En camiño
A vitoria electoral do PP deixounos tesos. Como pode un partido hiperneoliberal gañar a confianza das masas? Mais, ao ollar os números, volve circular o sangue.
O apoio ao PP, segundo o censo dos votantes, foi do 30.27%; somente un 0.97 % superior ao do 2008. Mentres CIU acadou un 18.8% do electorado catalán. Non parece teña habido transvases significativos da esquerda á dereita. Non é para desolación este resultado do 20/N. Se ben a perda de votos do PSOE é chamativa, porque indica abstencións múltiples, fenómeno tamén ocorrido no BNG. É unha doenza da esquerda esta decisión individual, que só beneficia á dereita.
As tensións no PSOE e no BNG non son somente debidas ao 20/N, arrastran inseguridades gubernativas da inadaptación das socialdemocracias e das reivindicacións nacionais. Na historia e na actualidade do BNG, penso, deberá terse en conta: que o BNG ten a responsabilidade do empeño pola dignidade do país (autogoberno, lingua propia, equilibrio social etc); que conta coas análises demográficas e territoriais de Galiza, cuxas debilidades só poden resolverse desde unha esquerda transformadora. Esa dupla urxencia-sermos nación e sermos unha sociedade digna(de igualdade e respectabilidade económica, social e cultural) outorgan ao BNG unha responsabilidade única na historia. Non pode prescindir de ningún sector político interesado nun lance irrepetíbel.
Intentos ten habido, ao longo do galeguismo de nación, de engavelar esquerda e centrismo na xeira nacionalista. "Novas da Galiza", publicación mensual, neste mes ofrece un artigo sen o nome do autor, que afirma alegremente ter fracasado un intento semellante baixo a guía de A. Quintana. A historia e testa en constatar que toda reivindicación nacional foi obra de vangardas que aproveitaron forzas colaboradoras dese espazo. Unha política de esquerdas non pode excluír alianzas sociais que, ademais, poden ser necesarias. Non conleva a entrada en partidos de esquerda desa colaboración; hai fórmulas para tal cometido; mais o BNG non é un partido e ten opción variadas; que non as esqueza.
En camiño, si, imos no camiño, con repousos e con marchas, mais unha esquerda actual," non pode ofrecer un concepto convincente senón afecta á política de crise e á crise da política"(M.B.K.). Non é de recibo o fixismo en horizontes á longo prazo; si o é aportar solución inmediatas á situación nin intolerábel e á discriminacións permanentes. Un feixe de solucións concretas -como tantas que se están a levar a cabo en concellos do BNG- a extender á toda Galiza ten máis forza de atracción e de votacións que estatutos ideolóxicos e programas imprecisos.
Por fin, a unidade de principios e leis mínimas foi sempre reivindicada. Desde Marsilio de Padua a Hobbes hai unha insistencia: converxencia de acción na "república humana". Iso non implica uniformismo; cada individuo ou cada grupo poden manter ideas e proxectos propios, mais ten que ceder até lograr ese mínimo común de andar por este mundo. Marsilio elaborou a primeira tese do poder laico, sen intromisións relixiosas no poder; outros como Ockham a separación de igrexas-estados, mais uns e outros politólogos se fartaron de esixiren unidade de mínimos, tolerancia da diversidade e liberdade de todos.