En cada casa quedamos un tolo e unha nai

En cada casa quedamos un tolo e unha nai

Esta frase pronunciada xa fai anos por Toño de Núñez da parroquia de Noceda en Cervantes, na Serra dos Ancares, resume todo un tratado de antropoloxía do rural galego. Un fillo varón solteiro e unha nai, comezaba a ser fai xa máis de trinta anos, a expresión mínima da casa ou casal nalgunhas comarcas do noso rural, pouco despois da forte emigración desde o noso rural cara os grandes centros industriais do resto do Estado e outras partes do Mundo; e nos tempos en que con mágoa e xenreira berrabamos os nacionalistas nas manifestacións e os días da Patria "Galiza ceibe, sen emigración".

Denantes do ano 1990 antropólogos da Universidade de Compostela fixeran estudos de poboación e mobilidade xeográfica na Comarca dos Ancares e decatáranse de que as expectativas de poder asentar o seu futuro nunha explotación agraria ou actividade no entorno rural desa comarca eran moi poucas, especialmente para as mozas. Existían razóns de tipo obxectivo e subxectivo para que se producira este fenómeno. Socioloxicamente unha persoa nova no rural mantiña na maioría dos casos o proxecto vital de gastar uns anos de xuventude en facer uns aforros e logo conformar unha familia. Ademais a dureza do traballo e a dependencia das máquinas pesadas no rural axustaban pouco cos hábitos e formación que en xeral tiveran as mulleres, e non se trata dunha cuestión machista, senón dunha complexa distribución de tarefas. Aínda que hoxe a maioría dos titulares de explotación son mulleres, hai funcións , traballos e tarefas relevantes, nas que interveñen os homes fundamentalmente. O modelo chamado simbiótico no que se combinan activo agrarios con outras actividades foi pouco considerado e logrou e aínda logra fixar poboación no rural. Ademais, diante da necesidade de que os irmáns fosen deixando o fogar para buscar o seu propio futuro chegábase normalmente ao consenso de que un varón podería agardar máis anos ao pé dos pais e en caso de necesidade sempre tería mais posibilidades laborais, residindo ou non na casa paterna. Si a estes considerandos engadimos que as mulleres son normalmente máis lonxevas que os homes; remata por confirmarse a percepción que Toño de Núñez facía da súa existencia e da de moitos veciños. O de tolo entendemos que se refire a que cando quere casar e asentar unha familia xa é tarde.

Trinta anos de estatísticas "chorimiqueiras" deixando o rural galego en estado de abandono.

Desde fai décadas, tamén cada dez anos, o Instituto Nacional de Estatística (INE) dende España contabilízanos aos galegos e galegas e fainos a radiografía demográfica desde un punto de vista aséptico e apolítico, ao parecer; e uns días despois xornalistas especializados en facer divisións e agrupacións de todo canto poida chamar a atención divídennos e agrúpannos por sexos, idades, mortes e nacementos provincia a provincia.

O censo do ano 1990 amosaba xa un gravísimo avellentamento de moitas comarcas e concellos do rural galego. Os concellos de Bóveda e Pantón en Lugo perderan nos dez últimos anos a metade da súa poboación. O que non se analizaba era que unha parte fora por falecemento e outra porque se trasladara a outros lugares; e esta era xente en idade de traballar e en idade reproductiva.

Mais se no pasado se facía só estatística sobre a realidade demográfica pasada e presente, agora atopámonos con que teñen a bola máxica das ciencias exactas e xa fan as previsións do futuro, sen dicir nin unha verba sobre as seguintes cuestións:

-Analizar se as previsións feitas anteriormente se cumpriron ou non.

-Analizar as causas e consecuencias dos fenómenos demográficos que se dan en Galiza e especialmente no rural.

-Analizar si se pode e convén actuar ante estas realidades demográficas ou si é mellor deixar que todo siga funcionando como nestes anos. Seguro que si propoñemos alternativas -xa o fixemos co banco de terras, ou as UXFOR- para intentar mudar certas tendencias como o avellentamento da poboación ou o éxodo rural nos dirán que estamos facendo política. O que non é menos certo que tamén fan política (¡vaia si a fan!) os que fabrican titulares alarmantes dando por feito que non hai nada que facer e que a desfeita demográfica de Galiza é un fenómeno natural.

Vexamos catro exemplos distes días:

1- "Galicia perderá un 1,6% del padrón hasta 2020, con el peor saldo vegetativo español". "La población en edad de trabajar se reducirá en 113.500 personas" (El Progreso).

2- "Casi la mitad de las gallegas que den a luz en el 2019 tendrán 34 años como mínimo". "El INE prevé que la edad media de los fallecidos en la comunidad sube esta década de 79 a 81 años" ( La Voz de Galicia). Aquí si que temos unha descarada aposta ideolóxica nos titulares do artigo. Da a impresión de que as nais se poden permitir o luxo de retardar a natalidade e de que os vellos durarán máis. Conclusión: Retiremos as axudas a natalidade e atrasemos a idade de xubilación. E para que quede claro que no rural xa non se pode facer nada, temos incrustada no artigo a foto perfecta do rural cun panadeiro que sube a aldea de Roblido na Rua dúas veces a semana, e tres vellos (dúas mulleres e un home). Vexamos como comeza a redacción diste apartado referido ao rural: "La previsión del INE de que en Galicia en el 2020 solo habrá un alumbramiento por cada dos decesos es más que una realidad en el municipio ourensano de A Rúa, en la Comarca de Valdeorras, desde hace tiempo." Ou sexa que xa non temos a posibilidade de falar só da desfeita demográfica do rural, a continuación pasaralle o mesmo ás urbes... E digo eu, si estas son as previsións, porque teñen tanta presa Feixóo e CIA en acabar co idioma galego se xa estamos na fase de acabar co propio pobo galego? Ou será que queren ter eles o privilexio de matalo denantes de que morra de seu?

