ENCE-PP todo pola pa$ta


Nos mediados do século XVIII, o Padre Sarmiento, ilustre veciño da Boa Vila, escribiu o seguinte: “En la Isla de Tambo, a una legua larga de Pontevedra, nace un vegetable (sic), que allí llaman herba becerra, que es una especie de abrótano, de olor muy subido. Cuando sopla el sudueste (sic), se huele en Pontevedra”. Lembraba eu o pasado sábado este apunte do noso bieito, mentres, coma todos os anos, e xa perdín a conta, varios milleiros de persoas camiñabamos en cívica procesión ata as portas do complexo de ENCE. Nun artigo que publiquei hai un ano na revista Aunios citei estas mesmas liñas e engadín: “Canto mellor era daquela recender o perfume de abrótanos, tipo manzanilla, cando viña o vento da ría, que hoxe, nas mesmas condicións de vento, sufrir os mercaptanos emitidos por celulosa”.

Unha pancarta, paradigma de agudeza e síntese, deume o título para o artigo de hoxe, pois, efectivamente, ENCE, sen a protección manifesta e descarada do PP, xa tería deixado de ser o máximo axente agresor da ría de Pontevedra, mentres o partido fundado por ministros da Ditadura, preñado de corruptos e cunha aínda potente base de votantes do franquismo sociolóxico, tería desaparecido sen o sostén económico de empresas como a pasteira. Non admira, xa que logo, que, cando os megáfonos preguntan: “e a culpa de quen é?”, os manifestantes respondan: “dos que votan ao PP”. Sempre a alianza entre os poderes políticos e económicos para apropiarse das riquezas naturais e explotar ao pobo.

Onte mesmo, nada menos que un profesor de políticas chamado Pablo Iglesias manifestou, sen que lle caesen os dentes, que Marx e Engels eran socialdemócratas, o que, unha vez máis, me fixo pensar que a universidade aínda non pasou a Transición e que un profesor pode dicir a maior estupidez sen que o seu posto corra perigo. Que hoxe lea que o flamante Secretario Xeral do Partido Comunista concorda con el faime pensar que a impudicia e a prostitución intelectual se consideran válidas sempre que recaden votos. É duro ter que lles lembrar que, xusto o ano no que a Montagne, o vello partido xacobino, pasa a ser chamada socialdemocracia (dito polo propio K. Marx no Dezaoito Brumario de Luís Bonaparte), os dous sabios alemáns publican o Manifesto Comunista. Algún día haberá que se deter nisto. Hoxe o que me interesa é lembrar o inicio de Las luchas de clases en Francia, onde don Carlos Marx recolle as verbas do banqueiro Laffitte ao duque de Orleáns, o futuro rei Luís Felipe: “Desde agora dominarán os banqueiros”. E o segundo parágrafo non ten desperdicio: “A que dominou baixo Luís Felipe non foi a burguesía francesa, senón unha fracción dela: os banqueiros, os reis da Bolsa, os reis dos ferrocarrís, os propietarios de minas de carbón e de ferro e de explotacións forestais e unha parte da propiedade territorial aliada a eles: a chamada aristocracia financeira. Ela ocupaba o trono, ditaba leis nas cámaras e adxudicaba os cargos públicos, desde os ministerios ata os estancos”.

Para situármonos cronoloxicamente, digamos que a monarquía de Luís Felipe transcorreu entre 1830 e 1848, mais o texto anterior podería ter sido escrito, case sen matices, para este goberno dun presidente declarado, con toda xustiza, non grato en Pontevedra. As verbas de Laffitte foron sabias e proféticas. Que cada quen vote a quen lle pareza, pero, con máis ou menos descaro -esa é a diferenza esencial- quen van gobernar serán, sen dúbida, os banqueiros. A burguesía financeira nomeará ministros e fabricará no Parlamento as leis que lle conveñan. Aínda está fresca e actuante a modificación do artigo 135 da Constitución, obra de PSOE (socialdemócrata a partires da renuncia ao marxismo) e de PP, e segue sangrando a modificación da lei de costas, paso previo para que o non grato pontevedrés puidese prorrogar 60 anos a cheirenta pasteira.

Hai uns días, viña de Portugal cuns colegas composteláns e, en aproximándonos a Pontevedra pola autoestrada, todos exclamaron: “Que mal cheira!”. Eu recoñecín que non o notaba e un deles, formado en dereito, dixo: “Supoño que os pontevedreses poderiades levar a ENCE a un bo preito como causante da perda de sensibilidade olfactiva”. Debo dicir que, agás momentos moi concretos, só percibo o cheiro, vomitivo, cando chego á rotonda de Mollabao camiño de Bueu. A empresa insiste en que unicamente emite vapor de auga. Eu non o dubido, pero así como, cando na casa se está a facer un bo guiso, o vapor de auga recende, o que sae pola cheminea da pasteira cheira que fede. Non vou máis alá, porque, como se ten dito, a falla de interese da administración, agravada pola queima do arquivo clínico do CHOP, que destruíu medio millón de historias médicas de Pontevedra, dificultan facer un estudo epidemiolóxico.

