Eleccións xa!

Un equipo de goberno de segunda ou terceira fila mantido ao servizo dunha concepción presidencialista, pero cun Presidente máis preocupado de estar ao servizo e as ordes de Madrid e que utiliza ao noso país de trampolín a non sei que outros destinos para el máis importantes. Unha situación económica límite á que hai que poñer freo e minimizar en Galiza. Unha alternativa real, preparada e rodada que xa ten o BNG con toda a súa maquinaria engraxada e lista para desenvolver responsabilidades. Non se pode esperar máis, Galiza non pode soportar outro peche de exercicio no verán e un país paralizado o resto do ano 2012. Cómpren xa unhas eleccións que marquen o camiño de saída a este goberno de opereta que tanto dano está facendo a este país.
Para que esperar máis, o BNG ten unha liña política clara e diáfana que acaba de ser refrendada na Asemblea Nacional de Amio, un programa ao que solo falta dar estrutura escrita e un candidato inmellorábel, traballador, honesto, preparado e apreciado ata polos seus rivais políticos. Galiza non se pode permitir outro ano máis de parálise, outro peche de exercicio anticipado, outra declaración máis de ineptitude, outros despertares diarios con declaracións de máis recortes de servizos sociais, de máis deterioro do ensino, da sanidade pública, de ver como se defende o indefendible e se pasa de puntillas por asuntos como o das preferentes, o das intolerables e vergoñentas cantidades entregadas na xubilación aos ineptos responsables (?) bancarios, de ver como os nosos sectores produtivos son aniquilados (pesca, agro, eólicos, estaleiros...) e as poucas posibilidades de innovación son ignoradas e recortadas as súas axudas ata límites de facelas inviables. As últimas declaracións de Feijóo: “Temos que axustar o sistema de benestar aos nosos ingresos” é toda unha declaración de intencións.
Agora mesmo o propio PPdeG non sabe si lle convén convocar xa as eleccións ou esperar ao ano que ven coa situación deteriorada ata límites insoportábeis, cun aumento do paro en Galiza moito maior que no resto do Estado. Eles mesmos xa teñen desbotada a posibilidade de que a cousa mellore o ano que ven. Unha vez xa de dominio público de quen é a responsabilidade da crise e esgotada a cantinela de que a culpa é de Zapatero, quedan sen argumentos para espremer máis á maioría social, non é de recibo recortar máis cando se pretende socorrer con cantidades vergoñentas á banca. A crispación social é máis que evidente e máis recortes, novas subidas de impostos, incluída á inxusta por indiscriminatoria do IVE, ou máis medidas antisociais xa non van ser asumidas por moitos medios escritos, televisados ou de voz que se teñan a disposición.
A alternativa está xa aquí, disposta, non necesita esperar a ninguén. Ao BNG non lle asusta a responsabilidade e nestes tempos difíciles é canto máis se necesita unha solución galega, adaptada as características de Galiza, para solucionar os problemas deste país. Aqueles que aman e senten Galiza saben que solo os galegos que a aman e senten poden afrontar esta crise adoptando medidas que se axusten perfectamente ás nosas características económicas, territoriais e sociais.
Nin Madrid nin Bruxelas van amañar aquilo que non funciona, nin van a afrontar políticas que beneficien aos nosos sectores produtivos. O BNG está máis vivo e disposto que nunca, cunha capacidade inesgotábel de traballo, cunha tremenda actividade que nin os medios, claramente afines ao PP, son capaces de agochar.
Hai que poñer a andar á nosa economía relanzando todas as nosas potencialidades produtivas, desenrolando políticas que favorezan e fortalezan á súa actividade. Hai que protexer o noso coñecemento, coidando o ensino e a innovación a través da investigación na nosa universidade e das nosas empresas con capacidade de crear novos mercados nos que a competencia non exista ou sexa mínima. Os nosos universitarios e universitarias teñen que quedar na terra e se teñen que aproveitar os cartos investidos na súa formación e o coñecemento adquirido para que Galiza tire para diante.
Basta xa de dar cartos aos bancos e aos banqueiros, que por riba rinse de nos en vez de estar na cadea onde lles corresponde, basta xa de gobernantes que desenrolan políticas para favorecer aos intereses do capital, que aproveitan a crise por eles creada para recortar non solo en cartos senón en propios dereitos sociais. Porque visto xa que non poden parar a contestación social, agora van a limitar os dereitos de manifestación, pretenden blindar á rúa para minimizar as protestas sociais, pretenden acabar coa democracia e mesmo poñer gobernantes postos polos poderes económicos (Grecia e Italia) sen pasar polas urnas.
Feijóo ten a capacidade de convocar ás eleccións, e o único acto de goberno que pode facer a estas alturas é convocalas xa. O BNG está preparado e disposto para cando teña a ben facelo, pero o país non pode aturar máis un goberno que o único que fixo na súa ineptitude foi eliminar o ben feito na anterior lexislatura.
Galiza, a súa cultura e lingua, os seus sectores produtivos, a súa sanidade, os seus servizos sociais, o seu ensino, a súa capacidade emprendedora, non atura máis ao peor goberno da historia do país.