3- "Un de cada catro habitantes de Ourense vive só" (TVG).

4- "Para resolver o problema dos maiores que viven sós debemos buscar o xeito de facer máis autónomos aos nosos maiores". Un sociólogo da Universidade da Coruña soltou na prensa esta inspirada alternativa. Estou seguro que algúns vellos que leran o que dixo contestarían con aquel vello dito: "Vaslle ti aprender a teu pai a facer fillos!"... Como é posibel que para ser compracentes co "status quo" os nosos expertos queiran sempre pasarlle as responsabilidades todas aos que fan moito máis do que poden e están ademais soportando moitas inxustizas e moitos abandonos? Non é de todo o mundo coñecido que a maioría dos nosos maiores están soportando moitas máis responsabilidades das que en realidade están capacitados para atender? Non é unha indecencia impresentábel que leve máis de dous anos paralizada a Residencia de maiores da Xunta en Monforte de Lemos cando xa o Goberno do BNG deixara todo disposto para poñela en marcha? Non nos decatamos de que o custe mensual dun maior dependente está entre os 1.500 e os tres mil euros nos centros privados (relixiosamente próximos moitos deles a quen ben sabe o "golfiño" do Sr. Romai), mentres que na da Xunta pode ser sete veces máis barato? Como aguantamos os grupos familiares no rural (a estes que tanto se lle enche a boca coa familia) se son eles mesmos os que os están desfacendo a patadas? Como se pode negar un xantar quente feito na cociña de Doiras en Cervantes para 18 nenos e se vai a gastar máis traendo desde varios quilómetros por estradas de máis de mil metros de altitude, só por sectarismo político e para que se note a costra dos callos do pé do PP?

Só se tratou, que eu saiba, con certo rigor a problemática da desfeita demográfica de Galiza e en particular da Galiza rural durante estes anos na Universidade en Vigo por parte dalgúns especialistas, tirando conclusións tan interesantes como que si no rural houbese dinámica económica e atención e servizos para os nenos e as súas nais poderíase frear o acelerado proceso de despoboamento; e tratouse tamén con bastante profundidade e propostas durante dúas lexislaturas por pare do Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento Galego.

O interese dos partidos españois por manter as tendencias de avellentamento da poboación e abandono do rural

O PP e o PSOE tiveron estes anos a mesma práctica política e o mesmo discurso no que se refire as alternativas para a agricultura e o desenvolvemento rural. Se alguén non o quere crer fágolle unha proposta sinxela: que vaia a unha hemeroteca e copie declaracións ao chou destes dous partidos sobre a dita problemática e que lle las amose a xente ocultándolle de quen proceden e verá con que facilidade se confunden. Unha das teses máis disparatadas e que hoxe xa estamos os nacionalistas en condicións de pasarlles polas napias foi a de que a modernización da agricultura e o mantemento das explotacións pasaba por unha forte redución do número de explotacións. A por de retirar servicios e apoios e crear desánimo fíxose a reducción máis salvaxe de toda Europa e de todo o Estado. De seguir así dentro de pouco seremos a Comunidade autónoma, descontando algunha moi industrializada, con menor porcentaxe de poboación activa agraria do Estado; de feito xa temos moitas con porcentaxes máis elevadas, algunhas están aumentando agora mesmo a proporción de activos na agricultura a respecto dos outros sectores.

Non se lles escapa ao PP nin ao PSOE que un rural avellentado, dependente e inactivo é bastante doado de manexar no seu pensamento e ideoloxía, case que chega con Luar e Manolo Escobar.

Fíxense que paradoxo: No noso rural estase dando o pleno emprego; non hai parados, só hai vellos e vellas abandonados.

O autoodio. A agonía interesada dunha cultura e dun xeito de vida

Recordo perfectamente no Madrid dos anos setenta cando me identificaba como galego e me contestaban, con certo ar de falar con un indíxena: ¡Oh, el galleguiño y la vaquiña!

Foron, e aínda son, moitas as forzas, persoas e institucións que estiveron interesadas en que a Galiza que, deron en chamar profunda -non sei por que; en realidade é a que está máis elevada sobre o nivel do mar- fose rexeitando e odiando a súa cultura e o seu xeito de ser. Un exemplo ven claro tivémolo até fai pouco no abandono da arquitectura rural, onde quedaban para alpendres excelentes construcións de granito e se facía unha nova vivenda de ladrillo.

Fronte a este abandono, a este desprezo e a tanta agresión ao noso ser de galegos e galegas non nos queda outra: AUTOESTIMA. Loitemos até que o PP nos teña que acusar de estar practicando a inmersión demográfica!