Eleccións Municipais, que non locais

Eleccións Municipais, que non locais

Metidos como estamos xa, de cheo, na preparación das eleccións municipais do ano que ven, cómpre que teñamos claro que esas eleccións van ser, efectivamente, municipais pero -sobre todo polo contexto económico e social no que estamos- non serán elecccións locais en stricto sensu. A clave, máis que nunca, é, e vai ser, absolutamente nacional.

Até de agora eran moitos e moitas os que lle daban relevancia ao feito local, á xestión municipal, menosprezando, ou pasando por enriba, os distintos asuntos da política nacional e a súa afectación a todos e cada un dos concellos do país.

Este vai ser un proceso electoral no que imos poder falar ás claras de política con maiúsculas, de marcar o noso perfil e de poñer enriba da mesa as propostas do nacionalismo, sen caretas, sen eufemismos, verdadeiras propostas alternativas á política neoliberal do PSOE e do PP en todos os ámbitos.

Se facemos unha análise da nosa actuación política e social durante o último ano e medio, despois de que todos aqueles titulares e soflamas antinacionalistas nos situaran nun dos peores momentos da nosa historia recente, podemos constatar obxectivamente que o traballo, o esforzo, a implicación nos problemas da xente e a defensa por todos os medios das nosas principais señas de identidade fóronnos devolvendo a confianza da cidadanía e, o que é aínda máis difícil de conseguir nunha organización como a nosa, a confianza en nós mesmos.

Fomos capaces de situar temas como a defensa da nosa lingua, a dos nosos sectores produtivos, a dunha política social no máis amplo sentido da palabra, a dos servizos públicos enriba da mesa, obrigando a este goberno esperpéntico da Xunta de Galiza a pronunciarse e a porse en evidencia, a crearlle contínuas contradicións, tamén ao PSOE, entre os seus posicionamentos diante de diferentes temas aquí, na Galiza, e en Madrid.

Aqueles gurús que vaticinaban, extrapolando o resultado das autonómicas aos concellos, que o BNG estaba pouco menos que ao borde da desaparición veñen agora pregando velas disimuladamente cando as súas propias enquisas avanzan non só unha consolidación espectacular do goberno nacionalista de Pontevedra, senón tamén uns resultados moito máis que dignos no resto das grandes cidades galegas. E non lles queda máis que recoñecer que os bipartitos municipais resisten e a cidadanía galega non se dobrega diante da parafernalia e propaganda arrasadora da Xunta e do seu presidente.

Non podemos, nin debemos, ser autocompracentes. Nada máis lonxe dos nosos propios xenes hiperbolicamente autocríticos, pero é o momento de ver con claridade que unha perspectiva de desenvolvemento económico-social que inclúa activamente aos actores sociais debe recoñecer nos concellos un ámbito clave. No espazo municipal, a dinámica da vida cotiá é un terreo privilexiado no cal poden exercerse, focalizadas, políticas enmarcadas nun proxecto nacional e non á súa marxe.

Aquel que agora se amosa agoiro, lanzado aos catro ventos, de que "O PP recupera o voto urbano" era, mais unha vez, unha estratexia clara, un dardo envelenado dirixido a crear en nós un profundo desánimo que quixeran irrecuperábel. Faltan aínda 5 meses para as eleccións municipais, tempo no que debemos seguir traballando arreo pero tendo en conta que o feito até o de agora serviu, e serviunos, para que a cidadanía siga contando con nós, nas cidades e, estou segura, en moitas das vilas e pequenos concellos do país.

O noso discurso, nacional, de país, fíxonos de novo visíbeis e sitúanos como alternativa real en moitos concellos. Non podemos, polo tanto, perdernos en cuestións unicamente locais que representan pouco máis alá que unha variedade temática e de contidos interminábel. A crise, o desemprego, a perda de dereitos sociais e laborais, as medidas de afundimento dos nosos sectores produtivos tomadas polo PP e polo PSOE, o ataque directo aos nosos servizos públicos, o deterioro da sanidade, o abandono do ensino como dereito universal, a abolición por decreto da nosa lingua, o favorecemento descarado a intereses concretos que supoñen as modificacións da Lei do Solo, o desmantelamento definitivo de Galiza como país que significan as novas Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral, o atraco a man armada que supón a Lei de Augas... e tantas outras cuestións que, convenzámonos, non son locais pero afectan a todos e cada un dos concellos de Galiza.

É certo, e non é unha cuestión menor, que ten que existir unha identificación entre as nosas propostas e o territorio que aspiramos a gobernar. Agora ben, comprendamos que as cidadás e cidadáns non entenderían que unha forza política nacionalista, que traballa diariamente ao pé da xente, non falase nin ofrecese alternativas para os principais problemas que a angustian e só se detivera no punto de luz ou no asfaltado do camiño. Por moito que estes sexan os pequenos problemas da realidade de todos e todas, o que sería verdadeiramente estar fóra da realidade é considerar as eleccións municipais de maio como rigurosamente locais.