En “O libro branco de ENCE” figura a lista de cargos do PP que, utilizando a porta xiratoria, sentaron no consello de administración da factoría, principiando por Isabel Tocino (ex-ministra, precisamente, de Medio Ambiente) ou José Carlos del Álamo Jiménez (ex-director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da Xunta de Galicia, logo conselleiro e no intermedio director xeral de Conservación da Natureza do ministerio de Medio Ambiente e vicepresidente do Organismo Autónomo de Parques Nacionais). Igualmente, directivos da pasteira están emparentados con altos cargos da administración, caso do propio director, Antonio Casal, con María José Echevarría, subdirectora xeral de Coordinación Ambiental da Xunta de Galicia. Remito ao devandito “Libro branco” para ampliar a nómina de persoas que forman o tecido ENCE-PP.

Desde o cambio da Lei de Costas, a empresa medrou en fachenda, dedicándose a provocar con grandes pancartas cheas de frases ofensivas para a intelixencia dos pacíficos manifestantes que, unha vez ao ano, chegamos á súa (á nosa, o mesmo que a ría) entrada. Mais unha proba de que non as teñen todas consigo é que, non vendendo nada en Pontevedra, tendo a súa sede en Madrid, na City, na metrópole, onde liquidan o imposto de sociedades, non cotizando en Galicia nin polo volume da auga que consumen, e onde os donos do complexo poden vivir ben afastados do cheiro no máis puro tufo colonial, entroulles agora a ansia de facer cousas e gastar cartos en favor dos aborixes. Eu prefiro pensar que só se trata duns cantos sipaios, pois aborixes somos todos os que ab origine pertencemos a esta nosa terra e vendidos ao amo por catro cadelas agardo que sexan minoría. O día anterior á manifestación, faise un comunicado dicindo que ENCE, previo convenio, vai regalar un barco ás confrarías de Raxó, Pontevedra e Lourizán para que traballen na rexeneración dos bancos marisqueiros. Lemos en La Voz de Galicia que Iago Tomé, presidente da lonxa de Campelo, destacou o apoio de ENCE ao sector marisqueiro e aplaudiu o convenio, engadindo: “Din que a nova Ence é así, e levan tempo falándonos de compromisos, así que este convenio é unha mostra diso e é benvido. Dixémoslle que isto e máis é o que esperamos da fábrica. Nestas condicións, poderemos convivir perfectamente”. Pois que ben. Lembro, cando eu era novo, que os mariñeiros do Porto do Son se cabreaban ao recibir a notificación de que dous ou tres barcos tiñan que se desprazar ao Lombo de Noia para limpar o exceso de “tixeira” (así chamamos á estrelamar ou gradicela). Ninguén quería perder días de mar, facendo traballos non pagados.

O que me admira é que haxa necesidade de ter un barco específico para esta caste de traballos, cando toda a vida se fixo coas embarcacións da propia flota e, como os barcos sen xente non serven para nada, ignoro, ata que se faga público o convenio, quen vai ser o capitán Cousteau da ría de Pontevedra, facendo inmersións co escafandro ou o capitán Nemo procurando tesouros en perigosas singraduras arredor de Tambo. A ver se ao final a cousa vai de conseguir un postiño, un chope persoal. Lembro o que, hai moi ben anos, me dicía un mariñeiro de Raxó, que as mellores ameixas eran as que estaban na saída do caño, pois vese que lle sentaba ben a auga procedente da pasteira, e podo asegurar que teño visto cantidade de veces embarcacións fondeadas, pescando na saída do emisario, así como nunha rotura ou aliviadoiro. Hai xente para todo. O director do centro, Antonio Casal, disposto a mercar barcos, patrocinar Teucros, medios de comunicación e todo canto faga falta, porque lles entrou agora o gusto de gastar o diñeiro aquí, dixo, no xornal citado, que o acordo alcanzado coas confrarías é histórico. Ben sei que o adxectivo histórico está sendo abusivamente usado por tirios e troianos, mais eu, cada vez que o leo ou escoito, non podo evitar lembrar a frase de Otero Pedrayo, no ensaio “Os feitos miudiños”, de 1931: “Cando un home di: ‘estamos ollando un grande feito histórico’ tendes dereito a dicir: ‘ese home é un parvo”. Talvez Otero se pasou un bichiño.

Regálase un barco, xusto cando se prohibe competir a outro, deportivo, por levar o pano pintado cun “No celulosas” e, máis casualidades, Beatriz Mato, actual conselleira de Medio Ambiente, anuncia que a fábrica presentou hai tres semanas un pacto ambiental e o compromiso de investir 176 millóns en Pontevedra; considera isto moi positivo, pero quere máis e pídelle que “actúe de maneira inmediata e realice os seus investimentos na ría de Pontevedra”. Todo isto ao tempo que se anuncian bolsas de estudo, se subvencionan cátedras e se presenta un proxecto de integración paisaxística da fábrica, consistente en rodeala de árbores autóctonos e non sei que máis, esquecendo que xa hai anos se fixera outra “performance”, mediante concurso na Facultade de Belas Artes, na que mesmo se pintaron aneis de crecemento polo edificio arriba. O Outro, prolífico autor, dixo algo relacionado coa mona e a seda e a min de pequeno ensináronme que a merda non se agocha, que se limpa. Certamente, ENCE-PP todo pola pa$ta.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.