Empresarios do sexo e prostitución

Vivo en Oleiros e desprázome con frecuencia á cidade de A Coruña e, por isto, moitas veces paso por diante dun prostíbulo, eufemisticamente denominado club nocturno no seu anuncio luminoso, que desde hai un ano, como aconteceu noutras fachadas de edificios, ostenta pendurada nunha das fiestras a bandeira española como expresión da unidade da Patria fronte o procés catalán. A pouca distancia deste lugar, no alto da concorrida avenida de acceso á cidade e a carón da fábrica da Coca Cola, entre outros numerosos cartaces publicitarios de grandes proporcións, móstrase un que anuncia os servizos dun motel da contorna con este lema El amor no existe, se hace... desde 45 euros. En ambos casos o sexo é utilizado como produto mercantil para obter lucro por medio dunha das formas máis perversas da explotación humana.
Pois ben, tanto o empresario que rexenta ese prostíbulo como o que anuncia o seu negocio no cartaz desenvolven actividades económicas absolutamente legais e presuponse que, como bos patriotas españois, cumpren coas súas obrigas fiscais. Ambos, e tantos outros que exercen estas profesións como patróns, incrementan oficialmente o PIB desde que así o declarou o Regulamento (UE) 549/2013 do Parlamento Europeo e do Consello. Son, por tanto, empresarios que contribúen ao enriquecemento da sociedade. E como tales empresarios están organizados en lobbys para defenderen os seus beneficios con todas as armas que lles pon ao seu dispor a legalidade española. Por isto, en virtude da Lei 19/1977, de 1 de abril, sobre regulación do Dereito de Asociación Sindical, existen asociacións de empresarios que, ao amparo da legalidade, segundo recoñeceu xa o Tribunal Supremo nunha sentenza de novembro de 2004, se circunscriben á actividade mercantil consistente na tenencia ou xestión... de establecementos públicos hoteleiros destinados a dispensar produtos ou servizos que teñan como público obxectivo terceiras persoas, alleas ao establecemento, que exerzan o alterne e a prostitución por conta propia, tendo como fins a asociación ou defensa e promoción dos intereses económicos e sociais propios do sector empresarial ao que pertencen os asociados, e en concreto a negociación colectiva laboral, a formulación de conflito colectivo de traballo, o diálogo social, a participación institucional nos organismos públicos das Administracións laborais e calquera outra que se derive loxicamente dos anteriores, sendo o seu ámbito territorial todo o territorio español. Isto é, son legais estes empresarios e as asociacións creadas para defenderen os seus intereses económicos e sociais a través dos mesmos medios con que contan as demais agrupacións, mais as mulleres das que obteñen as plusvalías non poden acollerse aos mesmos dereitos porque as actividades que practican realízanas, segundo a lexislación, como terceiras persoas alleas ao establecemento e por conta propia con total independencia do empresario que pon ao dispor dos clientes as instalacións hoteleiras. En resumo: a actividade mercantil dos empresarios do sexo é legal mais o exercicio da prostitución nos locais deses mesmos empresarios non o é. Imaxinemos que no sector económico da automoción os empresarios que dirixen a produción de automóbiles fosen legais mais as dos operarios que realizan eses traballos non o fosen. Pois isto é o que sucede no mercado da prostitución: a ministra de Traballo, escandalizada e facendo gala de formar parte dun goberno feminista, proclamou aos catro cabos do mundo que a inscrición dun Sindicato de Traballadoras do sexo no rexistro oficial de asociacións sindicais constitúe un auténtico gol por la escuadra. A existencia, pola contra, de asociacións de empresarios desa mesma actividade inscritas no mesmo rexistro desde o ano 2004 non causa ningunha preocupación nin provoca a dimisión de ningún responsábel dese ministerio. E a xustificación desta dobre vara de medir está moi asentada nos poderes do Estado: o Goberno, o Tribunal Supremo na sentenza aludida e o propio Tribunal de Xustiza da Unión Europea no C-268/99 Jany, recoñecen que a prostitución constitúe unha prestación de servizos remunerada que... está comprendida no concepto de «actividades económicas». Argumentan que a prostitución é unha actividade ilegal e que, por isto, un sindicato de traballadoras do sexo non pode ser inscrito no rexistro de asociacións. Si, efectivamente, trátase dunha actividade xa non só ilegal senón tamén que castiga con penas de prisión de dous a catro anos e multa de doce a vinte meses a quen se lucre explotando a prostitución doutra persoa aínda co consentimento da mesma (artigo 187.1 do Código penal).
Señores e señoras dos Poderes do Estado, déixense de hipócritas proclamas de feminismo e tomen medidas drásticas para erradicar dunha vez esta terríbel explotación das persoas castigando os prostituíntes (proxenetas e empresarios do sexo), eliminando a demanda e resolvendo a situación das vítimas abocadas ao seu exercicio.