En positivo
"Muller, hai que ser positiva", dicíalle unha señora a outra erguendo a voz para que ouvise quen pasaba cabo delas. Á parte da frase, foi a expresión da cara a que me chamou a atención, algo así como se con iso se considerase máis interesante, importante ou sabia. Curiosamente, pola mañá do seguinte día, na Radio Galega, na conversa que a locutora mantiña cun home que se lle queixaba da choiva e do mal tempo, ela pronunciou a mesma frase, "Hai que ser positivos, señor, e ver o tempo malo como se fose bo". E noutro deses debates cos que intensamente e a diario nos castigan, cando algún dos contertulios se pon bravo (dentro dunha orde, claro, que esta é outra consigna globalizada) e critica a situación negativa que socialmente estamos a padecer, sempre hai alguén que axiña lle di, "Con criticar o presidente nada conseguimos, hai que ser positivo e ver as cousas con optimismo".
Presentar así estas cousas non cabe dúbida de que é tamén positivo. Vivir en positivo, ver todo con optimismo, non perder a esperanza, transmitir ese ambiente de superación... é unha marabilla para non morrer de angustia, tristeza ou desespero. Faltaría máis. Pero coido que non debe pensar o mesmo aquel ou aquela que leva anos no paro e non ten un ingreso económico mínimo, ou ao que botan do piso, ou á que segue agardando meses e mesmo anos por unha operación ou unha cita médica, ou a quen teima por dignificar o seu idioma e non atopa máis que atrancos.
O señor Rajoy, no seu último discurso de Soutomaior (ah, se polo menos lle mudasen o estilo e ese reiterado titubeo ou repetición das palabras), non cansou de pintarnos un panorama tan falso como optimista. Todo é rosa, o paro baixa mes a mes, a economía restablécese, os bancos xa dan bos créditos... Non digamos o que nos rexe aquí, Feijóo: as cousas van ben en España, pero en Galiza moito mellor. Que sobe o paro, pois aquí baixa. Que outras comunidades axudan cun millón de euros para os libros de texto, pois aquí 20 millóns, ale, que se vexa quen somos nós.
Despois un fica a pensar e decátase que desde hai un ano a batalla psicolóxica principal do PP de cara ao noso pobo é presentar sempre as cousas en positivo. Non falar do negativo senón do que muda ou rompe o estado de afogo ou dificultade. E se para iso hai que inventar ou deformar realidades pois faise e listo. Pero faise de xeito intelixente, medido, moi estudado e presentado de forma convincente. E pásase a consigna. Sácanse datos das pedras, como sexa, para convencer, e se son negativos píntanse de verde.
Así que ese estado do que falaba ao principio, da simple frase que bota unha muller con clara inocencia ou inxenuidade non é só a predisposición que podemos ter a ver as cousas con optimismo. Vén de máis aló desa posíbel racionalidade de andar con ese lema e mete na nosa cabeza inconscientemente a predisposición a aceptar a mentira e o negativo como predisposición ao positivo en todo o campo político que nos asoballa. A trampa é manifesta e ben presentada e reiterada nesa grande pantalla ocupada principalmente polos que a idearon e planificaron cóase na nosa mente sen que tan sequer nos decatemos.
Nuns meses estaremos outra vez de eleccións. Que poden ofrecer Rajoy ou Feijóo de positivo nos longuísimo e duros anos que levamos aturando? Que cousas houbo que mellorasen a preocupante situación das clases populares galegas?.. Pois se é nada ímoslle botar optimismo e pensar que con ánimo e vontade todo será mellor no futuro. E así votaremos de novo a quen nos meteron na pobreza e na dificultade. Desde logo, a propaganda, como sempre nese partido que goberna, é impecábel e terá o seu beneficio. E como sempre tamén, a outra, a de verdade, a que realmente necesitamos como clarificación e contraste seguirá coa vella mecánica de non responder ao instante e con estilos axeitados ao momento. Aquí é onde habería que incidir arreo: nese cambio que se resiste á actualización.