da votación que determinará a composición do futuro Parlamento Galego.
Son moitas as observacións que se me amorean após tres anos e medio de lexislatura e quince días formais de campaña eleitoral. Non estou en condicións agora de as exteriorizar, cousa que tenciono facer nunha outra entrega. Só direi que, nunca como nesta ocasión (e despois non de anos senón de décadas de militante, votante, deputada, interviniente en actos eleitorais e debates públicos…), me coubo asistir a máis revelacións históricas por xunto: venda descarada de mentiras de groso calibre; fabricación de produtos eleitoriais de última hora; confusión intereseira de siglas, persoas e confisións ideolóxico-políticas; sofismas a esgalla; promoción espectacular de forzas extra-parlamentares, como se esta fose a regra seguida noutrora; neopiñeirismo, practicado (como é lóxico, de por parte) por quen se criaron na mesa de Ramón Piñeiro, por moito que renegasen despois del… E moito máis…
,Encher o depósito do auto do combustíbel correspondente é caro, carestioso e lesivo para a economía cuotidiana. Encher o depósito eleitoral é, aínda, máis caro, carestioso e eventualmente lesivo. Vémonos premidas-os a xogar nunhas condicións disparatadas: unha sorte de venda dun produto, onde é ben difícil explicar minimamente a necesidade de defensa dun proxecto de mudanza e de nacionalización. As informacións dos media están tantas veces escritas de antemán; a banalización é correlato do descrédito interesado da instancia política, que sabemos ben a onde pode conducir ou a onde nos quer levar. Oxalá, xa que logo, que no meio de tantas interquinencias, no meio de tantas dificuldades, no meio de tanto ruído e de tanta contaminación, podamos encher o depósito eleitoral de dignidade galega, de disposición a dotármonos do instrumento necesario para sermos alguén politicamente e, por tanto, para a Galiza dispor dunha representación acorde á súa condición nacional e fender de vez a imaxe de subordinación e de submisión ao carro de España e de Europa.