Emprego e autogoberno

Praza Obradoiro
Toma de Posesion do Presidente da Xunta de Galicia, D. Alberto Núñez Feijóo.
foto xoan crespo
18/04/09

O Presidente da Xunta manifestaba nunha entrevista de fai poucos meses que non se xerara emprego neto ate finais do 2012. Noutra entrevista máis recente declaraba que o estatuto non corre presa e hai que deixalo para tempos mellores. Nestas dúas afirmacións podemos observar como se condensa toda a intencionalidade política do actual Presidente para combater o desemprego dende unha posición de gobernante comprometido coa maior preocupación dos galegos e das galegas como é atopar un posto de traballo nunhas condicións dignas.

Tendo como máxima que a culpa é do Goberno do Estado e do seu presidente, constrúe un discurso e unha liña de actuación na que o maior obxectivo é escapara das súas obrigas, botarlle a culpa aos demais pero intentando esconder a súa falla responsabilidade e silenciando seus compromisos electorais. Non queda moi lonxe aquela promesa en campaña electoral, e así debemos lembrárllelo ate o cansazo, de arranxar o desemprego en corenta e cinco días, proclamando no "Contrato con Galicia" que a súa maior inquedanza era "Combater o paro como máxima prioridade do Goberno e recuperar a senda de creación de emprego garantindo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes".

A realidade camiña por outros rumbos mais amargos; o goberno de Núñez Feijoo ten a desgraciada marca de ser o maior destrutor de emprego (segundo datos da EPA, 39.700 no primeiro trimestre deste ano e a maior cifra de desempregados, 234.171 en febreiro, tamén deste mesmo ano). Polo tanto a primeira conclusión a que chegamos é a de que levamos mais dun ano perdido para facer retroceder o desemprego e criar emprego, pero o peor é que aínda imos perder outros dous anos mais. En definitiva, o goberno de Núñez Feixóo non so non cumpre as súas promesas, senón que prolonga a agonía de caseque un cuarto de millóns de persoas e pide resignación dous anos mais. Que sociedade pode aguantar esta situación sen rebelarse e esixir solucións?.

Pero, hai quen podería perguntarse si dende a Xunta pódese facer mais para que as cousas vaian a mellores e si ten as competencias suficientes para que dende a propia Galiza poñamos en marcha medidas encamiñadas a reverter as cifras de desemprego e xerar postos de traballo suficientes e de calidade. Pois nada mais e nada menos que vintedúas normativas legais contemplan o traspaso de disposicións ao noso País en materia laboral e social que permitirían poñer en marcha unha serie de medidas en materia de formación, apoio ao emprego, servizos de emprego, nas relacións laborais, etc.. que debuxarían un panorama diferente ao actual si se aplicaran en toda a súa extensión, minimizando os efectos da crise e da reforma laboral que se aveciña. Así o recoñecía en sede Parlamentar tanto o propio Presidente como a conselleira de Traballo e Benestar, asumindo que competencias tiñamos pero "limitadas". Como cambiou o discurso, namentres no anterior Goberno, a culpa era do Presidente da Xunta de quenda, agora é de todos menos do actual.

Si por un lado temos competencias, anque sexan limitadas algunhas, so e poñéndose a traballar no carreiro de criar emprego e de calidade e, en todo caso, pódense reivindicar mais para ter unha capacidade plena e non depender de outros. Mais, o fondo da cuestión, é que o Presidente da Xunta non esta pensando na Galiza nen nos problemas dos galegos e galegas, senón en clave da rúa Xénova supeditando calisqueira política a prol da Galiza e das súas clases mais desfavorecidas ao interese por recuperar o goberno en Madrid, e para iso non lle preocupa sacrificar o futuro incerto e preocupante dos galegos e galegas desempregados ou o porvir da mocidade.

Outro xeito de gobernar non so é posíbel, senón que necesario e urxente
. Así o demanda a maioría da sociedade e non podemos agardar nen calar. Dende o nacionalismo galego sempre tivemos claro de que ou ven nos gobernamos nós a nós mesmos e poñemos as nosas capacidades ao servizo das necesidades dos galegos e galegas ou non nos queda outra alternativa que a precariedade, a subsistencia e a emigración. Pero hoxe o galego e a galega xa non nace nen tan siquer cunha "maleta debaixo do brazo", por iso se organiza e loita convencido de que os dereitos nen se mendigan nen se regalan, conquístanse e deféndense.

A resposta social neste último ano do goberno Feijoo ten crecido dun xeito significativo; as mobilizacións a favor do noso idioma ou do noso agro, contra a privatización dos servizos públicos, a conflitividade xerada na negociación colectiva ou contra os expedientes de regulación de emprego, etc.. forman parte, e cada vez mais, dun movemento social onde o nacionalismo galego constrúe dun xeito consciente e claro camiños a prol da emancipación nacional e das transformacións económicas e sociais, pois estamos plenamente convencidos que nación e clase social son indisolúbeis. O futuro, pois, esta nas nosas mans.