"En andaluz, díselo en andaluz"

"En andaluz, díselo en andaluz"

Sergio Ramos, defensa lateral dereito da selección española de fútbol , ofendeuse porque Gerard Piqué, defensa central da selección española de fútbol, respondía en catalán nunha roda de prensa a pregunta en catalán dun xornalista de TV3 nunha comparecencia conxunta despois dun entrenamento.

Textualmente e con enfado pediulle ao seu compañeiro catalán "en andaluz, díselo tambien en andaluz, a ver si lo entiende, está muy bien porque le cuesta entender el castellano".

Esta actitude prepotente, chulesca, é indicativa da existencia dunha cultura española que non acepta tan sequera a posibilidade da utilización con normalidade doutro idioma que non seña o español e mesmo sente coma unha agresión que alguén utilice con naturalidade como fixo Gerard Piqué a súa lingua materna.

Mesmo dá a impresión que nestes anos se ten retrocedido no recoñecemento real do carácter plurilingüe do Estado español. Costa imaxinar que Andrés Dobarro puidese lograr hoxe que o seu celebrado tema en galego "O tren que me leva pola beira do Miño" chegase a ser número 1 nas listas estatais de éxitos musicais por canto os medios de comunicación practicamente non emiten tema algún de grupos ou artistas galegos, vascos e cataláns.

Nomes como Raimon, Lluis Llach, Maria del Mar Bonet, Miquel Laboa, etc non terían cabida a pesares de terse multiplicado nestes anos o número de emisoras de radio e televisión. Eu non son capaz de recordar unha soia presenza nestes medios estatais de Berrogüetto, Milladoiro, Luar na Lubre, Guadi Galego, Fuxan os Ventos, Ugia Pedreira...etc.

Chama a atención que nun colectivo coma o dos profesionais de fútbol, tan afeitos a presenza de xogadores estranxeiros de diferentes países nos distintos equipos e polo tanto afeitos a unha obrigada convivencia plurilingüe os roces e enfados que se producen non sexan pola utilización natural do inglés, francés, italiano, holandés, alemán, etc senón que as muxicas salten pola utilización do catalán, do galego, do éuscaro. Mesmo o outro día, Ezequiel Mosquera era atacado con saña nun medio estatal por expresarse en galego nunha roda de prensa.

Obviamente non é un problema idiomático senón político e a instrumentalización burda da selección española, coa actuación estelar de Manolo Escobar incluída, persigue refrendar unha idea de España na que só cabe español, flamenco e touros. Socioloxicamente comportamento irrespectuoso e prepotente de Sergio Ramos non é algo illado, puntual ou anecdótico senón que representa o pensamento habitual e amplamente maioritario na sociedade española.

Mais alá dos discursos tópicos a respecto da "riqueza idiomática de España " está a realidade política e sociolóxica que o comportamento de Sergio Ramos corrobora e que todos podemos comprobar na práctica diaria.

Neste contexto -dende logo- a actuación do PP na Xunta de Galiza atacando e desprezando a lingua propia é de extrema gravidade e pretende a asimilación e españolización forzosa por parte de quen ten a obriga legal como goberno galego de promover o uso do noso idioma.

Nas Rúas do vento ceibe Manuel María afirmaba "o idioma é un herdo patrimonio do pobo, maxicamente vello, eternamente novo. O idioma é a patria a esencia mais nosa, a creación común meirande e poderosa...". Sen dúbida aqueles que negan o noso dereito a podermos vivir en galego pretenden que sexamos uns ninguén.