Einstein: Científico extravagante ou home de esquerdas?

Einstein: Científico extravagante ou home de esquerdas?

Como a súa condición de mente privilexiada, científico destacadísimo e celebridade mundial non permitían reprimilo abertamente na caza de bruxas macartista, Einstein foi represaliado dende o FBI mediante a criación e transmisión da súa imaxe como "un tolo iluminado". As razóns de tal persecución poden atoparse nos seguintes fragmentos dun artigo seu de 1949 "Why socialism". A actualidade e clareza dos seus plantexamentos exímenos de realizar comentarios ou actualizacións. Aí van as súas palabras literais:

"É nisto no que os que se están esforzando en mellorar a sorte do home poden basear as súas esperanzas: os seres humanos non están condenados, pola súa constitución biolóxica, a aniquilarse ou a estar á mercé dun destino cruel, infrinxido por eles mesmos.

A anarquía económica da sociedade capitalista tal como existe hoxe é, na miña opinión, a verdadeira fonte do mal.

Chamarei "traballadores" a todos os que non compartan a propiedade dos medios de produción, aínda que isto non corresponda ao uso habitual do termo.

Os propietarios dos medios de produción están en posición de comprar a forza de traballo do traballador. Usando os medios de produción, o traballador produce novos bens que se converten en propiedade do capitalista. O punto esencial neste proceso é a relación entre o que produce o traballador e o que se lle paga, ambos os dous medidos en valor real.

O capital privado tende a concentrarse en poucas mans, en parte debido á competencia entre os capitalistas, e en parte porque o desenvolvemento tecnolóxico e o aumento da división do traballo animan a formación de unidades de produción máis grandes a expensas das máis pequenas. O resultado deste proceso é unha oligarquía do capital privado cuxo enorme poder non se pode controlar con eficacia incluso nunha sociedade organizada politicamente de forma democrática.

Por outra banda, baixo as condicións existentes, os capitalistas privados inevitablemente controlan, directa ou indirectamente, as fontes principais de información (prensa, radio, educación). É así extremadamente difícil, e de feito na maioría dos casos absolutamente imposíbel para o cidadán individual obter conclusións obxectivas e facer un uso intelixente dos seus dereitos políticos.

Tomada no seu conxunto, a economía actual non se diferencia moito do capitalismo "puro". A produción está orientada cara ao beneficio, non cara ao uso. A motivación do beneficio, conxuntamente coa competencia entre capitalistas, é responsable dunha inestabilidade na acumulación e na utilización do capital que conduce a depresións cada vez máis severas.

Non está garantido que todos os que teñen capacidade e queiran traballar poidan atopar emprego; existe case sempre un "exército de parados". O traballador está constantemente atemorizado con perder o seu traballo.

A competencia ilimitada conduce a un desperdicio enorme de traballo, e a ese amputar a conciencia social dos individuos. Considero esta mutilación dos individuos o peor mal do capitalismo.

O noso sistema educativo enteiro sofre deste mal. Incúlcase unha actitude competitiva esaxerada ao estudante, que é adestrado para adorar o éxito avarento como preparación para a súa carreira futura.

Estou convencido de que hai soamente un camiño para eliminar estes graves males, o establecemento dunha economía socialista, acompañado por un sistema educativo orientado cara metas sociais.

Nunha economía así, os medios de produción son posuídos pola sociedade e utilizados dunha forma planificada. Unha economía planificada que axuste a produción ás necesidades da comunidade, distribuiría o traballo a realizar entre todos os capacitados para traballar e garantiría un sustento a cada home, muller e neno."