Eleccións na USC


Neste mes a comunidade universitaria da USC imos enfrontar unhas eleccións a claustro e máis a Reitor. A priori, non é nada novidoso pois celébranse cada catro anos e é o exercicio democrático mais normal. Agora ben, aos retos que nos enfrontamos na universidade nestes momentos non son fáciles.Vivimos unha universidade caduca que pretende renovarse a marchas forzadas a custe cero e sen derrubar as vellas estruturas. Temos candidatos a reitor que se presentan coa convinción de ter sido os creadores da universidade, mais o reto ao que se teñen que dirixir é ao mantemento dunha universidade pública. Tarefa esta, non sen complicacións, perante unha, cada vez mais, minúscula aportación duns gobernos que non entenden a capacidade de desenvolver un pais que ten o ensino, xa non só a nivel universitario se non en cada un dos seus tramos.

Se ben o goberno da xunta e do estado non son conscientes disto e reducen as partidas orzamentarias, as institucións universitarias parece que están a espera da caída do maná. A falta de valentía a hora de tomar decisións políticas vímola nestes últimos catro anos de Goberno de Casares onde se perde potencial investigador.

A universidade é garante da continuidade da forza dun país como Galiza. A necesidade de fortalecermos o tecido investigador e artellarmos mecanismos para que o que nesta institución pública se fai, repercuta ao pobo no que vive.

Non podemos seguir a falar de novos métodos de captación de recursos dende as empresas privadas ou pretender mezenazgos absurdos de grandes corporacións caritativas. Xa miña avoa dicía que non se dan duros a pesetas e non podemos esperar que financien un sistema público sen esperar nada a cambio. Xa non falamos de que pretendan controlar a educación que recibimos, que tamén, se non do tratamento dos estudantes como mera man de obra barata. Queren que o ensino nos saia gratis, que sexa rápido e en contidos básicos para poder sermos maquinas de traballo grises. Preténdese un universitario modelo, que non pense, e que saia ao mundo laboral a traballar inmediatamente en contratos lixos. Iso si, un mundo laboral fora da Galiza.

A función da universidade non se pode reducir a crear persoas coñecedoras da súa materia ou xerar investigación. Debemos apostar por un modelo de universidades que sexa útil para o pais. Sabemos ben que temos a suficiente capacidade para que as nosas universidades xeren postos de traballo no país, e se cadra estamos no mellor dos momentos para asumir este reto. O país depende da necesidade de fixar mozos e mozas formados que se van a dar o mellor da súa formación a outros países. A estruturación da universidade en función as necesidades dun país debe ser hoxe unha realidade a abarcar, se pretendemos a continuidade da institución mesma no seu carácter público.

Termos institutos investigadores sen persoal non é nada serio. Debemos desterrar das nosas cabezas unha produtividade do ensino que só nos leva a mecanizalo, a garantir os máximos resultados en función aos custes. Esquecemos que o maior interese dunha universidade como esta é a de garantir a pequena investigación, o saber polo saber, que se deixamos en mans das empresas privadas desaparecerá.