Emerxencia: arden os servizos públicos

Emerxencia: arden os servizos públicos

Os Parques de Bombeiros en Lugo, agora privatízanse


A chegada do Goberno BNG-PSOE á Deputación de Lugo supuxo avanzar decididamente na constitución dun Consorcio para a creación da rede de parques de bombeiros (Servizo de Emerxencias) nas comarcas de Lugo. Logo da intervención do BNG conseguiuse que a financiación recaese unicamente nesas dúas institucións, exonerando aos concellos de aportacións económicas. Este servizo importante e moi demandado, ía ser dende un inicio completamente público. Deputación e Xunta financiaban instalacións, material, vehículos, persoal, a partes iguais.

Pero a chegada do PP á Xunta de Galiza supuxo un cambio de intencións claro á hora de poñer en marcha o Consorcio de Parques de Bombeiros. Cando incialmente os estatutos marcaban o carácter público dese servizo, o cambio de goberno na Xunta supuxo que o PP introducise unha modificación nos estatutos, apoiada polo PSOE, para que a contratación de persoal se poida efectuar privatizando o servizo.

A posición do BNG no Consorcio e na Deputación foi defender o carácter público do servizo e non aprobar a modificación dos estatutos. Malia iso, os 22 votos de PP e PSOE no pleno fronte os 3 do BNG provocaron que o cambio saia adiante.

A constante privatizadora

A aposta pola privatización e mercantilización de todo tipo de servizos públicos implica diminuír a calidade do servizo ou prestación e precarizar e reducir o emprego. A empresa privada pretende o máximo beneficio co mínimo custe, a conta do rebaixe da calidade do servizo da redución do persoal, de baixos salarios, contratos temporais e precariedade laboral dos seus traballadores e traballadoras. Non hai mellor proposta para defender o público fronte ao privado que ampliar a xestión directa dos servizos e non recorrer a órganos ou empresas con menos garantías para prestar o servizo e con traballadores/as que teñen os seus dereitos laborais reducidos.

Non hai sociedade do Benestar nin xustiza social sen uns servizos públicos universais de calidade, xa que significan unha garantía para reducir as desigualdades sociais e reforzar a cohesión social. A súa calidade e eficiencia soamente é posíbel mediante a xestión pública, xa que esta busca exclusivamente o ben público e social. O público é garantía de calidade, o privado é negocio e beneficio.

Resulta inxustificábel que, neste momento de crise motivada pola aplicación de políticas neoliberais, se liquiden servizos, se despidan traballadores e traballadoras e se deixe de atender sectores sociais máis desfavorecidos que sofren de xeito máis duro as consecuencias desta situación.
A aposta do Partido Popular pola mercantilización do ensino, lévaos a privilexiar modelos educativos retrógrados mediante concertos educativos que segregan o alumnado por razón de xénero. A Xunta destina 259 millóns de euros, o 11% dos orzamentos de Educación, ao ensino privado, mentres o ensino público continúa con carencia de profesorado e de recursos suficientes para facer fronte ao fracaso escolar e non garante a demanda de prazas escolares de 0 a 3 anos.

A redución dos orzamentos dedicados á sanidade pública para o ano 2010 constatan a continua aposta polo financiamento da sanidade privada coa introdución do modelo de financiamento privado de obra pública. As listas de espera fanse insufríbeis e intolerábeis, os servizos sanitarios teñen múltiples deficiencia e carencias, mais isto non lle impide á Xunta amortizar prazas e perpetuar a precariedade laboral. A aposta pola sanidade pública comporta impedir que a saúde se converta nun negocio, ter control público, garantía e calidade.

Un capítulo á parte é a privatización e eliminación dos servizos ás explotacións agrícolas e gandeiras. As oficinas de asesoramento e de apoio ás explotacións comarcais sufriron dende hai anos recortes de persoal e de medios, perdendo o seu carácter de dinamizadoras para quedarlles encomendada só unha parte dos trámites burocráticos.

A xestión privada tamén se apoderou dos parques comarcais de bombeiros. Desde as administracións non se rescata ningunha privatización e continúase coa vontade de que todos os que abran de novo sexan de xestión privada.

Así e todo, neste labor de defensa do público non se pode ceder, senón queremos incidir aínda máis na precariedade laboral, no desvío de fondos públicos a sectores privados, na menor calidade dos servizos, na ausencia de garantías de transparencia e obxectividade. En fin, incidir aínda máis nun estado social menos próspero, menos xusto, menos social.